20/07/11

Tras o éxito do Mercado Ecolóxico de Quilmas, estaremos no Festigal

Éxito rotundo. Só asi se pode calificar o desenvolvemento do Mercado Ecolóxico en defensa da terra, que tivo lugar en Quilmas a fin de semana pasada. E é que a pesar da choiva que percutiu durante toda a xornada e que ameazou con converter en fracaso o encomiable esforzo da Cooperativa Ecolóxica Raíña Lupa (que organizou o evento), esta primeira edición bateu todas as espectativas, con cerca de 30 postos de artesanía, produtos hortofructícolas, informativos... e centos de visitantes e curiosos, tantos que a polbeira tivo que recoller antes de tempo por ter esgotado as 150 racións que calculara para o evento.

Como non, a nosa Asociación estreouse cun posto propio neste tipo de eventos, tamén moi exitoso ao ter difundido a centos de persoas os valores do Pindo e os obxectivos da nosa Asociación; de feito rematamos a xornada cuns 20 afiliados máis, entre eles persoeiros tan destacados coma o escritor Manolo Rivas ou a historiadora Encarna Otero.

Por primeira vez, Monte Pindo Parque Natural estará representado no Festigal
Demostrándose tan atinada a nosa presenza neste tipo de eventos, pois contribúen a dar a coñecer aínda máis as características que obxectivamente recomendan a declaración de Parque Natural no Monte Pindo, a nosa Asociación tamén vai estar representada por primeira vez no Festigal, na décima edición que vai desenvolverse no Campus Sur de Santiago de Compostela o 24 e o 25 de xullo (Día da Patria Galega), onde instalaremos un posto na Feira de Asociacións co que esperamos sorprender a uns cantos.

Animamos a todos aqueles que estén en Santiago de Compostela o domingo 24 ou o luns 25 de xullo a darse unha volta polo stand da nosa Asociación, onde teremos todo tipo de material informativo e publicitario dunha reivindicación que segue a amplificarse e a romper barreiras: a declaración do Monte Pindo como o 7º parque natural galego.