![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEjvw2orqt0xo3KFjmpDke5D6IbxUsvkYcIKzcywIK0xpnWSulOPR0p9suve4nhMR89xuddMFijajeWT6OIvxAbdpCq0SArJq7ki4RfZdIvh8hHJZMMZ2hHZUpi5eVWocdHETTVvKafgl-k/s1600/IMG-20150309-WA0002.jpg) |
Foto de familia da comitiva |
Non hai camiño do Monte Pindo sen vistas, nin subida sen sorpresas. Esta fin de semana tivemos o pracer de guiar a dous colectivos cos que a entidade defensora do Olimpo Celta vimos colaborando habitualmente, a delegación da
SGHN nas Mariñas e a entidade de custodia do territorio
Fragas do Mandeo.
Medio cento de persoas, boa parte delas expertas no coñecemento e estudo da natureza, percorreron ao longo do pasado sábado os sendeiros do Monte Pindo ávidos de descubrir o seu estado de saúde 540 días despois do incendio.
Por fin localizamos o Narcissus asturiensis
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEgdP4lndz0YDrlbFN1gnQ-vtw_6sNh2T3mOmXZ668j54Shyphenhyphene8wca2GsgkDUX7Ayl537dDc1AsdlgrlISpzTW7p_V3bfQdRNQRX0A43YAURinxzEURS4ZAQnkH9Yw0cOCGvTxZEw0ALBUf4/s1600/IMG-20150309-WA0003.jpg) |
Narcissus asturiensis |
A mellor noticia do día ademais da inmellorábel compañía e de todas as experiencias, consellos e informacións compartidos para a defensa deste espazo, foi o descubrimento de exemplares dun terceiro e novo narciso no Monte Pindo, o
Narcissus asturiensis, especie catalogada coma Vulnerábel o
Catálogo Galego de Especies Ameazadas, e da cal desde hai tempo se sospeitaba que podería estar presente (de feito identificouse erroneamente en varias ocasións), pero finalmente xa podemos confirmar a súa presenza e incluila por tanto no
Catálogo de Especies do Monte Pindo (CEMP), que xa suma 665 especies, das que -con esta- 36 son consideradas
vulnerábeis e máis de 150 contan con algún nivel de protección na lexislación vixente. Asi mesmo, temos previsto mandar exemplares a estudar pois determinadas caracteristicas poden indicar que se trate dunha variedade propia.
Unha canle de auga no curso dun río?
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEgQaYQ1WgVXSjM9HKulNMNSCqdjA46HKl4hwJhc_7p_FZiSMyuy2VIgRCY_dFlgdhwGQx6Jx0vbMqwMltjoObVDrn_5JU1J3bHtVTxyqUgZQv6_pyzAbUYvEiIFHz85sN789WnfIKx2dVY/s1600/Vadebois-Canle.jpg) |
Imaxe: Fco. X. Fdez Nval |
Outra sorpresa foi o descubrimento, esta vez por parte de
Chisco Fernández Naval e Fernando Alonso Romero
durante unha das súas habituais visitas á zona, dunha curiosa canle de pedra que percorre a propia cauce do Rego Vadebois, e que terá que ser estudada por expertos ao constituir un elemento patrimonial que non era coñecido nin moito menos estaba catalogado.
As motos néganse a abandonar a paisaxe virxe do Olimpo Celta
Pola parte negativa do día, un novo encontro cun grupo de moteiros que descendían da mesmísima Laxe da Moa, e que ao seren recriminados pola súa acción aínda se encararon cos sendeiristas. Xa perdemos a conta das veces que denunciamos ante o SEPRONA estas subidas ilegais penadas pola lexislación vixente, sen que este corpo nin ningún outro pareza mover ficha nin adoptar ningún tipo de medida. Deberemos esperar,
unha vez máis, a que un sendeirista sexa atropelado, un motorista sufra un accidente grave ou un incendio sexa provocado para que as autoridades encargadas da xestión deste espazo decidan interesarse.