30/10/12

Cúmprense 10 anos sen ningún novo parque natural galego

Este ano cumpriuse unha década sen que a Xunta de Galicia, organismo depositario desta competencia, declare ningún novo Parque Natural na nosa comunidade.

Naquela altura do 2002, o DOG informou que o Conselleiro de Medio Ambiente, José Carlos del Álamo Jiménez, estabeleciu un réxime xurídico especial para o espacio denominado Serra da Enciña da Lastra, mediante a súa declaración como parque natural.. Noutras palabras, declarou o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra. O precioso espazo natural fronteirizo sito en Rubiá (Ourense), que atendendo a lenda debe o seu nome a unha enorme enciña que serviría de guía aos camiñantes, convertíase asi no sexto -e ata hoxe último- Parque Natural galego.

Carlos del Álamo
Neste tempo moitas cousas cambiaron. 3 presidentes pasaron pola Xunta e moitos máis conselleiros sen que ningunha outra zona de interese medioambiental da nosa xeografía fose atendida mediante o emprego da figura de protección máis coñecida e recoñecida das que existen, ademais de ser das poucas que obrigan a comprometer un orzamento anual. Mentras tanto, a Rede Natura 2000 espallábase ás súas anchas, impoñéndose por decreto nas principais áreas naturais do noso País. Pero isto non significou ningunha mellora fóra do papel. Aínda hai poucas semanas o alcalde de Carnota, Ramón Noceda, expresábao con contundencia: "Na Rede Natura os veciños non poden decidir nin opinar sobre o que se pode facer ou non nos espazos naturais". Pola contra, Noceda valoraba que a declaración do Parque Natural "non suporá máis restriccións para os veciños senón ao contrario: permitirá consensuar entre todos os sectores os usos que debe ou non debe ter o Monte Pindo".

Carnota é o segundo concello costeiro galego con máis superficie protexida, cun impresionante 42% da superficie total do municipio. Mais efectivamente esta protección trouxo poucas ou ningunha vantaxe e si moitas trabas tanto para a administración local coma para os veciños á hora de sacar adiante proxectos e mesmo para continuar cos aproveitamentos que tradicionalmente se viñan desenvolvendo neses espazos. Esta é precisamente unha situación que se pretende invertir coa declaración do Monte Pindo como Parque Natural, unha figura que si obriga a investimentos reais e a constituir órganos de diálogo e consulta con todas as partes, dando prioridade máxima tanto á sociedade civil coma ao tecido económico que deben ser os primeiros beneficiarios desa protección.

A consigna é clara: En Carnota, e na Costa da Morte, temos un medio ambiente privilexiado e temos que protexelo, pero esta protección debe repercutir positivamente nas vidas dos seus veciños, na creación de emprego e na fixación poboacional. E un Parque Natural do Monte Pindo ben xestionado do que todos e todas nos sintamos partícipes e beneficiarios é o camiño para logralo.