21/11/18

Sesenta persoas celebran o patrimonio cultural galego en Penafiel


Unhas sesenta persoas acompañáronnos o pasado sábado 17 de novembro á visita guiada organizada pola nosa entidade ao Pico Penafiel, que albergou os históricos restos dun castelo medieval completamente destruído durante a segunda Revolta Irmandiña, episodio perfectamente relatado no preito Tabera-Fonseca.

A actividade organizouse con motivo do Día Internacional do Patrimonio, data internacional convocada pola UNESCO e conmemorada en Galiza polas entidades adheridas á Rede do Patrimonio Cultural con máis dunha trintena de actividades en todo o País. Entre os restos que aínda se poden aprezar en Penafiel, está a mítica excomuñón medieval do Monte Pindo, único caso coñecido en que a Igrexa excomulgou un espazo físico polas actividades que supostamente se desenvolvían nel, coa súa cruz medieval, asi coma varios rebaixes e escalóns que puideron servir para soportar as estruturas da torre fortificada.

Xa está colgado no noso Facebook o album de fotos oficial da xornada, obra de Juan Louro, aínda que o tamén socio e directivo Santi Llecha colgou outro álbum igualmente interesante en Flickr con moitas fotos e mesmo varios videos coas explicacións dadas por Xilberto Caamaño, presidente de Monte Pindo Parque Natural, durante a visita.

Aproveitamos para pedir disculpas a todas as persoas que non saen na foto de familia da xornada, porque acordámonos de tomar a foto ao baixar do cumio Penafiel, cando preto da metade da comitiva xa emprendera o retorno.

12/11/18

Visita guiada ao Castelo de Penafiel con motivo do Día do Patrimonio

A Asociación Monte Pindo Parque Natural organiza esta fin de semana unha visita guiada ata o Castelo de Penafiel, ou máis ben ata o lugar que o albergou na Idade Media, pois como é ben coñecido este torreón estratéxicamente situado enriba da desembocadura do río Xallas foi completamente destruído durante a revolta irmandiña.

A xornada comezará o sábado 17 ás 10:00 horas na Área recreativa do Fieiro (Mazaricos) co obxectivo de coroar o cumio do Pico Penafiel, onde están os restos do lendario castelo medieval, que a nosa Asociación logrou recrear mediante unha simulación tridimensional. Está previsto o retorno ao lugar de partida arredor das 13:00 horas.

Coma todas as actividades da nosa organización a asistencia é libre e gratuíta (non sendo necesario inscribirse). Isto si, rogamos puntualidade. Recomendamos traer hidratación abundante e roupa e calzado cómodo, seguro e axeitado ás condicións do día, e ter en conta que subir o Monte Pindo é bastante duro, debendo respectar as propias limitacións físicas antes de iniciar o ascenso.

A actividade organízase polo Día Internacional do Patrimonio Mundial, coordinado en Galiza pola Rede do Patrimonio Cultural, da que a nosa entidade forma parte.

Recreación do aspecto do Castelo de Penafiel descrito por testemuñas da época