03/02/11

Sabías que o Monte Pindo ten dedicada unha rúa en Italia?

Pois si. A "Vía Monte Pindo" atópase no fermoso municipio de Fabrizia, situado na provincia de Vibo Valentia, na rexión de Calabria (no extremo máis meridional de Italia, a famosa "punta da bota").

Os veciños de Fabrizia honran a San Antonio de Padua o 13 de xuño, e apenas suman 2.500 habitantes por ter perdido a metade da súa poboación en cousa de medio século. Porén, conta con bastantes servizos, como farmacia, banco ou escolas. A súa festa popular máis coñecida é unha Castagnata que non precisa tradución, e teñen moita afición pola colleita de fungos. Abondan os xabaríns e o carballo é tan típico nesa zona que mesmo coroa a xeito de loureiro o escudo da provincia.

Moitos fabriziotis (pois así se chaman) ignorarán que o nome dunha das rúas do seu concello vén dado por un monte considerado sacro situado a 2.190 quilómetros de distancia na temida fin do mundo da lonxana Galizia, e menos aínda que os seus habitantes se están unindo na súa defensa para que o declaren Parque Natural. Pero ben pensado debemos desculpalos, pois tamén nós ignoramos o motivo polo que o Olimpo Celta bautiza unha rúa tan alonxada no plano.

Aínda que esperamos que sexa por pouco tempo: A Asociación Monte Pindo Parque Natural xa enviou un correo ao alcalde de Fabrizia, rogándolle calquera información que poida relacionar a localidade italiana coa galega. De dar os seus froitos esta misiva agardamos poder revelala neste espazo en pouco tempo.

Por certo, supoñemos que as semellanzas entre Fabrizia e calquera localidade típica galega vos sorprenderon. A nós tamén nos sorprendeu saber que somos tan parecidos en todo... ou, mellor dito, en case todo: Fabrizia xa ten o seu parque natural.