11/12/14

Xa somos puntoGal!

Pode que nin o notásedes, pero a Asociación Monte Pindo Parque Natural conta desde hoxe con novo enderezo web: www.montepindo.gal


Este dominio é froito do traballo de moitos milleiros de persoas comprometidas co noso idioma e cultura, decididos a lograr un dominio propio que diferencie as páxinas galegas en Internet. Esa iniciativa callou no ano 2006 na creación da Asociación Puntogal, unha entidade creada para reclamar un dominio galego á ICANN, organismo internacional encargado da autorización e recoñecemento dos dominios en Internet. Finalmente o 16 de maio de 2014 naceu a páxina www.dominio.gal, para aceptar preinscricións de páxinas .gal, certificando a victoria dunha loita incansábel de 8 anos que só podía acabar cun final feliz.

Non podemos máis que felicitar a Puntogal por este éxito, que desde hoxe, 11 de decembro, tamén compartimos mudando a nosa páxina web a www.montepindo.gal. Unha vez máis demóstrase que nunca debemos desistir dos nosos proxectos personais e colectivos só porque se plantexen longos e tediosos. Nós levamos 4 anos e dous meses loitando pola declaración do Monte Pindo Parque Natural e tampouco pararemos ata ver esa iniciativa publicada no DOG. Aínda que tamén nos leve 8 anos.