04/04/16

A loita polo primeiro parque natural da Costa da Morte encara a recta final

A Asemblea Xeral Extraordinaria da Asociación Monte Pindo Parque Natural desenvolta o pasado sábado no Concello de Carnota, serviu para, logo de 5 anos de traxectoria, promover unha gran renovación do máximo órgano de decisión, a Comisión Rectora.

Asemblea Xeral de Monte Pindo Parque Natural (CC)
Pero ademais, o debate que se viviu ao redor desta cita serviu para fixar os alicerces dunha loita que, coincidimos, afronta a súa recta final, ao agardarse que no prazo dun ano, cun posible cambio da correlación de forzas na Xunta, poida prosperar a ansiada declaración do Parque Natural. Consigo traerá a necesaria protección e desenvolvemento dun dos espazos naturais máis coñecidos e senlleiros do noso País, dun xeito que redunde na mellora socioeconómica das condicións de vida de toda a veciñanza do Olimpo Celta e do sur da Costa da Morte.

Valoramos os últimos anos de traballo e identificamos os deberes pendentes
Os informes de xestión e de finanzas defendidos pola Comisión Rectora saínte debullou a etapa 2013-2015 da Asociación, marcada pola súa consolidación como unha das entidades medioambientais e veciñais máis activas e referenciais non só a nivel local e comarcal senón mesmo a nivel nacional, e tamén polo protagonismo adquirido durante a catástrofe ecolóxica vivida no Monte Pindo en setembro de 2013, na que a entidade exerciu de auténtica portavoz da xente afectada.

Imaxe da última visita organizada ao Olimpo Celta (CC)
Nesta etapa a afiliación medrou un 20% con respecto ao periodo anterior, mentras que os apoios colectivos de organizacións e entidades disparáronse nun 80%. Asi mesmo produciuse neste tempo a maior constatación do gran nivel de apoio social á nosa reivindicación: a primeira enquisa sobre a nosa iniciativa, que reflectiu que arredor dun 75% da sociedade está a favor ou moi a favor da declaración do Monte Pindo coma Parque Natural, por só un 2,2% que di estar en contra.

Neste periodo a Asociación desenvolviu multitude de actos e iniciativas de divulgación e reivindicación do Monte Pindo, que foron valoradas tamén positivamente, ao igual que o altísimo nivel de coñecemento social e de proxección mediática que acadou a nosa entidade e as súas iniciativas. De cara o futuro marcámonos un dobre reto: reforzar o coñecemento das nosas iniciativas no eido máis próximo, o dos lugares sitos no entorno do Monte Pindo, e tamén deseñar actividades dirixidas a incrementar a sensibilidade medioambiental de nenos e nenas, pois aí está o futuro incipiente do Olimpo Celta e do medio ambiente galego.

Asi mesmo, valorouse necesario refrescar o compromiso co Monte Pindo das distintas forzas políticas que operan na nosa comunidade á marxe do PP -cuxa negativa a sumarse é de sobras coñecida-, e nomeadamente, as do arco parlamentario, para que pasadas as Eleccións galegas o Parque Natural sexa pronto unha realidade.

Finalmente, ambos Informes de Xestión e de Finanzas foron aprobados pola unanimidade das persoas asistentes.

Unha nova Rectora que tentará traballar máis e mellor
A única candidatura presentada pola afiliación de Monte Pindo Parque Natural para ocupar os postos da Comisión Rectora ampliada a 15 membros, e que supoñía unha renovación do 60% dos postos da directiva, obtivo a unanimidade dos apoios.

Asi, en adiante a Comisión Rectora pasará a estar conformada polas seguintes persoas:
  1. Xilberto Caamaño Beiro
  2. Mario Maceiras Dosil
  3. Merche Díaz Mayán
  4. Jorge Pérez González
  5. Xoán Lestón González
  6. Manuela Costa Casais
  7. Daniel Fernández Longueira
  8. Santiago Llecha Galiñanes
  9. Belén Pérez Martínez
  10. Juan Ramón Vidal Romaní
  11. Xosé Domínguez Caamaño
  12. Laura Caamaño Casais
  13. Juan Louro Cambeiro
  14. Sven Schwebsch
  15. Manuel Souto Barreiro
SUPLENTES
  1. Daniel Antonio Rodríguez Figueira
  2. Martiño-Fiz López Lindoso
A nova Comisión Rectora (CC)
A nova dirección componse por persoas naturais (13) ou de adopción (2) de lugares veciños do Monte Pindo que nos últimos anos estiveron moi activas e comprometidas coa protección do Olimpo Celta, sendo ou non da entidade. Unha vez elixida a nova Comisión Rectora reuniuse por primeira vez para propoñer a Xilberto Caamaño, Mario Maceiras e Merche Diaz para ocupar respectivamente presidencia, secretaría e tesoureiría da Asociación.

Adaptamos os nosos Estatutos aos novos tempos
Planta do local
A Asemblea Xeral da Asociación Monte Pindo retocou varios apartados dos seus Estatutos para axeitalos á realidade dunha loita que, cinco anos despois, superou as expectativas máis optimistas dos 10 membros fundadores. Asi, adoptou por unanimidade a decisión de incrementar ao nivel galego o ámbito unha Asociación concebida como local, dando asi resposta á maior dimensión actual da loita.

Asi mesmo, cambiamos a sede social, inicialmente radicada nun local particular, a un novo local cedido desinteresadamente polo Concello de Carnota e radicado na Praza da Solaina do lugar do Pindo. O local, que xa levamos meses acondicionando para converterse na nosa sede, ocupa a vivenda da docente da antiga escola unitaria, motivo polo que o denominamos cariñosamente Casa da Mestra.

A loita polo 1º parque natural da Costa da Morte encara a recta final
O Monte Pindo desde Fisterra (CC)
A sensación xeralizada dos asistentes é que a día de hoxe o éxito do noso leit motiv fundamental, a declaración do Parque Natural, só depende xa dun cambio político no timón da Xunta que pode estar por vir en poucos meses, pois as demais forzas do arco parlamentario, PSOE, BNG e as forzas que compoñen a coalición AGE, xa se teñen adherido publicamente á iniciativa, ao igual que a maioría das forzas que no 2012 non acadaron representación parlamentaria.

Porén xa temos máis que decidido que mesmo despois de obtermos a vitoria de ver publicado no DOG o Decreto que declare por fin o Parque Natural do Monte Pindo, a nosa entidade seguirá sendo necesaria, para lograr que a posta en marcha desta figura e os seus organismos se fagan do mellor xeito para evitar que se repitan os erros de base que se cometeron noutros parques naturais galegos, e para garantir que os investimentos e ferramentas de xestión se elaboren coa premisa de conservar os valores xeolóxicos, ecolóxicos, arqueolóxicos... pero tamén que redunden nunha máis que necesaria mellora da calidade de vida da veciñanza carnotá e do sur da Costa da Morte, pois estamos nun medio rural en franca regresión pola escasa industrialización e a falta de oportunidades de traballo.

En efecto un Parque Natural é unha figura de protección que -ao contrario das outras, que non deixan de ser de papel- obriga á administración a dedicarlle un investimento anual, e a constituir órganos de dirección, mantemento e garda do espazo natural. Isto suporía que sen incrementar as restriccións que xa ten impostas a veciñanza coa figura da Zona de Especial Conservación (ZEC, antigo LIC), o Monte Pindo e a súa área limítrofe verían unha xeración inmediata de postos de traballo directos e participarían no reparto duns dous millóns de euros anuais que hoxe levan os 6 parques naturais existentes. Unha mínima parte desta dotación servirían para resolver definitivamente varios dos problemas do Monte Pindo e do seu entorno, nomeadamente a falta de atención que o leva a sufrir periodicamente incendios completamente brutais, e a profusión de especies invasoras coma o eucalipto e as mimosas.  Pero, ademais, serviría para desenvolver substentábelmente toda a zona, cun incremento exponencial do turismo de calidade, a mellora de rutas e accesos, ou as subvencións á veciñanza para rehabilitar as súas vivendas e investir en novas oportunidades de negocio turísticas, deportivas, de ocio ou mesmo apícolas e de silvopastoreo, sen conlevar absolutamente ningún novo prexuízo nin para a veciñanza, os municipios nin os axentes sociais.

Nese obxectivo común convidamos a que se sume toda a veciñanza, axentes socioeconómicos e institucións que ainda non o fixeran pois neste proxecto no que cabemos todos temos moitísimo que gañar e absolutamente nada que perder.