21/11/17

Carnota convértese no epicentro do debate científico sobre a xestión dos montes post-incendio

Xilberto Caamaño, da AMPPN, cun membro do proxecto GESFIRE durante os traballos
A Asociación Monte Pindo Parque Natural comprácese en compartir unha interesantísima e necesaria actividade que acollerá o Salón de Actos da Casa do Concello de Carnota os vindeiros días 1 e 2 de decembro. Trátanse das Xornadas sobre xestión do monte incendiado mediante ferramentas multiescala: o caso do Monte Pindo, que buscan dar resposta ás múltiples preguntas que xurden cando o noso monte arde, e nomeademente á cuestión fundamental que nos facemos todos: que hai que facer despois dun lume?

Sinatura do acordo entre o GEFUSC e a AMPPN
O Grupo de Ecoloxía do Lume da USC (GEFUSC) leva anos facéndose esa pregunta, polo que lanzou o proxecto GESFIRE, alcume do proxecto de "Ferramentas multiescala para a xestión post-incendio de ecosistemas forestais propensos ao lume no contexto de cambio global", que usaría de referencia varios espazos naturais recentemente devastados polos incendios, entre eles o Monte Pindo. Neste contexto, a entidade púxose en contacto con nós en 2016 para solicitarnos apoio e colaboración, e nomeadamente naquelo que lles resultaba máis atractivo e útil para a súa iniciativa, que é o acceso aos datos do Catálogo de Especies do Monte Pindo (CEMP) que vén elaborando a nosa entidade desde hai case un lustro. Esta colaboración fíxose finalmente realidade a través da sinatura dun acordo entre a entidade académica e Monte Pindo Parque Natural pola que esta lle cedeu todos os datos que logrou compilar.

Cartel das Xornadas
A iniciativa desenvolveuse cun intenso traballo de campo, que incluíu o mapeo sistemático de determinadas áreas do Monte Pindo a vista de drone, co que coincidimos varias veces a pasada primavera, durante outro proxecto que estamos desenvolvendo. Felizmente, a pasada semana comunicóusenos desde o GEFUSC a noticia de que as conclusións do traballo íanse presentar en Carnota durante unhas Xornadas específicas dedicadas ao Monte Pindo, unha decisión que nos congratula inmensamente pois coincide plenamente coa nosa filosofía de achegar a ciencia e o coñecemento ao pobo, e contribúe a seguir poñendo o Monte Pindo, Carnota e o rural galego no mapa das investigacións cientíticas. A nosa entidade terá a honra, ademais, de contar cunha intervención na segunda sesión das Xornadas; será o sábado 2 de decembro a partir das 11:45h, coa conferencia "Valores naturais, culturais e de ocio do monte e a sua xestión. O caso do Monte Pindo” a cargo de Mario Maceiras, secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural.

Para asistir é necesario inscribirse antes do 27 de novembro en gefusc@gmail.com, tendo en conta que as prazas son bastante limitadas.

A continuación o programa completo destas interesantísimas xornadas que vos aconsellamos encarecidamente seguir.

Xornadas sobre xestión do monte incendiado mediante ferramentas multiescala: O caso do Monte Pindo
Carnota, 1 e 2 de decembro de 2017
Xornadas de interese para xestores forestales, mancomunidades de montes, propietarios de terreos forestais e outras persoas e entidades relacionadas co monte.

1º día (1 DE DECEMBRO, venres)

1ª Sesión

  • 10:00-10:30 Rexistro e entrega de documentación
  • 10:30-11:00 Inauguración oficial das Xornadas. Alcalde de Carnota, Director Xeral de Ordenación Forestal,Vicerrectora de Investigación e Innovación da USC, Organizadora das Xornadas
  • 11:00-11:30 Conferencia: “Xestión de áreas incendiadas en Galicia”. D. Tomás Fernández-Couto. Director Xeral de Ordenación Forestal, Xunta de Galicia.
  • 11:30-12:00 Conferencia: ”Interacción entre as técnicas de última xeración e as convencionais para xestionar áreas incendiadas”. Dra. Mercedes Casal. GEFUSC. Facultade de Bioloxía, USC.
  • 12:00-12:30 Pausa café
  • 12:30-13:00 Conferencia: “Xestión de Especies Exóticas Invasoras”. Dr. Jesús Santamarina. Subdirección Xeral de Calidade Ambiental, Xunta de Galicia.
  • 13:00-13:00 Conferencia: “Invasión de Paraserianthes lophanta no Monte Pindo”. Dr. Juan García Duro. GEFUSC. Facultade de Bioloxía, USC.
  • 13:00-13:30 Pausa comida

2ª Sesión

  • 15:00-18:00 Visita de campo para observar o estado de recuperación do Monte Pindo. Visitaranse distintas partes do Monte Pindo e en cada unha delas os asistentes as xornadas recibirán explicacións dos profesores sobre aspectos relacionados con uso das ferramentas multiescala, o estado de rexeneración da vexetación nativa e da recuperación dos servizos ecosistémicos, e os procesos de invasiones biolóxicas sufridas nos últimos anos.
  • 18:30-19:00 Conferencia: “Comportamento competitivo das especies exóticas invasoras”. Dra. Elvira Díaz Vizcaíno. Escola Politécnica Superior, USC.
  • 19:00-19:30 Conferencia: “Invasións biolóxicas e lume: estudo de casos”. Dra. Otilia Reyes. GEFUSC. Facultade de Bioloxía, USC.

2º día (2 DE DECEMBRO, sábado)

3ª Sesión

  • 10:00-10:45 Conferencia: “Régimen de incendios y su impacto en el funcionamiento de los ecosistemas propensos al fuego”. Dra. Leonor Calvo. Facultad de Biología, Universidad de León.
  • 10:45-11:15 Conferencia: “Aplicación de imágenes de satélite en la evaluación de la regeneración y restauración post fuego”. Dra. Susana Suárez Seoane. Facultad de Biología, Universidad de León.
  • 11:15-11:45 Pausa café
  • 11:45-12:15 Conferencia: “Valores naturais, culturais e de ocio do monte e a sua xestión. O caso do Monte Pindo”. Conferenciante: D. Mario Maceiras Dosil. Asociación Monte Pindo Parque Natural
  • 12:15-13:45 Mesa redonda: “Xestión integrada dos montes para a preservación e uso dos servizos ecosistémicos”. Moderadora: Dra. Otilia Reyes. Dra. Mercedes Casal, Dra. Leonor Calvo, Dr. Juan García Duro, D. Mario Maceiras Dosil
  • 13:45. Clausura das Xornadas. Concello de Carnota, Organizadora das Xornadas

Datos de interese

20/11/17

Un centenar de persoas celebran o Día do Patrimonio no Monte Pindo

O chamamento da Rede do Patrimonio Cultural para celebrar por primeira vez en Galiza o Día Internacional do Patrimonio Mundial da UNESCO, obtivo unha resposta masiva no Monte Pindo e noutros puntos da xeografía galega, polas preto de medio cento de iniciativas que simultanearon as entidades sociais que nos agrupamos baixo a bandeira amarela que xa simboliza a defensa do patrimonio cultural galego.

A comitiva coroou o Monte Pindo
A Asociación Monte Pindo Parque Natural non quixo perderse esta conmemoración e organizou unha visita guiada polo Olimpo Celta, onde o prato forte foi a parada no Castelo medieval de San Xurxo, ao pe do cal tomamos unha foto de familia e demos unha amena charla sobre todo o que sabemos dunha das primeiras fortalezas pétreas do País e o seu encaixe nos eventos históricos da nosa cronoloxía altomedieval, a cargo de Carlos J. Galbán Malagón, historiador quen desenvolveu a súa tese doutoral encol das fortificacións medievais galegas. A charla foi seguida atentamente polas máis de cen persoas que acudiron a este chamamento, e que logo continuaron a súa visita ata o mesmo cumio do Olimpo Celta, nun día absolutamente espléndido.

A Asociación Monte Pindo agarda que a actividade fose do agrado de toda a asistencia, e ter contribuído a incrementar a atención pública sobre o noso riquísimo patrimonio cultural, que non atravesa desde logo polo seu mellor momento pola falta de interese e o abandono das administracións públicas, ao contrario do que pasa noutros países que si invisten tempo e recursos en protexer o seu patrimonio como un piar imprescindíbel para construír o seu futuro. Asi mesmo felicitámonos polo incuestionábel éxito desta primeira iniciativa conxunta da Rede de Patrimonio Cultural, e que convida a seguir tecendo relacións entre as entidades que dedicamos parte dos nosos esforzos a velar polo noso patrimonio.

No noso Facebook podedes ver un completo álbum fotográfico da xornada.

08/11/17

Salvamos o carballo anano!

Unha das xoias biolóxicas de Galiza, o Quercus lusitanica, coñecida popularmente como carballo anano ou añón, e que só atopa a día de hoxe acubillo no Monte Pindo, xa ten o seu futuro asegurado grazas a un proxecto de investigación nacido a raíz da colaboración de varias entidades científicas e que tamén contou coa nosa asociación.

A noticia transmitíunola Elena Corredoira do Instituto de Investigacións Agrobiológicas de Galicia (IIAG), dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), quen veñen de presentar os resultados dunha revolucionaria iniciativa destinada a conservar mediante técnicas de laboratorio esta fuxidía especie que na actualidade só pervive a duras penas nunha ínfima porción do Olimpo Celta, o que lle valiu no ano 2011 o estatus legal de especie vulnerábel a petición do núcleo de persoas do que acabaría nacendo a Asociación Monte Pindo Parque Natural.

Precisamente foi a sinerxia entre distintas entidades a que posibilitou que, logo de contactaren os do CSIC con nós en 2012 para pedirnos colaboración no seu proxecto para a creación dun banco de xermoplasma do carballo anano, acabou implicando tamén a Emilio Carral Vilariño da Escola Politécnica de Lugo, quen tamén contactara con nós para pedirnos apoio a un proxecto que á súa vez estaba desenvolvendo. Esta combinación de esforzos, coñecementos e recursos posibilitou o éxito dun proxecto para a creación dun banco de xermoplasma para garantir o futuro do carballo anano, mediante un innovador proceso de biotecnoloxía vexetal baseado no cultivo in vitro. Xa se está a estudar a reintrodución dos novos plantóns producidos por esta técnica no seu hábitat natural, para reforzar a presenza da especie no Monte Pindo e seguir estudando a súa evolución, coa ollada posta no obxectivo claro da súa supervivencia.

Denuncia da situación actual
Praga de eucaliptos en pleno hábitat do Q. lusitanica
A análise da situación da especie revelou ata que punto o carballo anano está moi ameazado mesmo no seu único hábitat galego, pois logo dos terríbeis incendios das últimas décadas e debido ao desinterese da administración autonómica quen ignorou reiteradas denuncias por parte da nosa entidade, soporta unha auténtica praga de eucalipto que xa colonizou o seu espazo natural e que, de non facerse algo por remedialo, ameazará en grao similar ou mesmo maior que os incendios a esta especie única. Neste senso a Asociación Monte Pindo insiste na urxencia e a necesidade de erradicar os eucaliptos e outras especies invasoras que están colonizando a marchas forzadas o Olimpo Celta e ante o que nós como sociedade nada podemos facer, pois no ano 2013 a Xunta mandou paralizar coa ameaza de sancións as nosas actividades de repoboación con voluntariado na zona, veto que a día de hoxe, 4 anos despois, aínda non levantou.
Agora que estamos novamente en pleno debate sobre a política incendiaria e as respostas sociais, non está de máis lembrar que no Monte Pindo foi a propia Xunta quen nos prohibiu canalizar a enorme ola de solidariedade e voluntariado que se puxera á nosa disposición para rexenerar os restos aínda fumegantes do Olimpo Celta.

31/10/17

Acompáñanos ao castelo de San Xurxo polo Día do Patrimonio!

Restos do castelo de San Xurxo (fonte)
A Asociación Monte Pindo celebra o vindeiro sábado 18 de novembro o Día Internacional do Patrimonio Mundial, efeméride promovida pola UNESCO, cun roteiro polo Olimpo Celta que partirá ás 10:00 horas desde a Igrexa do Pindo.

Esta actividade, de participación libre e aberta a todos os públicos, incluirá unha visita guiada a un dos maiores tesouros arqueolóxicos do Monte Pindo: o Castelo medieval de San Xurxo, durante a que nos acompañará o historiador Carlos J. Galbán Malagón, experto nas fortificacións medievais galegas.

Ao remate desta visita, quen queira pode retornar ao punto de partida (chegada prevista ás 13:00 horas) ou ben pode continuar o roteiro ata coroar o Monte Pindo (nese caso a chegada será sobre as 18:00 horas).

A organización lembra que o ascenso do Monte Pindo reviste dificultade e recomenda prestar moita atención ás propias limitacións físicas antes de iniciar a subida. Nese caso, deberás traer abundante auga, empregar roupa e calzado cómodo, seguro e apropiado ás condicións meteorolóxico do día. Asi mesmo, quen desexe completar o percorrido debe traer o seu xantar.

Esta actividade encádrase no programa de actividades conmemorando o Día Internacional do Patrimonio Mundial en toda Galiza por parte da Rede do Patrimonio Cultural, á que está adherida a nosa entidade.

O #DíadoPatrimonio, nun mapa

04/09/17

Contra os cheiros da praia do Pindo

 

A Asociación Monte Pindo Parque Natural adhírese ás voces veciñais críticas coa situación límite de contaminación na praia de San Pedro no Pindo e súmase á denuncia de existencia de verquidos no rego da Laxe e o río do Lugar que levan décadas contaminando os ditos cauces e o areal, e chegando a provocar cheiros insoportábeis para veciñanza e visitantes, con especial incidencia no verán.

Asi mesmo queremos expresar a nosa total disposición a participar nunha iniciativa conxunta encamiñada a rematar de vez cos problemas de vertidos no lugar e esixir ás administracións competentes a inmediata posta en marcha da estación de bombeo e a conexión de todos os puntos problemáticos á rede de sumidoiros municipal. Neste sentido, poñémonos ao servizo da veciñanza, como sempre estivemos.

24/07/17

Monte Pindo colabora cun novo documental sobre a Raíña Lupa


Temos o luxo de anunciar que a Asociación Monte Pindo Parque Natural colabora cun novo proxecto audiovisual que preparan Ab Origine e a produtora Jacobsland sobre a raíña Lupa, que tentará presentar esta figura desde unha óptica histórica.
Onte acompañamos ao equipo de rodaxe ao Monte Pindo, onde da man do gran José Rodríguez Ramos (Pepe do Fieiro) visitamos os sitios arqueolóxicos e revisamos as lendas relacionadas con esta raíña mitolóxica galega.
Agardamos ver moi pronto na pantalla os froitos desta colaboración que seguen a espallar os inigualábeis valores do Olimpo Celta.

11/07/17

O dolmen do Monte Pindo

Moitas veces tense descrito patrimonio arqueolóxico do cal non queda máis que rastro na memoria, ou mesmo se teñen adscrito á imaxinación dos nosos devanceiros, coma a dobre espiral de Barreiro Barral da cal xa falamos nesta páxina, ou dos supostos petróglifos na Laxe da Moa que algúns testigos aseguran ter visto, mais que ninguén que nós saibamos conseguiu localizar nin sinalar. Porén hai outros elementos patrimoniais que, se ben tampouco podemos velos, todo parece indicar que nalgún momento si existiron. É o caso do dolmen do Monte Pindo.

No ano 1875 Ramón Barros Silvelo publicou a súa obra Antigüedades de Galicia que viría a converterse nun tratado sobre as incipientes -e precarias- investigacións arqueolóxicas daquela altura en Galiza. Nesta obra coma todos saben tocou o Monte Pindo, e ademais de deixarnos a primeira cita histórica do famoso Medallón das Sete Pitas aparecido nunha excavación no Monte Pindo e unha descrición da Torre Fiel (Castelo de Penafiel), deixounos para a historia outro elemento moito máis ignoto: un dolmen debuxado con todo luxo de detalles:
O pe da ilustración, presentada xunto con outros megalitos salientábeis da nosa xeografía que si chegaron aos nosos días, non deixa lugar a dúbidas: «Dolmen de la vertiente oriental del monte Pindo». Porén no texto que acompaña a ilustración sitúa este elemento nun punto bastante distante do Olimpo Celta mesmo para os nosos días, nada máis e nada menos que en Colúns, a unhas dúas horas e media a pe por vías modernas. O autor, facendo referencia á hipótese de que os dolmens en realidade puidesen servir a función de aras sacrificiais, describe o megalito deste xeito:
«Más propio para el uso de los sacrificios, es el [dolmen] de las inmediaciones del antiguo Claudionerium -Coluns,- en las avenidas del monte Pindo, por mas que en el completo trastorno que alguna catástrofe parcial produjo en aquella peñascosa ladera, sea dificil aseverar, si se debe á la ciega casualidad, ó á la creencia religiosa del druida. La estension de la plancha derecha superpuesta, mide un metro siete decímetros; la jamba derecha seis decímetros y cinco escasos la opuesta
Ramón Barros Silvelo, Antigüedades de Galicia (1875)
Colúns é unha localidade do Concello de Mazaricos á cal certos historiadores quixeron dar certa relevancia na nosa cronoloxía, habendo quen incluso se atreveu a situar nel o Claudionerium romano que outras voces situaron en Brandomil, tamén identificada á veces coa mansio Grandimirum da via XX do Itinerario de Antonino. Descoñecemos se existe outra memoria ou referencia da existencia dun dolmen neste lugar ou o seu destino, e nese caso agradecemos calquera información que nos axude a seguir aclarando a historia deste megalito.

Interesantemente esta cita agasállonos paralelamente con outra lenda típica: a de que un terríbel terremoto azoutou o Monte Pindo no ano 1217 ou 1272 (segundo a fonte) causando as curiosas formas graníticas do espazo e desviando o río Xallas, que pasou de verter na praia de Carnota a facelo na súa espectacular desembocadura actual no Coaduiro. Esta lendaria catástrofe natural, inverosímil desde o punto de vista xeolóxico segundo os expertos, acadou tanta forza que La Voz de Galicia relatouna en 1885 coma un feito verídico, e Manuel Murguía referiuna na súa Historia de Galicia, ao igual que Camilo José Cela na obra Madera de Boj.

05/06/17

O tecido asociativo de Galiza crea a Rede de Patrimonio Cultural


Máis de cincuenta asociacións participan nesta iniciativa para vertebrar a defensa e promoción do noso patrimonio material e inmaterial
“A cultura é a identidade do noso pobo”. Con esta premisa, máis de cincuenta entidades culturais e patrimoniais de toda Galiza abriron o proceso para a creación da Rede polo Patrimonio Cultural Galego, unha entidade cuxo principal obxectivo será velar pola protección, a divulgación e a defensa do patrimonio cultural do país. 33 delas estiveron presentes na xuntanza fundacional da Rede no museo do Pobo Galego este sábado 3 de xuño. Nas vindeiras semanas, as asociacións que refrenden os acordos tomados constituirán xa formalmente esta Rede de Patrimonio Cultural.

A rede servirá coma un instrumento de axuda e unha ferramenta de difusión das actividades de todas as asociacións e entidades que participan dela e tamén para promover accións e campañas en defensa do noso patrimonio cultural en ámbitos institucionais, sociais e territoriais aos que a cada unha destas entidades, por si soas, lles resulta difícil acceder.

54 entidades de gran diversidade territorial e sectorial
54 entidades de todo o país, que reúnen desde grupos culturais de carácter local ou comarcal, grupos de investigación universitarios e asociacións de carácter profesional uníronse no que é a primeira rede vinculada ao patrimonio cultural que se crea en Galiza, un país onde a cultura e o patrimonio constitúe unha importante fonte de riqueza tanto social como económica e un valioso activo cara o futuro. As entidades participantes na rede manterán a súa independencia, aínda que participarán do seu calendario común de actividades.

Unha planificación anual
A Rede polo Patrimonio Cultural Galego realizará campañas –dúas ou tres por ano--, que afecten a aspectos económicos, lexislativos, administrativos, sociais ou educativos relativos ao patrimonio cultural, á súa conservación, protección e promoción. Ademais, as entidades participantes acordaron impulsar mecanismos e compartir recursos para divulgar o patrimonio, especialmente na ensinanza, co obxectivo de que os máis pequenos crezan cos valores do amor a súa historia e a súa cultura.

Por outra banda, consciente de que forma parte dun espazo cultural e histórico concreto, a rede tamén apoiará campañas que non só se subscriban á Galiza territorial, senón tamén campañas que abrangan outros espazos, coma o norte de Portugal ou as zonas fronteirizas de Asturias e de Castela e León. Neste senso, dará apoio a iniciativas como a de Ponte das Ondas.

A Rede polo Patrimonio Cultural Galego conta xa coa web redepatrimonio.gal para difundir as súas actividades e a de todas as entidades participantes e creará unha intranet para as comunicacións internas.

A creación desta nova entidade de defensa do patrimonnio é froito de semanas de contactos entre distintas entidades. Máis de 50 de toda Galiza amosaron o seu interese en participar nela e 33 ratificaron os acordos para impulsala nunha xuntanza que tivo lugar este sábado no Museo do Pobo Galego, en Santiago.

Entidades participantes
  • A Gentalha do Pichel
  • ADEGA
  • Asociación Amigos do Patrimonio de Castro Verde
  • Asociación Amigos dos Castros
  • Asociación Betula
  • Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!
  • Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional
  • Asociación Monte Pindo Parque Natural
  • Asociación Nordés
  • Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego
  • Asociación profesional CRG da Conservación e Restauración de bens culturais de Galicia
  • Asociación profesional de guías de turismo de Galicia
  • Buxa, Asociación Galega do Patrimonio Industrial
  • Colectivo A Rula
  • Colectivo defensa Patrimonio A FORNEIRIÑA
  • Colectivo defensa territorio ANOVATERRA
  • Comunidade de Montes de Baroña
  • Fundacion Eira
  • Fundación Terra Termarum Castrolandín
  • Grupo de Investigación Roda
  • Irmandade Illa de Tambo
  • Liga Céltica Galaica
  • Mariña Patrimonio
  • Noutrora
  • O Colado do Vento
  • O Sorriso de Daniel
  • O Suído
  • Patrimonio dos Ancares
  • patrimoniogalego.net
  • Plataforma pola recuperación do Sar
  • Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA)
  • Sos Arte Rupestre
  • Umia Vivo
  • Historiadegalicia.gal



16/03/17

O PP tenta promover unha lei máis restritiva que imposibilitará declarar o Monte Pindo Parque Natural, nin ningún outro

Presentamos 25 alegacións á Lei de Patrimonio Natural, coa que a Xunta busca poñer máis trabas aínda á protección de novos espazos, tras 15 anos sen novos parques naturais

A actual desprotección do Monte Pindo foi un factor clave no brutal incendio de 2013
Baixo o pretexto de refundir nunha única norma distintas normativas medioambientais, a Xunta lanzou o borrador do anteproxecto de Lei de Patrimonio Natural de Galicia, un conxunto de normas e disposicións que fixeron saltar todas as alarmas do ecoloxismo galego ao supoñer un ataque frontal aos nosos espazos naturais protexidos, e dificultar aínda máis a declaración de espazos novos, incluso baixo aquelas figuras que nin sequera son competencia da Xunta.

Manifestación en Santiago a favor do Parque Natural
O borrador, cuxo prazo de participación pública remata hoxe, xa recibiu máis de 120 escritos de alegacións, entre as que figura a nosa entidade, que denuncia que o PP lexisle arbitrariamente, sen ter en conta criterios técnicos nin científicos, retorcendo a figura do Parque Natural ata o extremo de imposibilitar a aprobación das candidaturas máis sólidas a facerse con este recoñecemento (destacando a do Monte Pindo) e mesmo impediría declarar ningún dos xa existentes. Isto choca frontalmente co imperativo europeo de declarar novos espazos protexidos que veñan a corrixir o déficit histórico destas figuras na nosa comunidade, e chega cando a Xunta cumpre 15 anos sen aprobar ningún novo parque natural.

Manifestación no Pindo e no Ézaro a favor do Parque Natural
A Asociación Monte Pîndo Parque Natural esixe a retirada das restricións adicionais para crear estes espazos que non existen na lexislación vixente, coma o estabelecemento arbitrario dunha superficie mínima de 10.000 hectáreas para promover novos Parques Naturais; o Monte Pindo quedaría asi moi lonxe dun criterio alleo a ningún fundamento técnico e científico, tan absurdo que faría inelixíbeis hoxe a 5 dos 6 parques naturais galegos, pois só o da Serra do Xurés cumpriría ese novo requisito. De feito, se aplicamos de forma retroactiva o texto, ningún dos parques galegos reunirían hoxe as condicións para selo, feito que a propia Xunta recoñece cunha disposición adicional que ten que matizar que os parques naturais actuais seguirán existindo aínda que non reúnen eses requisitos.

Reunión coa Xunta en 2012 na que expresaran a súa
disposición a declarar o Monte Pindo Parque Natural
Outras adicións envelenadas son a que define os Parque Naturais coma áreas "pouco transformadas polas actividades humanas", a que exclúe os núcleos urbanizados dos espazos protexidos, a xeralización de condicionantes máis propios dos Parques Nacionais, e un conxunto de artigos que veñen a relaxar e mesmo subvertir normas nacionais e internacionais de maior rango, o que cremos que podería incluso constituír unha ilegalidade. Practicamente todo o articulado coxea no mesmo aspecto: antepoñer criterios políticos e económicos ao único criterio que debe imperar nunha norma deste tipo: os obxectivos de conservación dos espazos naturais galegos máis valiosos, e lonxe de facilitar o incremento da superficie galega protexida, como esixen os axentes sociais e as autoridades europeas, dificúltao e mesmo imposibilítao.

Por iso a Asociación Monte Pindo anuncia que manterase vixilante co documento definitivo que presente o goberno da Xunta ao Parlamento, pois de persistir nas súas intencións de vetar a declaración do espazos coma o Monte Pindo coma Parque Natural, unha medida que demandan masiva e unanimemente comunidade científica, entidades sociais e sociedade, chegaremos a onde faga falta para evitar que este goberno submeta o noso medio natural ao servizo dos seus intereses políticos.

09/03/17

Voluntariado no Monte Pindo (VII): Camiño da Portela Ventosa

A Asociación Monte Pindo Parque Natural convoca a toda a veciñanza o vindeiro sábado 11 de marzo a coller o fouciño para recuperar o Camiño da Portela Ventosa, un dos sendeiros tradicionais máis interesantes do Monte Pindo por ofrecer unha perspectiva pouco coñecida do célebre Cuaduiro do Ézaro, que na actualidade se atopa impractícábel e  pechado polos toxos e as xestas.

Participa e axúdanos a seguir revivindo a memoria deste monte de todos.
PROGRAMA

10:00h. Saída desde a ponte do río Xallas.

Os asistentes deberán traer:
  • Fouciño (ou outro enser para o desbroce) e luvas de protección.
  • Bebida e comida.
  • Calzado cómodo e roupa acaída ás condicións meteorolóxicas do día.
Confirma a túa asistencia escribindo a info@montepindo.org ou chamando ao 655 56 43 72.

03/01/17

As xoias do Monte Pindo incorpóranse á galería de Stoupa.gal


A Asociación Monte Pindo e a Tenda Turística Stoupa.gal asinaron esta semana un acordo de colaboración que permitirá que as xoias do Monte Pindo coma o mítico Medallón das Sete Pitas ou a vasilla campaniforme conten desde este ano co seu propio espazo na galería que vén de abrir Stoupa en Cee. É de destacar que estas pezas únicas, moi aprezadas como agasallo pola súa exclusividade e historia vencellada á bisbarra, ata agora só se podían adquirir durante as actividades da Asociación ou ben na nosa tenda online, que nunca funcionou todo o ben que debera para atender a inxente demanda que recibimos.

Medallón das Sete Pitas
Por suposto esta prometedora colaboración non se formula desde unha perspectiva comercial, pois non se trata Stoupa.gal dun comercio máis, senón dunha iniciativa pioneira que aspira a converterse nun verdadeiro expositor dos valores tan diversos que ofrece a Costa da Morte a veciñanza e visitantes: arte, gastronomía, música, natureza, moda, cultura, deporte, xoiería, etc. Asi, é moi de destacar o seu compromiso coa artesanía local e os métodos de produción tradicionais, que se reivindican coma o verdadeiro valor diferencial da firma. Este bo criterio, xunto co seu apoio á loita da Asociación Monte Pindo, foi crucial para que logo de varios contactos se puidera materializar un acordo polo cal Stoupa contará desde o recén inaugurado ano 2017 con diversos artigos exclusivos da entidade veciñal carnotá na súa galería, e que ademais unha parte importante de cada venta destinarase a proxectos de mellora do Monte Pindo e de divulgación dos valores da Costa da Morte.

Cómpre agradecer a Stoupa.gal o seu compromiso coa Costa da Morte e co noso medio natural, e sobre todo que nun momento moi difícil se arriscaran a desenvolver unha proposta tan innovadora e necesaria para artellar -mesmo simbolicamente- a nosa comarca, polo cal reuniu de inmediato a adhesión case unánime de produtores e creadores da comarca, incluindo aos afincados en Carnota Nacho Porto, Charamusca, Nando Lestón ou Nano Unzueta. Agora só falta que o apoio da bisbarra e do sector turístico certifiquen o éxito desta aposta.