07/12/16

A Federación Galega de Montañismo e a Asociación Monte Pindo danse a man para celebrar o Día Mundial das Montañas

11 de decembro, unha data que para milleiros de persoas é xa fundamental para reivindicar o valor dos nosos montes, desde que en 2003 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas (ONU) declarono o Día Mundial das Montañas, efeméride que desde entón pretende ano a ano aumentar a sensibilización social coa enorme importancia destes espazos naturais.

É por iso que desde a Federación Galega de Montañismo (FGM), a maior organización galega dos e das montañistas e dos colectivos dedicados a esta disciplina deportiva, decidiron dedicar o Día Mundial das Montañas 2016 ao Monte Pindo, a través dunha andaina para a que contaron coa Asociación Monte Pindo Parque Natural. Farano a través dun roteiro circular con saída e chegada no lugar do Fieiro, que comezará o vindeiro domingo, 11 de decembro, a partir das 11:00 horas, por unha duración prevista de entre 3 e 4 horas, na cal visitaremos os lugares máis emblemáticos do Olimpo Celta.

Emblema da FGM
Os obxectivos da iniciativa, da cal podedes consultar todos os detalles neste programa (PDF), son os de dar a coñecer o Día Mundial das Montañas; defender, coa nosa presenza, o entorno da montaña e das súas persoas, en todo o Planeta; defender a creación do Parque Natural do Monte do Pindo; e amosar a FGM como colectivo entre a cidadanía e os medios de comunicación.

É a primeira vez que ambas entidades colaboran, o que desde a veciñanza de Carnota sensibilizada co medio ambiente, e particularmente desde a directiva de Monte Pindo Parque Natural, agardamos que supoña o inicio dunha longa e proveitosa relación, polo ben dun deporte tan nobre como é o montañismo e tamén do medio ambiente. Asi mesmo saudamos que con esta actividade a Federación Galega de Montañismo se comprometa firmemente coa iniciativa para a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural,ao igual que o conxunto das súas entidades federadas, algunhas das cales participarán no roteiro: Sociedade de Montaña Ártabros, Club Montaña Ferrol, Club Montañeiros Celtas, Club Pena Trevinca - Montañeiros de Galicia, AROMON Club Montañeiros Pontevedra A Roelo, Club de Montaña e Escala Azimut, Club de Montaña Xistra, Club Alpino Ourensán, e a Agrupación Montañeiros Independentes. A todos eles agradecemos o seu interese e apoio que nos axudará a continuar, firmes, no noso obxectivo de acadar para o Monte Pindo a única figura legal que fai xustiza aos seus valores: o Parque Natural.

21/10/16

Google recoñece o Parque Natural do Monte Pindo e permitirá percorrelo virtualmente


O xigante das telecomunicacións Google, que entre moitas outras innovacións transformou e popularizou a cartografía grazas á aplicación Google Maps, desde esta semana recoñece oficialmente o parque natural do Monte Pindo, ao mesmo nivel que os outros parques naturais existentes na nosa comunidade. Ademais, ante a falta do recoñecemento e compromiso por parte das administracións públicas, Google coloca á nosa entidade coma xestora deste espazo.

Isto supón un novo chanzo dunha incipiente colaboración entre Google e a Asociación Monte Pindo Parque Natural, que moi pronto dará un dos seus maiores froitos. A entidade carnotá lanza o programa Trekker Monte Pindo, mediante o cal moi pronto vai comezar a mapear rutas do Monte Pindo e do seu entorno xeográfico para incorporalas á súa aplicación Google Street View. Isto permitirá que calquera persoa, desde calquera parte do mundo, poderá percorrer as principais rutas do Monte Pindo, e algo moitísimo máis importante para nós: que persoas que polas súas limitacións físicas e psíquicas nunca puideron ascender os seus cumios, agora poderán facelo de xeito virtual.

Está previsto que os traballos de mapeo, é dicir, o percorrido das rutas portando a mochila Trekker de Google, comecen a vindeira primavera. Os traballos faranse con voluntariado seguindo un calendario previamente acordado coa compañía californiana. As persoas que desexen participar no programa Trekker Monte Pindo como voluntariado poden incribirse xa na páxina trekker.montepindo.gal.

13/10/16

Sicixia: nace unha xoia do cine galego con sabor ao Monte Pindo


Xil Caamaño, Ignacio Vilar, Marta Lado e
Tamara Canosa (CC. AMPPN, 2013)
Ata o 25 de novembro non se estrea nas salas de cine, pero un novo filme galego xa arrasa polo mundo. Trátase de Sicixia, a última ópera visual de Ignacio Vilar (Pradolongo, Vilamor, A Esmorga...) ambientada completamente na Costa da Morte (con licenza da Rapa das Bestas de Sabucedo que protagoniza a primeira escea). E é que a Costa da Morte pódese considerar a protagonista principal dun filme que súa salitre, natureza e vento en cada fotograma. Ignacio Vilar é quen de traer o espectador a través da pantalla a esta comarca da Fin da Terra, que reflectiu perfectamente tanto na súa natureza viva e agreste como na súa faceta ás veces escura e deprimente.

E se ben o incomparábel marco axuda, este proceso creativo non se sostería tan ben sen as actuacións impecábeis de Monti Castiñeiras e Marta Lado, na pel dun técnico de son e dunha recolectora de algas, respectivamente, mergullados na procura de si mesmos, ata que se atopan o un ao outro, o que cambia absolutamente todo. Tan redonda resultaron as súas interpretacións que xa lle valeron á fisterrá Marta Lado o recoñecemento internacional dun merecido premio á mellor actriz na 21ª edición do Festival Cinespaña de Toulouse. Cremos que non será o último recoñecemento a este filme. Desde o alto do Olimpo Celta, enviamos os parabéns á veciña e amiga Marta, e a todo o equipo de profesionais que forma parte neste éxito.

Agradecemento aos colaboradores carnotáns nos créditos
A Asociación Monte Pindo Parque Natural ten a honra de poder compartir parte deste éxito, pois hai algo máis de 3 anos recibimos a encomenda de acompañar a Marta Lado, Ignacio Vilar e Tamara Canosa polo Olimpo Celta na procura de localizacións, que protagonizan algúns dos momentos máis intensos do filme. A nosa primeira incursión, en agosto de 2013, quedará para sempre gravada na retina, pois a pesar de transcorrer en pleno verán sorprendeunos un temporal de vento e auga, que nos obrigou a refuxiarnos varias horas nunha cova. Porén estamos seguros que esta experiencia foi inspiradora para o bo facer de director e actrices.

Só nos resta agradecer a Ignacio Vilar e a Vía Láctea Filmes que apostara polo Monte Pindo para rodar, con todas as dificultades técnicas que isto supón, e tamén pola nosa entidade para participar na fascinante aventura do producir cine, e que nos convidaran a asistir en exclusiva ao primeiro pase da película na Coruña. A obra encantounos, agardamos que teña moitísimo éxito e que os espectadores saiban aprezala cando chegue ás principais salas de cine o vindeiro 25 de novembro.

10/10/16

Videoactas do V Simposium Monte Pindo: A memoria dos fuxidos

A Asociación Monte Pindo Parque Natural ten o pracer de liberar ao ben común na súa canle de Youtube as videoactas do «V Simposium Monte Pindo: A memoria dos fuxidos», celebrado o pasado 1 de outubro no Pósito dos Pescadores do Pindo, que por primeira vez tiveron carácter monográfico sobre a cuestión dos centos de fuxidos no Monte Pindo durante os primeiros compases do golpe de estado de 1936 e a brutal represión franquista que se iniciou a continuación.

Inauguración
Merche Díaz inaugura o Simposium
Merche Díaz, secretaria dunha Confraría de Pescadores do Pindo abarrotada para a ocasión, e tesoureira da Asociación Monte Pindo Parque Natural, foi a nomeada para inaugurar o V Simposium Monte Pindo. Por suposto, organización do evento nun local destas características non foi casual: o mesmo espazo foi ocupado no ano 1936 polos falanxistas e militares para servir de centro de mando dos golpistas desde onde se dirixiu un intensivo operativo de busca e captura dos veciños fuxidos no Monte, e tamén onde se torturou e extorsionou a vítimas e familiares para obter información que axudara a capturar a aqueles que se rebelaran contra o golpe.



Proxección "A Mariñeira" e charla-coloquio
Darío Xohán Cabana e Antón Dobao
A proxección do filme A Mariñeira, a piques de cumprirse 10 anos da súa estrea, ateigou o local do Pósito de veciñanza e visitas ansiosas por coñecer a historia de María, unha humilde mariñeira de Quilmas que, logo do alzamento fascista do 36, ten que sacar adiante soa as súas fillas cando o seu home fuxe ao Monte Pindo, e que tivo que enfrontarse as autoridades oficiais e fácticas do franquismo que usaron absolutamente todos os resortes ao seu alcance -legais e ilegais- para levar á Mariñeira a revelar o paradoiro do seu compañeiro escapado. Para explicar os procesos creativos que levaron un relato de poucas páxinas como é A Mariñeira de Quilmas á gran pantalla, organizamos unha charla-coloquio con Darío Xohán Cabana (Cospeito, 1952), autor do texto, e Antón Dobao (Lugo, 1963), director do filme, baseado nun guión de Xabier Cordal.



Palestra «Evasións por mar na Guerra Civil. Os fuxidos do Pindo»
Eliseo Fernández
Continuou a xornada coa conferencia «Evasións por mar na Guerra Civil. Os fuxidos do Pindo» a cargo de Eliseo Fernández (Ferrol, 1967), historiador especializado na Guerra Civil e nomeadamente no compoñente anarquista e obreiro da resistencia, quen documentou profusamente os episodios das fuxidas por mar na costa galega, destacando no noso entorno a rocambolesca captura da lancha As, a mans de 13 veciños fuxidos no Monte Pindo, e grazas ao cal lograron chegar a Bristol. Eliseo fixo entrega á nosa asociación de varios recortes de prensa da época, descoñecidos cando menos para nós, documentando profusamente o impacto que tivera este acontecemento na prensa inglesa ao revelar o verdadeiro alcance do drama humano que se estaba a vivir nas zonas do estado español que caían en mans dos insurrectos.







Palestra «A sublevación militar franquista e os escapados do Monte Pindo»
Luis Lamela
Despois de xantar no restaurante da pensión A Morada do Pindo, xa pola tarde tocou o turno dunha das palestras máis agardadas, «A sublevación militar franquista e os escapados do Monte Pindo» a cargo do xubilado de banca e historiador de vocación Luis Lamela (Corcubión, 1942), considerado unha das figuras pioneiras da recuperación da memoria histórica do noso País. Luis, autor do libro "Escapado. Do Monte Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón" fixo gala do seu profundo coñecemento da documentación histórica e da hemeroteca ilustrando con ela a convulsión que supuso o alzamento fascista do 36 para as prácidas vilas do sur da Costa da Morte», enumerando os episodios máis coñecidos e mellor documentados de fuxidos no Monte Pindo e tamén as persoas e organizacións sociais, políticas e sindicais máis importantes na altura e os seus papeis na contenda bélica.



Palestra «Galeguismo e represión en Carnota e na bisbarra»
Xosé Ramón Ermida
A continuación foi Xosé Ramón Ermida (Foz, 1973) quen se puxo ao timón do Simposium para recuperar unha historia moi pouco coñecida aínda nos nosos días: o papel do nacionalismo no contexto do alzamento golpista, moi solapado no relato oficial da contenda, que recuperou no libro Mortos por amor á terra que vén de presentar hai unhas semanas tras 20 anos de investigación. Moncho centrou a súa palestra «Galeguismo e represión en Carnota e na bisbarra» no Partido Galeguista de Carnota e Muros, sorprendentemente activo e nutrido na época para tratarse dunha poboación preponderantemente rural, demostrando o seu dominio da documentación que lle permitiu enunciar non só as actividades máis notorias da agrupación local, senón o seu organigrama interno e boa parte do seu censo de militantes. Foi este persoeiro quen nos permitiu devolver á vida unha pouco coñecida imaxe do celebérrimo mitin de Castelao en Lira.



Debate aberto e clausura 
Luis Lamela e Moncho Ermida
O debate aberto, habitual en todos os Simposium Monte Pindo para dar a palabra aos asistentes, permitiu a moitas persoas clarificar as súas dúbidas a respecto da catarse social e política que supuxo o golpe de estado fascista na nosa bisbarra, e tamén expresar as súas opinións. Ocuparon o atril durante este espazo de libre expresión os propios Luis Lamela e Moncho Ermida, que deixaron patentes as súas propias discrepancias sobre as diferentes lecturas que se poden facer do conflito e dos seus actores principais.

Finalmente, foi a encargada de clausurar o V Simposium Monte Pindo a concelleira de memoria histórica do Concello de Carnota, Carme Armendariz, quen saudou en nome do executivo municipal esta iniciativa e invitou a seguir organizando proxectos de recuperación da memoria histórica no noso municipio e bisbarra.

A Asociación Monte Pindo quere agradecer en primeiro lugar ao conxunto dos ponentes a súa participación completamente altruísta e desinteresada nesta iniciativa, e todos os coñecementos que deitaron nun Simposium que contribuiu a engrandecer a historia do Monte Pindo e tamén a honrar e dignificar a memoria dos nosos veciños que deron a vida pola liberdade de Galiza. Por outra parte, queremos expresar a nosa satisfacción pola excelente acollida que tivo esta programación entre veciños e visitantes, pois durante algun momento chegouse a rozar o aforo máximo do local. Isto certifica o acerto de organizar unha actividade divulgativa en torno a unha temática que poucas veces se ten afrontado tan de fronte, e convida a seguir organizando iniciativas nesta liña.

29/09/16

Recuperamos unha foto case descoñecida do mitin de Castelao en Lira


Moita xente coñece a mítica foto na que ducias de veciños de Lira, tomada no ano 1936, arroupaban ao médico, político e artista rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, durante a campaña de petición do voto favorábel para un Estatuto de Autonomía que se viría violentamente truncado só días despois da súa aprobación polo golpe de estado fascista. Esta foto lembra este día en moitos fogares e negocios do noso concello e alén, e mesmo preside unha praciña conmemorativa que o Concello de Carnota inaugurou o ano 2000, no lugar exacto onde se pronunciara un discurso para a historia.

Mítica foto de Castelao en Lira coas Mocedades Galeguiistas
Pero moi pouca xente sabe que existe outra fotografía do nacionalista rianxeiro, moitísimo menos coñecida, tomada en plena oratoria durante o mitin de Lira, e que parece arroxar luz sobre o carisma e tamén sobre o entrusiasmo que subscitaba a súa figura no pobo, que parecía aglomerarse na busca dunha posición privilexiada entre o público do acto político.

Tan feliz redescubrimento débese a unha achega de Moncho Ermida, un dos conferenciantes que nos acompañará este sábado durante o V Simposium Monte Pindo: a Memoria dos Fuxidos, e quen intervirá a partir das 17:45h cunha palestra titulada «Galeguismo e represión en Carnota e na bisbarra» dedicada, precisamente, a contextualizar a situación política na época e nomeadamente a explicar como era a organización o Partido Galeguista de Carnota e Muros.

Os orixinais da imaxe forman parte da colección dedicada a Castelao depositada no Museo de Pontevedra.

23/09/16

O V Simposium Monte Pindo recupera a memoria dos fuxidos 80 anos despois

A Asociación Monte Pindo Parque Natural presenta o V Simposium Monte Pindo, que baixo o título «A Memoria dos Fuxidos» terá lugar o sábado 1 de outubro no Pósito do Pindo (Carnota), consolidando un evento que desde hai xa 5 anos sitúa o Olimpo Celta coma un punto de referencia nacional a nivel de investigación e divulgación.

Nesta quinta edición, por primeira vez, a cita terá carácter monográfico, ocupándose dun asunto que nunca antes en 80 anos se tratara na súa xusta medida: a historia dos fuxidos no Monte Pindo logo do golpe de estado de xullo de 1936. Naqueles primeiros instantes de desacougo e incerteza pola tebrosa ameaza que se cinguía sobre o noso pobo, milleiros de persoas de toda a bisbarra optaron por escalar as agrestes ladeiras do Olimpo Celta buscando refuxio da fratricida sede de sangue desatada naqueles que tentaban conseguir mediante as balas o que non lograran mediante as palabras. Desgrazadamente os seus temores non eran infundados: moitas destas persoas atoparon a morte no Monte Pindo, tentaron fuxir ou ben cederon finalmente ante falsas promesas de seren amnistiados; moi poucos porén volverían a ver as súas familias.

Por e para eles o colectivo veciñal pretende facer do cartel e o programa do Simposium unha verdadeira homenaxe póstuma a tantas persoas que deron a súa vida pola liberdade. Para iso, o V Simposium Monte Pindo contén un extenso programa de actividades que irá debullando o contexto sociopolítico da época e os acontecementos concretos vividos nos municipios de Carnota e Muros e na Costa da Morte en xeral, e que humildemente pretendemos que sexa do agrado de todas e todos.

Programa V Simposium Monte Pindo: A memoria dos fuxidos
O Simposium será inaugurado ás 10 da mañá por Merche Díaz Mayán, secretaria da Confraría de Pescadores do Pindo e directiva da Asociación Monte Pindo Parque Natural.

Fuxidos no Monte Pindo, fotografados á súa
chegada a Bristol tras fuxir por mar no As
Ás 10:30 horas terá lugar a videoproxección do filme "A Mariñeira de Quilmas", dirixido por Antón Dobao, quen a súa vez se inspirou nun relato do escritor Darío Xohán Cabana, e que nos acompañarán nunha charla coloquio sobre unha obra audiovisual que narra a historia dunha veciña de Quilmas asediada polos falanxistas durante toda a súa vida, acusada de colaborar na fuxida do seu marido, ao que tentaban prender.

A continuación intervirá o historiador Eliseo Fernández cunha palestra titulada «Evasións por mar na Guerra Civil: Os fuxidos do Pindo», que presentará unha realidade moi pouco coñecida: as múltiples fuxidas por mar que se produciron na costa galega, e moi concretamente o secuestro do As, que se produciu na nosa zona.

Ás 14:00 horas desenvolveremos un xantar fraternal no restaurante da pensión A Morada no Pindo, para o que haberá que anotarse en info@montepindo.org ou chamando ao 655 56 43 72. O prezo é de 15€ por comensal.

José Piñeiro Casais, mariñeiro do Pindo de 21 anos do que
a súa familia non volve saber nada tras ser encarcerado
Despois de xantar será o turno de Luis Lamela, xubilado da banca e apaixonado investigador e historiador, quen disertará ás 17:00 horas nunha palestra titulada «A sublevación militar franquista e os escapados do Monte Pindo» sobre as persoas que recurriron ao macizo granítico carnotá para refuxiarse da barbarie e do odio. Os seus estudos sobre este asunto xa o levaron a publicar baixo o selo de Xerais o libro "Escapado. Do monte Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón".

Poñendo a guinda ao programa, ás 17:45 horas intervirá Moncho Ermida, quen vén de publicar este verán o libro "Mortos por amor á Terra", dedicado á brutal represión do galeguismo no 36, un asunto ao que dedicou case 20 anos de estudo, e que o levou a investigar a traxectoria da veciñanza que formou o Partido Galeguista de Carnota e Muros, un episodio da nosa historia que nos foi negado e do que apenas quedaban rexistros, ata agora.

Finalmente, ás 18:30 procederemos ao acto de clausura do Simposium, durante o que nos acompañará Carme Armendariz, concelleira de memoria histórica do Concello de Carnota.

19/09/16

Acórdate do medio natural cando vaias votar!


A Asociación Monte Pindo Parque Natural analizou os programas das forzas políticas con posibilidades de acadar representación parlamentaria nas eleccións do 25S, na procura daquelas propostas concretas relacionadas co medio ambiente, e sobre todo no que teñan que dicir -ou non- do Olimpo Celta. Asi agardamos que a xente teña en conta o factor medioambiental á hora de emitir o seu voto nas urnas, porque o medio natural si importa, e as decisións e proxectos políticos que respaldemos o domingo terán moito que ver co futuro do noso medio natural, e do noso medio rural.

Partido Popular (PP)
Alberto Núñez Feijóo, candidato do PP
Candidato
Alberto Núñez Feijóo

Representación actual
41 escanos

Apoia a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural? 
Non, vetando a aprobación desta iniciativa ata 4 veces no Parlamento, polo que malia que nos prolegómenos da campaña o PP asegurou non opoñerse, esta afirmación non se corresponde en absoluto coa súa actividade parlamentar.

Fai algunha mención do Monte Pindo no seu programa?
Non.

Fixo algunha mención ao Monte Pindo na súa campaña?
Non.

Que defende a respecto dos Parques Naturais?
Promete elaborar os PRUX (Plan Reitor de Uso e Xestión) dos seis parques galegos que aínda non o teñen, e que enumeran.

Cales son as súas propostas en materia medioambiental?
As propostas do PP en materia medioambiental pódese consultar aquí.

Partido Socialista Obrero Español (PSOE)
Xaquín F. Leiceaga, candidato do PSOE
Candidato
Xaquín Fernández Leiceaga

Representación actual
18 escanos

Apoia a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural? 
Si, cun matiz: nunha das catro ocasións en que a proposta chegou a debaterse no Parlamento, o grupo socialista abstívose.

Fai algunha mención do Monte Pindo no seu programa?
Non.

Fixo algunha mención ao Monte Pindo na súa campaña?
O candidato socialista achegouse en bicicleta ao Monte Pindo durante un acto de campaña, ofrecendo unha rolda de prensa ao pe do Cadoiro do Ézaro, no que non fixo ningunha referencia específica ao macizo.

Que defende a respecto dos Parques Naturais?
Promete elaborar os PRUX (Plan Reitor de Uso e Xestión) dos parques naturais.

Cales son as súas propostas en materia medioambiental?
As propostas do PSOE en materia medioambiental debúllanse a partir da páxina 145 do seu programa electoral, que podedes consultar aquí.

Bloque Nacionalista Galego (BNG)
Ana Pontón, candidata do BNG
Candidata
Ana Belén Pontón Mondelo

Representación actual
7 escanos

Apoia a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural? 
Si, sendo a primeira organización política que se significou e comprometeu a favor desta iniciativa.

Fai algunha mención do Monte Pindo no seu programa?
Si, comprometéndose explícitamente a crear o Parque Natural do Monte Pindo, e tamén os de Trevinca, Queixa-San Mamede, Ancares e Courel,

Ana Pontón visitou O Pindo en agosto co alcalde de Carnota
Fixo algunha mención ao Monte Pindo na súa campaña?
A candidata do BNG visitou o Monte Pindo en precampaña, onde anunciou que -se depende do BNG- o Parque Natural do Monte Pindo sería realidade no primeiro ano de mandato. Situou esta iniciativa no eixo central dun ambicioso plano de desenvolvemento da Costa da Morte.

Que defende a respecto dos Parques Naturais?
Entende os parques naturais «non só como instrumentos de protección senón tamén de desenvolvemento territorial. Os parques deben mudar de modelo, non poden impedir a actividade agrogandeira senón tornala plenamente compatíbel para que o coidado do medio actúe tamén como factor de desenvolvemento social». Ademais da designación de varios novos parques naturais defende a ampliación de varios dos existentes.

Cales son as súas propostas en materia medioambiental?
As propostas do BNG en materia medioambiental debúllanse a partir da páxina 69 do seu programa electoral, que podedes consultar aquí.

Luis Villares, candidato de En Marea
En Marea
Candidato
Luis Villares Naveira

Representación actual
6 escanos (dos 9 obtidos baixo a coalición AGE).

Apoia a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural? 
Si, tanto a coalición AGE coma a súa continuidade electoral, En Marea.

Fai algunha mención do Monte Pindo no seu programa?
Si, comprometéndose explícitamente a crear o Parque Natural do «Monte Pindo e outras zonas da Costa da Morte», e tamén os de Ancares-Courel, Canóns do Sil e Bibei.

Fixo algunha mención ao Monte Pindo na súa campaña?
Xil Caaamaño con Luis Villares e Antón Sánchez
O candidato de En Marea anunciou durante un acto de campaña en Vimianzo o seu apoio á declaración do Parque Natural do Monte Pindo e prometeu «reforestar» o espazo.

Que defende a respecto dos Parques Naturais?
Ademais da creación de varios parques naturais e da ampliación de varios dos existentes, En Marea prometeu desenvolver «todos os plans de xestión aínda pendentes», coma os PRUX (Plan Reitor de Uso e Xestión) e PORN (Plan de Ordenación dos Recursos Naturais).

Cales son as súas propostas en materia medioambiental?
As propostas de En Marea en materia medioambiental pódense consultar aquí.

Ciudadanos (C's)
Cristina Losada, candidata de C's
Candidata
Cristina Losada

Representación actual
Ningunha

Apoia a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural? 
Nunca se postulou ao respecto.

Fai algunha mención do Monte Pindo no seu programa?
Non.

Fixo algunha mención ao Monte Pindo na súa campaña?
Non.

Que defende a respecto dos Parques Naturais?
Non fai ningunha mención.

Cales son as súas propostas en materia medioambiental?
As propostas de Ciudadanos en materia medioambiental pódense consultar aquí, a partir do punto 27 da sección «Los gallegos ciudadanos de primera».

Compromiso por Galicia (CxG)
Xoán Carlos Bascuas, candidato de CxG
Candidato
Xoán Carlos Bascuas Jardón

Representación actual
Ningunha

Apoia a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural? 
En 2012 CxG lanzou un tweet de apoio, mais non nos consta que volvese explicitalo desde entón.

Fai algunha mención do Monte Pindo no seu programa?
Non.

Fixo algunha mención ao Monte Pindo na súa campaña?
Non.

Que defende a respecto dos Parques Naturais?
Aposta por ampliar a rede de Parques Naturais, por ser «unha das maneiras que ten sido amosada como mais efectiva para dar valor ao espazo rural e achegar actividades economicamente sustentables e de alto valor engadido», e concretamente propón crear os do Macizo Central Ourensán, Os Ancares e O Courel no primeiro ano de lexislatura.

Cales son as súas propostas en materia medioambiental?
As propostas de Compromiso por Galicia en materia medioambiental pódense consultar aquí.