01/04/15

Preséntase no Víndemo Ver o Medallón das Sete Pitas en versión colgante

O Medallón das Sete Pitas xa se pode vestir
 A Asociación Monte Pindo Parque Natural anuncia que no marco da IV Mostra de Promoción Local de Carnota Víndemo Ver que se vai desenvolver en Carnota entre mañá día 2 e o domingo 5 de abril, imos contar cun posto de información atendido permanentemente por membros da nosa Asociación, no que entre outras cousas porá á venda en primicia a verdadeira xoia arqueolóxica do Monte Pindo: a reprodución a escala usable do "Medallón das Sete Pitas", un dos tesouros máis míticos e enigmáticos do Olimpo Celta.

A peza de bronce preséntase nun orixinal envoltorio hexagonal que vai contando a historia do Medallón segundo se abre, e inclúe un cordón listo para colgar no momento. O prezo do conxunto será de 12 euros, e de 10 no caso da afiliación de Monte Pindo Parque Natural.

Co lanzamento desta peza, obra do artesán Pablo Leal, e que conta co prestixioso selo Artesanía de Galicia, respondemos á demanda de moitísimas persoas que, tendo moito interese no Medallón das Sete Pitas e a súa fascinante historia, desexaba poder empregalo como colgante, xa que a réplica do orixinal que presentamos hai dous anos é demasiado voluminosa e pesada para poñer.
Envoltorio coa historia da peza orixinal

A tirada limitada inicial ascende a 30 unidades en bronce que de momento só estarán á venda no Víndemo Ver, mais en función do recibimento estudaremos lanzar novas tiradas e mesmo noutros materiais coma a prata, asi coma posibilitar a súa adquisición na nosa tenda en liña.

30/03/15

3 anos de amizade Monte Alto - Monte Pindo

Foto: AMPPN (CC)
Esta fin de semana os colectivos veciñais dedicados ao carnotán Monte Pindo e ao herculino Monte Alto, respectivamente, uníronse de novo para celebrar o irmanamento que hai tres anos congregaba a ambas familias no Campo de Marte coruñés nun acto multitudinario durante o que entre actuacións musicais, charlas e poesías, plantáranse un carballo coas crianzas do barrio e descubríamos unha placa coa frase "Este carballo é a amizade entre os e as que estamos, agora e sempre, unidos pola mesma terra".

Malia os problemas coa árbore, que tivo que ser restituída ata en dúas ocasións, 3 anos despois puidemos encontrarnos de novo na praza ante unha nova árbore rebosante de vitalidade, que este ano volveu a dar sombra a un acto modesto pero precioso, no que exerceu de mestre de cerimonias o seu embaixador Xurxo Souto, e coa asistencia de membros da Asociación de Veciñas e Veciños das Atochas – Monte Alto – Torre de Hércules, da Asociación Monte Pindo Parque Natural, e varios dos edís da corporación coruñesa que se preocuparon do estado de saúde da árbore neste tempo, aos que temos que agradecerllo.

A Asociación Monte Pindo destaca a excelente relación que manteñen co tecido social da cidade herculina, nomeadamente coas entidades veciñais dosbarrios de Monte Alto, Atochas, Torre de Hércules, Palavea, Gaiteira, Oza, Os Castros..., pois somos perfectamente conscientes de que a mellor forma de divulgar os valores do Monte Pindo e de promover o seu recoñecemento é co contacto directo e sen intermediarios cos cidadáns de toda Galiza.

26/03/15

O Monte Pindo, máis presente que nunca no cumio da ciencia galega

Xil Caamaño, Vidal Romaní e Mario Maceiras (fonte: AMPPN)
A Asociación Monte Pindo foi convidada onte ao ingreso na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) do gran amigo e colaborador, o profesor Juan Ramón Vidal Romaní, coma académico numerario. Presidente e secretario da organización carnotá tiveron a honra de asistir a un evento científico de máximo relevo, e nunca mellor dito, nunha investidura que vén a saldar unha vella débeda da RAGC coa xeoloxía, pois aínda non contaba entre os seus membros con ningún especialista nesta disciplina.

Como non podía ser doutro xeito, Vidal Romaní ocupouse de que o Olimpo Celta estivese moi presente en todo o evento, ao que asistiu o máis granado da ciencia e o mundo académico do noso País. Asi, as referencias ao macizo carnotán comezaron desde o minuto cero do seu discurso 'A xeoloxía de Galicia. Como armar un quebracabezas'. O novo académico destacouno entre os dous eventos xeolóxicos máis antigos e relevantes da historia do noso País, consecuencia do choque de dous supercontinentes fai 350 millóns de anos, xunto co Pregue deitado do Courel (Quiroga); aínda que a diferencia dese, declarado Monumento Natural en 2011, a Xunta segue sen querer protexer o Monte Pindo mediante a declaración de Parque Natural, segundo explicou.

Membros da RAGC (fonte: AMPPN)
O compromiso de Vidal Romaní co Parque Natural do Monte Pindo foi precisamente un dos feitos destacados polo secretario da RAGC no seu discurso para saudar o ingreso do profesor na máxima institución da ciencia galega e repasar a amplísima traxectoria vital e profesional deste galego nacido en Tarragona, da que debemos destacar o seu papel como continuador do traballo de Isidro Parga Pondal no Laboratorio Xeolóxico de Laxe que remataría sendo o Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal, que o propio académico preside desde a súa fundación. Asi mesmo, centos de publicacións e investigacións e ducias de teses doutorais dirixidas, verios deles centrados no Monte Pindo, certifican o contributo indiscutibel do amigo Vidal Romaní á disciplina científica da Xeoloxía. Finalmente o profesor recibiu a medalla de mans do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e o diploma de académico foille entregado polo reitor da UDC, Xosé Luis Armesto.

Na Asociación Monte Pindo sumámonos ao sentir expresado pola maioría dos oradores, que reclamaron que existe unha débeda histórica coa xeoloxía galega, pois se ben sitúa o noso país coma un dos maiores polos de interese mundial para esta disciplina do saber, segue sen gozar do suficiente e merecido recoñecemento de portas adentro, tanto que a día de hoxe nin sequera impartimos no noso País esta titulación universitaria, e ademais estase consentindo desde a Administración o abandono e a destrución sistemática do noso patrimonio xeolóxico. Asi mesmo, expresamos a nosa máis absoluta gratitude á ciencia galega e nomeadamente ao propio profesor Dr. D. Juan Ramón Vidal Romaní polo seu amplo recoñecemento do valor xeolóxico do Monte Pindo, que agardamos poder ver pronto certificado mediante a incorporación da Real Academia Galega da Ciencia ao listado de entidades subscritoras da iniciativa de declarar o Monte Pindo coma Parque Natural.

10/03/15

Descubrimos unha nova especie protexida durante unha subida coa SGHN

Foto de familia da comitiva
Non hai camiño do Monte Pindo sen vistas, nin subida sen sorpresas. Esta fin de semana tivemos o pracer de guiar a dous colectivos cos que a entidade defensora do Olimpo Celta vimos colaborando habitualmente, a delegación da SGHN nas Mariñas e a entidade de custodia do territorio Fragas do Mandeo.

Medio cento de persoas, boa parte delas expertas no coñecemento e estudo da natureza, percorreron ao longo do pasado sábado os sendeiros do Monte Pindo ávidos de descubrir o seu estado de saúde 540 días despois do incendio.

Por fin localizamos o Narcissus asturiensis
Narcissus asturiensis
A mellor noticia do día ademais da inmellorábel compañía e de todas as experiencias, consellos e informacións compartidos para a defensa deste espazo, foi o descubrimento de exemplares dun terceiro e novo narciso no Monte Pindo, o Narcissus asturiensis, especie catalogada coma Vulnerábel o Catálogo Galego de Especies Ameazadas, e da cal desde hai tempo se sospeitaba que podería estar presente (de feito identificouse erroneamente en varias ocasións), pero finalmente xa podemos confirmar a súa presenza e incluila por tanto no Catálogo de Especies do Monte Pindo (CEMP), que xa suma 665 especies, das que -con esta- 36 son consideradas vulnerábeis e máis de 150 contan con algún nivel de protección na lexislación vixente. Asi mesmo, temos previsto mandar exemplares a estudar pois determinadas caracteristicas poden indicar que se trate dunha variedade propia.

Unha canle de auga no curso dun río?
Imaxe: Fco. X. Fdez Nval
Outra sorpresa foi o descubrimento, esta vez por parte de Chisco Fernández Naval e Fernando Alonso Romero durante unha das súas habituais visitas á zona, dunha curiosa canle de pedra que percorre a propia cauce do Rego Vadebois, e que terá que ser estudada por expertos ao constituir un elemento patrimonial que non era coñecido nin moito menos estaba catalogado.

As motos néganse a abandonar a paisaxe virxe do Olimpo Celta
Pola parte negativa do día, un novo encontro cun grupo de moteiros que descendían da mesmísima Laxe da Moa, e que ao seren recriminados pola súa acción aínda se encararon cos sendeiristas. Xa perdemos a conta das veces que denunciamos ante o SEPRONA estas subidas ilegais penadas pola lexislación vixente, sen que este corpo nin ningún outro pareza mover ficha nin adoptar ningún tipo de medida. Deberemos esperar, unha vez máis, a que un sendeirista sexa atropelado, un motorista sufra un accidente grave ou un incendio sexa provocado para que as autoridades encargadas da xestión deste espazo decidan interesarse.

20/02/15

A Xunta gastou no lume do Monte Pindo 14 veces máis de todo o que invertira con anterioridade

A Xunta gastou a raíz do incendio de setembro de 2013 no Monte Pindo catorce veces máis de todo o que investiu en prevención na etapa de Alberto Núñez Feijóo. O dato derívase do informe que a Asociación Monte Pindo Parque Natural solicitou á Xunta o 29 de novembro de 2013. Despois dun ano e tres meses, por fin o informe chegou esta semana ás nosas mans a raíz dunha dura actuación do Valedor do Pobo, que emitirá queixa ao Parlamento pola actitude do PP neste asunto, aparte das consecuencias penais que pode supoñer tal dilación por incurrir en vulneracións claras das lexislacións europea (Directiva 2003/4/CE), española (Lei 38/1995 e Lei 27/2006) e galega (Lei 1/1995).


Á vista dos datos queda perfectamente claro por que a Xunta tardou ano e pico en redactar folla e media: existiu a vontade clara de ocultar uns datos que evidencian a absoluta falta de prevención da Xunta do PP no Olimpo Celta, malia ser a única responsábel da xestión do espazo natural protexido. Asi mesmo tamén se evidencia que esa falta de previsión saiunos moi custosa a todos os galegos e galegas.

0,53 millóns de euros, e o esforzo de 897 persoas, 96 vehículos e 24 aeronaves, non apagaron o lume
Ante tal falta de prevención, o polvorín do Monte Pindo só precisaba a isca que o prendese. Logo de varios avisos ignorados, o 11 de setembro de 2013 a Cima da Arca ve nacer o lume que acabou íntegramente co Monte Pindo en menos dunha semana, asi coma cos espazos naturais colindantes da fervenza do Ézaro e as Marismas de Caldebarcos, en total preto de 2.500 hectáreas. A Xunta certifica que se gastaron en total 538.439 € das arcas públicas no operativo de extinción dese lume, que non serviron para salvar un só metro cadrado do espazo natural protexido, mais apenas para protexer do lume os núcleos que corrían perigo de desastre. Só a choiva e as barreiras naturais posibilitaron finalmente días despois o control do incendio.

A brutalidade do lume obrigou a centrar os esforzos en defender os lugares (Foto: Ovidio Castro)
Asi o PP arriscou inutilmente as vidas dun inmenso continxente humano composto por 897 persoas, conformado por 2 técnicos, 41 axentes forestais, 502 brigadistas, 15 bombeiros profesionais, 24 voluntarios, 42 membros das forzas de seguridade, 225 militares e 46 con outras funcións. O operativo foi apoiado por terra por 96 vehículos pesados, distribuídos en 52 motobombas, 4 bulldozer e 40 doutro tipo. Asi mesmo actuaron por aire un total de 23 aeronaves, das que 12 son hidroavións, 20 helicópteros e un avión coordinando o dispositivo. Todo isto segundo cifras oficiais.

Mención aparte merece o montante dos contratos a empresas privadas. Cando na solicitude pedimos este dato, nunca nos podíamos imaxinar que nos atoparíamos cun dato tan relevante: Nada menos que 251.466.09€, o 46,70% do gasto total, foron para o sector privado, maiormente para a empresa Inaer Galicia SL.

A Xunta é incapaz de explicar o custo do operativo de lanzamento de palla
O lume rodeou por completo varios lugares, como na Curra
As medidas adoptadas posteriormente ao incendio, tarde mal e arrastro, polo PP, non aparecen desglosadas no informe tal e como solicitamos expresamente. Especificamente desexábamos coñecer o custe do dispositivo de lanzamento de palla desde helicopteros, que tantas veces calificamos de ridículo e insuficiente. O único dato que facilitan é o custe xenérico dunha "encomenda de xestión á empresa pública SEAGA" por valor de 553.651,19€  pero sen detallar cales foron esas actuacións nin onde se desenvolveron. A Asociación estudará se a administración vulnera a legalidade ao negarnos este dato pois entendemos que a petición de información era moi clara.

Por outra parte, a Xunta non gastou un só euro en indemnizar ou resarcir de ningún xeito á veciñanza cuxas propiedades, vivendas e explotacións sufriron danos a consecuencia da acción directa do lume. O PP negárase asi mesmo a tramitar a declaración de zona catastrófica e activar sendos planos especiais para a recuperación do espazo degradado e para o desenvolvemento socioeconómico da zona.

O PP só desenvolveu unha actuación no Pindo antes do lume
Cando solicitamos á Xunta detalle dos gastos feitos antes do incendio no Olimpo Celta (pois -lembramos- ten que xestionalo), descubrimos que obviando unha repoboación de autóctonas -pois promoveuna o anterior goberno bipartito-, quédanos unha soa actuación: un desbroce de 74 hectáreas (o Monte Pindo abarca preto de 2 mil) supostamente desenvolvido entre os anos 2010 e 2011, por valor de 79.065.33€.

Dicimos supostamente porque a veciñanza descoñece -e a Xunta non axuda a aclarar- onde se fixo esa actuación, se é que se fixo. En calquera caso, supoñemos que esa debe ser a gran actuación que serviu ao PP para asegurar durante tres anos que o Monte Pindo estaba sobradamente protexido na situación na que estaba, e mesmo que dicíamos o que dicíamos porque estábamos politizados. A consecuencia de tal abandono era xa inevitábel, mais tamén a responsabilidade directa de quen tendo a obriga legal de xestionalo non o fixo.

Con parte deses cartos malgastados Carnota e a Costa da Morte terían un Parque Natural plenamente operativo
A cadea dos acontecementos vén a dar completamente a razón á veciñanza despois de 5 anos de loita e demostra que o Parque Natural si representaba e segue a representar unha solución para este espazo pois obriga a dispoñer dun orzamento anual, planos de actuación, corpos de vixilancia e conservación e órgano de dirección. Non podemos cuantificar a priori o custo exacto de crear ese Parque Natural, pois só pode facelo a Xunta, pero sen dúbida ese millón de euros que a Xunta dilapidou improvisada e inutilmente serían máis que suficientes para declaralo e dotalo dunha estructura eficiente. O abandono ao que a Xunta someteu o Olimpo Celta tantos anos si resultou ser un negocio absolutamente ruinoso desde o punto de vista económico, social e medioambiental.

O PP debe asumir a responsabilidade política e legal pola súa incompetencia manifesta
Asi as cousas, os datos confirman que todas as voces de alarma estaban no certo: no Monte Pindo existía unha situación de abandono acuciante derivada do ínfimo esforzo en prevención, e que a Rede Natura 2000 non estaba a servir para conservar nin manter un dos espazos naturais máis valiosos do noso País. A Xunta sabíao perfectamente pois dixémosllo en centos de ocasións, pero fixo caso omiso. Por iso o PP debe asumir a súa responsabilidade política por ignorar durante 3 longos anos a quen lle alertaba do que finalmente pasaría, o que nunha sociedade avanzada suporía a dimisión ou o cese fulminante de todos os cargos políticos implicados, pero tamén e sobre todo deben aceptar a responsabilidade legal, pois o seu goberno é responsábel único e directo da xestión do Monte Pindo, e por tanto de todo o que pasa nel.

Como sabemos que non o van facer, a Asociación Monte Pindo Parque Natural vai presentar unha denuncia contra varios altos cargos da Xunta de Galicia ante a Unión Europea por ter permitido baixo a súa xestión a destrución case total dos valores naturais que xustificaron no seu día a incorporación do espazo denominado LIC Carnota-Monte Pindo na Rede Natura 2000.

Xa por último pero non menos importante, a Asociación Monte Pindo Parque Natural agradece e aplaude publicamente a implacábel labor do Valedor do Pobo, sen o cal sería completamente imposíbel ter accedido a esta documentación pola negativa da Xunta a facilitarnos a información que legalmente temos dereito a consultar. A presión que exerceu o Valedor foi moi meritoria e mesmo tivo que advertir das consecuencias legais que pode conlevar a actitude discriminatoria e abusiva que ten a Xunta coa nosa asociación, e coherentemente anunciou que informará criticamente ao Parlamento Galego desta situación.

Foto: Juan Louro
 NIN ESQUECEMOS NIN PERDOAMOS!
MONTE PINDO PARQUE NATURAL!

08/01/15

O alcalde de Carnota sae en defensa da causa veciñal e lembra que o PP foi a primeira organización en pedir o Parque Natural do Monte Pindo

O rexedor asegura que o Monte Pindo aínda non é parque natural porque o PP antepón os intereses do seu aspirante local aos do medio ambiente, da veciñanza e de Carnota

Ramón Noceda, alcalde de Carnota (fonte: ElDiario.es)
O alcalde de Carnota Ramón Noceda acaba de emitir un comunicado saíndo ao paso das declaracións da deputada do PP Marisol Piñeiro, que acusou ao movemento veciñal carnotán de "estar politizado", e asegurou que son os do PP os únicos quen están facendo un uso partidario da cuestión do Monte Pindo, pois antepoñen os intereses políticos e personais do seu aspirante local José Oreiro aos do medio ambiente, dos veciños e do propio Concello. Noceda lembra que cando menos desde o 2003 ata o 2011, ata perderen o goberno local, era o PP quen inventou a idea de declarar o Monte Pindo Parque Natural, como da fe a hemeroteca. Por iso ironizou con que pasarán á historia por ser a primeira organización en pedilo, e a última en admitilo.

Na opinión do rexedor carnotán, o Parque Natural é unha boa iniciativa pois "suporá postos de traballo, investimentos, promoción turística de calidade e, en definitiva, a mellora xeneralizada e innegable de todo o contorno e da calidade de vida da veciñanza". Noceda di que "calquera administración debería celebrar que a súa sociedade acade tal grao de madurez que non sexa freo, senón motor de iniciativas tan valentes como esta".Ademais asegurou que é a primeira vez en Galicia e probablemente en España que "un parque natural nacerá con boa parte do traballo feito: unha sociedade sensibilizada, varias liñas de investigación abertas, e centos de colectivos de todo tipo implicados".

Noceda ofreceu aos populares recuperar a batuta da iniciativa e sentenciou con que o seu goberno apoiará "todo o que sirva para recuperar e protexer o Monte Pindo de xeito que repercuta na mellora do benestar da súa veciñanza, veña de quen veña".

A nota completa do alcalde de Carnota pódese ler nesta ligazón.