07/01/14

O agasallo de moda nestas festas foi... unha árbore no Monte Pindo

Coma @crismarcosgc, algúns usuarios das redes sociais
 decidiron agasallar dun xeito ben distinto a un ser querido
Cando creamos a Tenda Monte Pindo, decidimos darlle á xente a oportunidade de colaborar na restauración ecolóxica do Olimpo Celta, mediante o donativo dun carballo ou un castiñeiro no mítico espazo natural arrasado por un terríbel incendio o pasado mes de setembro.

O que nunca se nos pasaría pola cabeza é que precisamente ese fose con diferenza o artigo da tenda online máis prezado polos nosos visitantes, e incluso que se convertese nunha especie de agasallo de moda nas pasadas datas festivas, sen dúbida debido ao prezo simbólico dun euro que supón este xesto, pero tamén á inmensa xenerosidade dun pobo disposto a axudar a salvar o seu monte nun tempo especialmente difícil no socio-económico.

A día de hoxe a Asociación Monte Pindo Parque Natural leva recadado por este concepto uns 190 euros de 35 persoas, que por suposto se destinarán integramente á repoboación do Olimpo Celta con árbores autóctonas unha vez que se superen os escollos impostos pola administración autonómica ao proxecto SOS Monte Pindo. Ata a data da infame paralisación forzosa o voluntariado xa levaba plantados neste espazo arredor de 2.500 castiñeiros e 1.050 carballos, asi coma -en menor medida- érbedos, ameneiros, bidueiros, freixos, loureiros ou capudres, todos eles procedentes de bosques naturais do entorno a excepción das árbores certificadas xeneticamente que nos donou o IIAG-CSIC en virtude do convenio de colaboración asinado recentemente.

A plataforma Agasallo.eu tamén axuda ao Olimpo Celta
Outra boa noticia foi a oferta de colaboración feita por Agasallo.eu, unha innovadora plataforma en Internet promovida pola CTNL que pretende proporcionar alternativas para facer agasallos en galego. Os responsábeis desta plataforma comunicáronse con nós para integrar desinteresadamente varios dos artigos da tenda e contribuir deste xeito á recuperación do Olimpo Celta. Os artigos elixidos son o Medallón das Sete Pitas, a Ra de San Antón e por suposto o carballo ou castiñeiro no Olimpo Celta.
A eles queremos agradecerlle a súa xenerosidade e por suposto desexarlle a mellor das sortes co seu novo -e necesario- proxecto.