Quen somos?

QUEN SOMOS?

A Asociación Monte Pindo Parque Natural (CIF: G-70280177) é unha Asociación sen ánimo de lucro, radicada no concello de Carnota e aberta ao mundo enteiro, que promove a declaración de parque natural para o Monte Pindo e o seu funcionamento como tal. Somos unha organización democrática, participativa, popular e plural constituida formalmente no Pindo (Carnota) o día 17 de outubro de 2010. Se ques coñecernos mellor consuilta os nosos Estatutos.

O noso órgano de goberno é a Comisión Rectora, composta actualmente polas seguintes persoas:
  • Presidente: Xilberto Caamaño Beiro (O Pindo, Carnota)
  • Secretario: Mario Maceiras Dosil (Lira, Carnota)
  • Tesoureira: Merche Díaz Mayán (O Pindo, Carnota)
  • Jorge Pérez González (O Ézaro, Dumbría)
  • Xoán Lestón González (Caldebarcos, Carnota)
  • Manuela Costa Casais (O Pindo, Carnota)
  • Daniel Fernández Longueira (Lira, Carnota)
  • Santiago Llecha Galiñanes (San Mamede, Carnota)
  • Belén Pérez Martínez (Cee)
  • Juan Ramón Vidal Romaní (Louro, Muros)
  • Xosé Domínguez Caamaño (Carnota)
  • Laura Caamaño Casais (Caldebarcos, Carnota)
  • Juan Louro Cambeiro (O Ézaro, Dumbría)
  • Sven Schwebsch (Alemania)
  • Manuel Souto Barreiro (Carnota)
Ademais, contamos con 5 comisións de traballo de participación absolutamente libre e aberta a toda a sociedade: Comisión de Medio Ambiente, Comisión de Patrimonio Material, Comisión de Patrimonio Inmaterial, Comisión de Comunicación e Comisión de Organización.

POR QUE FORMAMOS UNHA ASOCIACIÓN?

A Asociación Monte Pindo Parque Natural xurde das inquedanzas mediambientais de veciñanza de Carnota concienciada co desenvolvemento substentábel neste municipio, da Costa da Morte e de Galiza, e entusiasmada coa proposta de declaración de Parque Natural para o Monte Pindo, lanzada publicamente por ADEGA o 7 de setembro de 2010 e que foi rexeitada pouco despois polo actual goberno da Xunta. Convencidos das inmensas posibilidades que esa idea ten para o Monte Pindo e o noso entorno, decidimos reunirnos no Pindo o 17 de outubro de 2010 para fundar unha entidade de ámbito local desde a que seguirmos reclamando esa iniciativa ata conseguir o seu éxito.
5 anos despois, ante a nova dimensión que adquiriu a nosa Asociación e reivindicación, o 2 de abril de 2016 decidimos converternos en asociación de ámbito galego.

CALES SON OS NOSOS OBXECTIVOS?

O noso obxectivo principal é presionar á Xunta para que dunha vez acepte declarar o Monte Pindo como Parque Natural, o que tentamos conseguir mediante a recollida de apoios humanos (afiliados ou colaboradores individuais ou colectivos), loxísticos e económicos, a promoción de campañas de sensibilización coas problemáticas do Monte Pindo, a divulgación de información de actualidade sobre este espazo, a realización de actos e actividades formativas e informativas, culturais, recreativas, reivindicativas... dirixidas aos diversos sectores da nosa sociedade, asi como o fomento das accións de voluntariado con obxecto de atender e mellorar os espazos degradados do Monte Pindo e tamén lograr o progreso socioeconómico da súa veciñanza xerando máis oportunidades económicas e de traballo que nos permitan aspirar a ter mellor calidade de vida nunha paisaxe privilexiada.

COMO NOS ORGANIZAMOS?

A Asemblea Xeral está constituída por todas as persoas asociadas, que teñen voz, voto e posibilidade de elixir e ser elixido para formar parte da Comisión Rectora.

A Comisión Rectora (máximo órgano colexiado da Asociación) está conformada por presidente, secretario. tesoureira e 12 vogais.

As Comisións de traballo están constituidas por quen exprese o seu desexo de participar.

COMO NOS PODES AXUDAR?

PERSOAS
  • Podes afiliarte á Asociación Monte Pindo Parque Natural por só 13 euros ao ano*. Para iso só tes que cubrir o formulario da nosa web, ou ben cubrir e entregarnos unha ficha de afiliación.
  • Podes facer un donativo* á Asociación Monte Pindo Parque Natural mediante un ingreso bancario na conta ES56 2080 0025 4330 4000 1120 de Abanca.
  • Podes divulgar e participar libremente nas actividades que realicemos e apoiemos, e das que che iremos dando conta por este e outros medios.
  • Podes estar informado de toda a nosa actividade subscribíndote á nosa lista de correos escribindo un correo a info@montepindo.org
  • Informa a familiares, veciños, amigos... sobre a Asociación Monte Pindo Parque Natural e os seus obxectivos.
    ENTIDADES
    • Podes solicitar a adhesión do colectivo no que participes á iniciativa a favor da declaración do Monte Pindo Parque Natural, como xa fixeron máis de 200 entidades.
      Non é necesario aprobar un documento formal, chega con comunicarnos a decisión positiva.
    • Podes dar conta no seo da organización na que participes das actividades e iniciativas que desenvolvemos desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural, asi como propoñer fórmulas de colaboración mutua.
    *Os fondos da Asociación Monte Pindo Parque Natural irán unicamente destinados ao cumprimento dos seus obxectivos ou a apoiar iniciativas similares, sempre sen ánimo de lucro.