18/06/15

A Xustiza pide unha fianza multimillonaria a Ferroatlántica por secar o Xallas e ano e medio de cárcere para o cargo da Xunta que o autorizou

A Asociación Monte Pindo esixirá que os 8,5 millóns de euros se destinen integramente á recuperación ambiental do Xallas e do LIC Carnota-Monte Pindo en xeral

Parece que a barra libre con que contaba Ferroatlántica no río Xallas, arteria de vida do Monte Pindo, comeza a tocar fin. A década que a explotación hidroeléctrica mantivo practicamente seco o cauce fluvial máis importante do LIC Carnota - Monte Pindo, coa complicidade necesaria do Concello de Dumbría e a Xunta de Galicia, pode sairlle moi caro ao entramado empresarial de Villar Mir, despois de que o xulgado lle impuxera unha fianza de 8,5 millóns de euros, equivalente aos beneficios que a empresa xerou durante anos a conta de destruír ecoloxicamente esta cunca fluvial, que mantivo sempre a niveis mínimos (sen respectar sequera o caudal ecolóxico) e mesmo chegou a secar na súa totalidade durante aqueles tráxicos e polémicos días de novembro de 2007 que supuxeron unha mortandade masiva de fauna e flora, que ata agora non tivera consecuencias alén dunha miserábel indemnización a unha asociación de pescadores.

Fraga na inauguración da "fervenza programada"
A Xustiza parece que toma por fin en serio a gravidade da situación ecolóxica do rio Xallas e podería esixir, ademais de facer devolver os beneficios xerados por esta empresa a conta de destruir o medio ambiente dun dos accidentes xeográficos máis espectaculares e pintorescos de Europa, pide ano e medio de cárcere para o alto cargo da Xunta que o autorizou: Francisco Pan-Montojo, ex director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta de Galicia (PP), responsábel último do permiso dado en 2001 para que a empresa puidera secar cando lle parecera o cauce, dando lugar a aquela infame inauguración da "fervenza con horario de apertura" por parte do defunto ex-presidente da Xunta Manuel Fraga. O Xulgado considera que esa decisión foi tomada con pleno coñecemento de súa ilegalidade e sen respectar as normas máis basicas de tramitación, polo que o acusa dun delicto contra o medio ambiente no que a empresa é partícipe a título lucrativo.

Mortandade masiva no río en 2007
No 2011 a empresa xa tivera que afrontar a súas responsabilidades pola súa actuación no machacado río Xallas, se ben só se saldara -previo acordo xudicial coa Fiscalía- nunha indemnización de 305.954 euros que deberon pagar respectivamente a Xunta (265.954 euros), á Federación Galega de Pesca e ao Salmo Club de Pesca Deportiva (20.000 euros a cada unha). Evidentemente estamos ante unha sanción completamente ridícula que non chega ao 3,6% dos beneficios que xerou Ferroatlántica nese tempo, se ben obrigaron á empresa a cando menos respectar o caudal ecolóxico, unha vitoria moi celebrada daquela polo conxunto da sociedade que recuperaban asi un patrimonio que lle fora arrebatado durante máis dunha década.

Asi era o Xallas en 1898
A Asociación Monte Pindo Parque Natural vai esixir que, se finalmente se confirma a sanción multimillonaria de 8,5 millóns de euros, o Tribunal obrigue a destinar a integridade do diñeiro a recuperar a cunca fluvial do Río Xallas e outros espazos naturais degradados no LIC Carnota - Monte Pindo, pois, se ben vai ser difícil ou imposíbel que se recupere o valor ecolóxico natural do río, faríase xustiza histórica con quen durante décadas utilizou impunemente en exclusivo beneficio propio un acontecemento único en Europa, patrimonio de toda a Costa da Morte e de todas as galegas e galegos.