23/07/11

O Albariño Valtea promociónase cunha imaxe do Olimpo Celta

É indiscutible que as fermosas estampas que nos regala o Olimpo Celta a veciños e visitantes non pasan desapercibidas, tampouco para a promoción das calidades galegas. Despois de Iberia, son agora as Adegas Valtea as que utilizan unha fermosa imaxe do Monte Pindo para a nova campaña promocional dos seus viños, recoñecidos -entre outras moitas distincións- coa certificación Galicia Calidade.

A fotografía da campaña, que non puido ser mellor escollida, foi tomada ao solpor desde o mirador do Ézaro, configurando polo tanto a unha imaxe penumbrosa que realza aínda máis a policromática e contrastada textura desta ladeira do Pindo, permitindo aprezar o característico perfil do monte, o escarpado val que conforma o río Xallas na súa desembocadura tras caer en fervenza sobre o Océano Atlántico, asi como parte do pobo e o porto do Pindo. As tonalidades deste atardecer enfatizan aínda máis o misterio e a maxia que a tradición oral constatou nesta paisaxe.

A estas horas esta estampa do Olimpo Celta xa está en milleiros de casas galegas entre as follas da Voz de Galicia, de onde se extraiu a imaxe que encabeza este artigo, asi como noutros medios de comunicación.

A Asociación Monte Pindo saúda e agradece que por fin as casas comerciais galegas e internacionais aproveiten a imaxe do Monte Pindo para beneficio das dúas partes, ligando os seus valores naturais, patrimoniais e etnográficos aos dos propios produtos. Uns valores que agardamos ver protexidos axiña cunha declaración de Parque Natural que cada vez é máis esperada.