15/03/11

Iberia adopta o Monte Pindo como imaxe turística de España nunha nova promoción

A compañía aérea española máis importante, Iberia, acaba de lanzar unha campaña promocional dos seus voos no estado español para a que adoptou como imaxe de marca unha espléndida imaxe do inconfundible Monte Pindo, enmarcado por un ceo espectacular e polas augas turquesas da sempre radiante praia de Carnota.

Sen dúbida, o feito de que dunha compañía tan importante parta tal recoñecemento á beleza do Monte Pindo como para utilizalo de reclamo turístico do estado español demostra que, alén da maxia e o misterio que o rodea, no plano estético o Monte Pindo atrae e moito.

Sen ben a compañía non explica na campaña de onde é a imaxe, agardamos que a iniciativa xere máis interese en coñecer o Monte Pindo, a praia de Carnota e todo entorno deste enclave paradisiaco, cando menos mentras que os aeroxeradores, canteiras, adosados e outras herbas do século XXI non o destrúan.

Podedes visitar a páxina da campaña aquí, máis como supoñemos que se trata dunha ligazón provisional e suxeita á vixencia da campaña publicitaria, gardamos para o recordo a foto fixa da páxina aquí.

11/03/11

En vez dun parque natural a Xunta pretende crear parques eólicos no Monte Pindo

Por fin comezamos a comprender por que nos din que o Parque Natural "non está na axenda da Xunta" nesta lexislatura. Só 3 meses despois de negarse a declarar o Parque Natural no Monte Pindo, agora a Xunta sácase da manga 3 parques eólicos que levaban máis de 6 anos no caixón e foran concedidos sen concurso nos últimos días do executivo de Manuel Fraga.

A Xunta acaba de darlle luz verde a Eurovento para continuar coa tramitación dos vetustos proxectos cunha declaración de impacto ambiental -que sería redactada pola propia empresa-, ignorando asi a labor dos colectivos que nos esforzamos por protexer, dar a coñecer e poñer en valor o Monte Pindo para mellorar a vida de veciños e visitantes. A Xunta non só antepón intereses empresariais e económicos aos dos veciños, senón que entrega a unha empresa nada menos que o poder de modificar ao seu antollo a paisaxe de toda a zona.

Os muiños de vento nin sequera respectan as zonas que xa están protexidas, chegando a invadir as inmediacións do Camiño de Santiago, dominios recollidos na proposta de ampliación do LIC Carnota-Monte Pindo, zonas de petroglifos, dolmes e mámoas, e incluso hábitats prioritarios e humidais inventariados. Todo isto a pesar de que a propia empresa recoñece o inmenso impacto desta instalación, pero excúsase en que xa hai instalacións similares na zona e en "completar a potencia concedida" -engadimos nós: fraudulentamente- "no seu momento".

As entidades que defendemos o Monte Pindo recordamos que a zona xa está ateigada destas instalacións que apenas repercutiron na mellora real da calidade de vida do entorno, e esiximos que se permita repotenciar a esta empresa outros parques eólicos onde o dano paisaxístico e ambiental sexa menor, e que non invada espazos con tantas posibilidades de desenvolvemento futuro como é o do Monte Pindo, pois este aspira a converterse antes que despois en Parque Natural, idea que é apoiada pola práctica totalidade dos expertos, científicos, asociacións e mesmo pola sociedade, non sendo unha realidade aínda por unha clara falta de vontade política.

Asi mesmo, denunciamos que, se ben os danos serán para toda a vida, a vida dun executivo que apoia parques eólicos e rexeita parques naturais pode durar tan só 4 anos, polo que unha decisión deste tipo debe tomarse moi meditadamente, a medio-longo prazo, e non reciclando vellos proxectos esquecidos sobre os que ademais recaen serias sospeitas de fraude.

De pretender proseguir con esta barbaridade, atoparanse con nós de fronte.

02/03/11

222 persoas participaron no flashmob do Monte Pindo!

Impresionante pero certo. Nada menos que 222 persoas participaron no flashmob colaborativo para divertirse apoiando a declaración de Parque Natural do Monte Pindo.

A orixinal iniciativa xerou un gran interese, sobre todo nas redes sociais e blogs galegos, sempre tan á última do que pasa; Que pasa na Costa, Chuza e incluso o diario referencial en información tecnolíxica Código Cero tamén axudaron a promover esta iniciativa que conseguiu unir en torno á nosa causa máis de 200 persoas de toda idade, raza, sexo e procedencia; sexa de xeito individual ou organizado en longas cadeas humanas, sexa baixo teito ou pé dunha leira chea de vacas cachenas, desde o cole ata o mesmísimo hemiciclo do Parlamento Europeo (na foto), o Monte Pindo estivo presente: Aranga, Palas de Rei, Fisterra, Ourense, Cuba, Arteixo, Compostela, As Pontes, Verín, Barcelona, Chantada, Melide, Pontedeume, A Coruña, Londres, Allariz, Rois, Ponteareas, Oroso, Bruxelas e por suposto Carnota son só algúns dos sitios percorridos pola nosa reivindicación, que chegará ao Pindo en barco e como non podía ser doutro xeito rematará a súa longa viaxe polo mundo na Moa, o máis alto do Monte Pindo.

Desde aquí a Comisión Rectora da Asociación Monte Pindo Parque Natural quere aproveitar para dar as grazas máis efusivas a todos aqueles e todas aquelas que quixeron participar nesta iniciativa e apoiar deste xeito tan peculiar a nosa reivindicación.

Axiña poderemos ver o flashmob completo na nosa páxina web, e tamén formará parte do episodio do programa MOBilízate! dedicado á nosa reivindicación que V Televisión emitirá proximamente a todos os fogares de Galicia.

Sen máis, 222 GRAZAS a todas e todos!!!!