19/07/22

A Asociación Monte Pindo insta á Xunta a axir ante a nova vaga de incendios

Imaxe: ADEGA
Zonas de altísimo valor ecolóxico en rexións coma a do Courel e Valdeorras arden nestes momentos, iniciando como cada ano a vaga de terrorismo incendiario que con macabra puntualidade asola a nosa nación cada verán, e que acada nestes momentos segundo os medios as 19.000 hectáreas, das que os municipios de Pobra do Brollón e Folgoso do Courel levaron a peor parte, e que están nestes momentos fóra de control segundo a propia Xunta dirixida polo designado Alfonso Rueda.

A piques de cumprirse 9 anos do incendio que asolou o Monte Pindo, outra zona aspirante a ser parque natural -o Courel- vese arrasada sen remedio e neste caso, tamén lugares senlleiros foron completamente arrasados polas lapas, que afectan tamén o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, un dos menos coñecidos da nosa comunidade pero máis valorado polos seus veciños, polo inmenso retorno dos seus soutos de castiñeiros para a comunidade veciñal.

Outros incendios menores en escala cebáronse con moitos outros lugares, entre eles a parroquia de Ramil, no municipio de Palas de Rei, onde está situada a modélica Eira da Xoana, unha vivenda tradicional adquirida para unha iniciativa de experimentación civil e ambiental pola nosa organización matriz ADEGA.

Sendo -coma sempre- moi difícil sinalar a orixe de cada lume, resúltanos imposíbel obviar que a maioría das localizacións afectadas teñen tres elementos en común:

  1. O seu alto valor ecolóxico, en espazos de parque naturais ou candidatas a algunha protección adicional.
  2. A invasión de especies alóctonas pirófitas, sobre todo eucaliptos, que baixo a batuta da empresa ENCE e co apoio da Xunta do PP colonizou o noso País nas últimas décadas ata o punto de rebasar a poboación galega os exemplares que existen na súa Australia orixinaria. 
  3. A previsión de proxectos de macroeólicos que pretenden sementar varias multinacionais ao longo e ancho de Galiza, pois as superficies protexidas, coidadas e explotadas son inimigas naturais destes proxectos, que dependen case exclusivamente do abandono do monte e o conseguinte desafecto da veciñanza para ter algún viso de prosperar nestes espazos.

Por suposto todas estas problemáticas son invisíbeis para os responsábeis actuais da Xunta de Galiza, que sempre se obsesionan coa autoría material para non ter que admitir nunca que detrás de cada incendio hai, alén dunha man executora, un problema estrutural do monte e tamén un inxente negocio que se lucra do lume dun ou outro xeito.

Desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural instamos á Xunta a asumir as súas competencias en xestión forestal, e traballar proactivamente da man das comunidades veciñais para poñer en valor o noso monte para beneficio das comunidades veciñais e de toda a sociedade, pois nos países que o fixeron asi, non deixando a xestión do espazo forestal en mans dunhas poucas empresas depredadoras, os incendios son unha anécdota.

26/06/22

O Festival Atlántica de narración oral chega por primeira vez á Costa da Morte

O Festival Internacional de Narración Oral Atlántica está de 10º aniversario, e celébrao espallando a súa influencia por todo o País, tamén (e por primeira vez) á Costa da Morte. E farao por partida dobre:o vindeiro sábado 2 de xullo no Hórreo de Carnota, da man de ADECOM, e o seguinte sábado, 9 de xullo, no Monte Pindo, de man de Monte Pindo Parque Natural.

Sábado 2 de xullo, o hórreo de Carnota acolle o Atlántica Miúdo

O público infantil (+ 3 anos) e xuvenil está de noraboa, xa que este sábado 2 de xullo poderá asistir ao Atlántica míudo, con Paula Carballeira e o seu "Camiños de mar, terra e vento", organizado por ADECOM.

Será a partir das 20:30 horas no conxunto privilexiado que conforman o Hórreo, o Pombal e a Casa Reitoral de Carnota, a carón da Igrexa de Santa Comba de Carnota. A asistencia é libre e gratuíta.

Sábado 9 de xullo, o Monte Pindo recibe un espectáculo de altura

Algo máis esixente fisicamente, pois diríxese a xente experimentada en rutas de sendeirismo, e con reserva previa a piques de esgotarse, o sábado 9 de xullo o Atlántica subirá o Olimpo Celta da man da Asociación Monte Pindo Parque Natural con Avelino González e o seu "No tempo en que as pedras falaban". 

Avelino disporá do privilexio de utilizar o anfiteatro natural da Cova da Xoana ou Revertedemos, unha espectacular grota natural que perfora de lado a lado unha das serras do macizo.

04/05/22

O VI Simposium Monte Pindo debullará o 21 de maio a toponimia do monte, concello e comarca

Anunciamos o cartel de actividades vencelladas ao VI Simposium Monte Pindo, que logo da interrupción pandémica volverá organizar a Asociación Monte Pindo Parque Natural o vindeiro sábado 21 de maio no lugar do Pindo (Concello de Carnota), co motivo "Arredor da toponimia" cuestión que nos últimos anos ocupou unha liña de traballo da nosa entidade.


O evento, que terá lugar no local da Confraría de Pescadores do Pindo, que colabora coa actividade, atraerá a Carnota a varios expertos e estudosos da cuestión da toponimia, tanto da índole académica coma do ámbito civil, fundamental para atraer o patrimonio oral tradicional en torno aos nomes dos nosos sitios. Asi mesmo, tamén contaremos cunha actuación musical a cargo das Gaiteiras de Pedras Miúdas que porá o broche a xornada.

Programa
  • 10:30 h. Inauguración a cargo de Xilberto Caamaño Beiro, presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural
  • 11:00 h. Palestra: «Elaboración cartográfica do territorio na comarca», por Modesto García Quintáns
  • 11:45 h. Descanso
  • 12:15 h. Proxección de documental: «Os nomes da nosa terra: Monte Pindo», dirixido por Antón Moure e presentado por Fran Cañotas para a AS-PG.
  • 12:30 h. Palestra: «Salvagardar a microtoponimia coa app Galicia Nomeada», por Vicente Feijoo, da Real Academia Galega.
  • 13:15 h. Coloquio
  • 14:00 h. Xantar
  • 16:30 h. Palestra: «Pepe do Fieiro», a cargo del mesmo, José Rodríguez Ramos
  • 17:00 h. Palestra: «Toponimia da Costa da Morte, Ézaro - Pindo», por Martín Fernández Maceiras, do proxecto Gaelaico.
  • 17:45 h. Palestra: «A Toponimia do Monte Pindo: moito máis ca pedras», a cargo de Alfonso Blanco Quintela, profesor de latín.
  • 18:30 h. Recital poético, a cargo Francisco X. Fernández Naval (Chisco), escritor e poeta
  • 19:00 h. Debate e Mesa Redonda
  • 19:45 h. Actuación musical a cargo de Gaiteiras de Pedras Miúdas.

28/03/22

Anunciado o VI Simposium Monte Pindo!

Sabemos que dous meses son moito tempo, pero estamos tan emocionados de poder retomar a nosa actividade normal tras a pandemia que, para que vaiades facendo axenda... anunciamos o VI Simposium Monte Pindo!

Esta nova edición será o sábado 21 de maio no Pósito do Pindo e será dedicado integramente ao asunto da toponimia, porque cremos que os nomes da nosa terra merecen estar por sempre na nosa boca!
Agardamos que sexa do teu interese!