Esta fin de semana o Monte Pindo viviu un acto de irmandade co coruñés barrio de Monte Alto, un acto cheo de simbolismo que se volveu do máis emotivo. E é que a choiva, que levaba meses sen facer acto de presenza, quixo ser a protagonista desde primeira hora da mañá, regando a terra que acobillaría máis tarde ao carballo que a partir do 17 de marzo camiñará cara ao ceo -en palabras de Xurxo Souto- no Campo de Marte.
Porén, os elementos confabuláronse para que a choiva cesara xusto no intre de comezar o acto e dera paso ao sol, de xeito que sería difícil programalo tan ben se ambos elementos puidesen preverse. Ademais das organizacións convocantes moitos colectivos veciñais da cidade quixeron estar presentes no acto, asi como ADEGA, Scouts, MESA, Comités, BNG, Palavea Bravú, Galiza Nova... e un longo etcétera de entidades sensibilizadas que contribuiron con cadansúa presa de terra a que o quercus prendera no chan de Monte Alto que agora o une por sempre ao carnotán Monte Pindo, que deixou de estar lonxe.



Tantas boas sensacións subscitou o evento, e tanta calor humana, que Xurxo Souto propuxo que a "Romaría do carballo do Monte Pindo" se convirta nunha cita anual, idea que foi saudada con entusiasmo polos colectivos asistentes. Por tanto hoxe podemos anunciar que a cita vai recuncar cada ano o terceiro sábado de marzo no propio Campo de Marte da Coruña, para que este irmanamento siga vivo por moito tempo e tamén os anceios dun medio natural máis vivo, coidado, protexido e desenvolto para o gozo de todas e todos.
Video do acto