05/08/20

As igrexas que miran ao Monte Pindo

Foto de drone da Igrexa de Santiago de Arcos
Perspectiva aérea da Igrexa de Santiago de Arcos (Fonte: Víctor Solís)

Un dos lugares rurais mellor conservados da nosa contorna é Arcos, lugar e cabeza de parroquia absolutamente privilexiado do Concello de Mazaricos, aos pes mesmos do Olimpo Celta. 

Mais tamén presenta un detalle ben particular, e é que a porta da súa Igrexa parroquial de Santiago de Arcos está exactamente orientada cara o cume do Monte Pindo.

Normalmente as nosas igrexas antigas están aproximadamente orientadas nun eixo oeste-leste, seguindo o percorrido do sol, e asi acontece na maioría das desta contorna. Porén algunhas da nosa zona en particular rompen esa norma, pois as súas portas están mirando practicamente con exactitude matemática ao cume do Olimpo Celta, onde se sitúa o vértice xeodésico do IGN, sito a 628 metros sobre o nivel do mar. É o caso da Igrexa parroquial que nos ocupa, a de San Xoán de Mazaricos (capital municipal) ou a de San Xián de Beba.

Curiosamente no municipio de Carnota, no que se ubica o Monte Pindo, ningunha Igrexa ten esta característica.

28/07/20

Xurde ADECOM en defensa da natureza e dos intereses sociais da Costa da Morte

A Asociación Monte Pindo Parque Natural saúda entusiastamente o nacemento da Asociación en Defensa da Costa da Morte (ADECOM), primeira grande entidade nacida da sociedade civil da nosa comarca que botou a andar na noite do solsticio de verán do ano da pandemia, como conclusión do proceso de reflexión colectiva ao que chamou a nosa entidade despois do anuncio de que a Xunta planeaba eliminar boa parte do escaso arborado do Olimpo Celta coa excusa da "prevención de incendios".

Por iso, en Monte Pindo estamos orgullosos e orgullosas do papel importante que tivo a nosa loita para cubrir unha vella demanda da nosa comarca nunca atendida: a dunha entidade formada pola sociedade civil que teña por único obxecto a defensa dos intereses ecolóxicos e socioeconómicos da poboación da Costa da Morte. Ademais contamos cunha boa representación na súa activa coordinadora, que xa está a dar pasos para abrir debates moi necesarios e sempre adiados na nosa bisbarra, coma o da xestión do lixo, o impacto do turismo masificado nas comunidades locais ou o futuro do eucalipto.


Neste último asunto xa temos novidades importantes, pois ADECOM vén de convocar a mesa de debate "Eucalipto, presente e... futuro?", aberta á sociedade, precisamente para debater da man das comunidades e axentes sociais a viabilidade dun futuro alternativo nos nosos montes ao monocultivo do eucalipto, que pase pola diversificación e lle xere un maior retorno ás comunidades locais e tamén máis respecto polo medio natural.

O debate está previsto para o sábado, 8 de agosto, ás 20 horas na Finca Cambeiro de Corcubión. Por suposto participaremos agardando que se poida impulsar un cambio de modelo que reverta a degradación dos nosos montes e o progresivo abandono do medio rural.

Por motivos de control do aforo e cumprimento das medidas de seguridade ante o Covid-19 hai que inscribirse e portar mascarilla.

Longa vida a ADECOM, pois será vida para a Costa da Morte!

Podes unirte a ADECOM na súa páxina, e seguila en Facebook, Twitter e Telegram.

23/05/20

A Xunta quer talar 6.000 árbores no Monte Pindo


Monte Pindo convoca ao ambientalismo da Costa da Morte a unha mesa de diálogo
A Xunta anunciou esta semana a través dos medios de comunicación a tala de 6.000 árbores no Monte Pindo co pretexto de evitar futuros incendios. O escuro anuncio, que colleu desprevida a sociedade pois non existiu ningún diálogo previo coas entidades sociais, nin sequera coas comunidades de montes, sentou coma un xerro de auga fría ao ecoloxismo da comarca, pola falta de claridade.

A Asociación Monte Pindo Parque Natural, que se enterou tamén das intencións da Xunta pola prensa, solicitará información á Consellería de Medio Ambiente, para coñecer de que especies se trata e en que zonas. Ademais, defende que aínda que se trate da tal de especies alóctonas coma eucaliptos, entende que calquera actuación de eliminación debe facerse por medios manuais e non por queimas indiscriminadas (mal chamadas "controladas") que poden afectar á biodiversidade endémica do espazo protexido.

Por outra parte, non entendemos a eliminación da cuberta vexetal se non se contempla a súa inmediata substitución por especies arbóreas autóctonas. O solo do Monte Pindo está moi afectado por séculos de incendios masivos, dando como resultado unha cuberta vexetal mínima.  Eiminar a pouca vexetación que o protexe deixará o solo desprotexido ante a erosión e a choiva, o que pode significar un golpe mortal á biodiversidade, pois ali tardará décadas ou séculos en volver medrar nada.

Convócase unha mesa de diálogo a persoas e entidades con sensibilidade ambiental
A Asociación Monte Pindo Parque Natural, que está a recibir numerosas mostras de apoio da sociedade e das principais entidades ambientalistas ante esta nova posíbel agresión medioambiental, convoca para esta semana unha mesa de diálogo por vía telemática (videoconferencia) na que as persoas e entidades con sensibilidade ambiental poidan intercambiar pareceres e ideas, debatir sobre as problemáticas medioambientais que enfronta a bisbarra e o País, e mesmo artellar unha coordinadora que axude a poñer en común os proxectos das distintas entidades que operan na bisbarra e tamén enfocar o vindeiro proceso electoral no que o País se xoga tanto.

Para participar podes cubrir o seguinte formulario.