09/01/14

Esgotada a vía do diálogo coa Xunta sobre o futuro do Monte Pindo

Verónica Tellado súmase á lista de políticos
do PP que dan a espalda ao Olimpo Celta
Onte produciuse a que posibelmente sexa a última reunión co actual goberno da Xunta de Galicia para valorar o futuro do Monte Pindo e tratar a súa declaración coa única figura de protección democrática, participativa e que obriga a comprometer investimentos e contratacións de personal: o parque natural.

Á xuntanza, desenvolta na mañá de onte no edificio da Consellería de Medio Ambiente en San Lázaro (Compostela), acudiu unha ampla representación científica e social composta por Xil Caamaño (presidente da nosa entidade), Ramón Noceda (alcalde de Carnota), Xoán Ramón Vidal Romaní (presidente do Instituto Universitario de Xeoloxía), Javier Amigo (profesor de Botánica da USC) e Fins Eirexas (secretario executivo de ADEGA), e coas ausencias a última hora de Serafín González (presidente da Sociedade Galega de Historia Natural) e de César Cambeiro (Comunidade de Montes Veciñais de Caldebarcos) por motivos laborais.

O obxectivo da xuntanza, solicitada hai máis dun ano pola nosa Asociación e finalmente convocada pola nova directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado Barcia, non era outro que o de pedirlle á Xunta de Galicia de que movera peza e iniciara dunha vez por todas a tramitación do primeiro Parque Natural da Costa da Morte case dous anos despois da última reunión mantida co propio Conselleiro Agustín Hernández. Malia que a súa postura parecía receptiva, o posterior transcurso dos acontecementos demostrou que a única pretensión era a de quitarse de enriba aos veciños que lle pedían desde hai tres anos que actuara ante a ameaza acuciante á que estaba submetido o Monte Pindo polo seu estado evidente de abandono, o que finalmente provocou que o pasado mes de setembro un incendio intencionado arrasara por completo cos seus valores naturais.

O Pindo non está entre as súas prioridades
Alvarizas en San Cibrán tras do lume
Malia que o conxunto dos representantes sociais e científicos presentes na reunión expuxeron detidamente os valores xeoloxicos, naturais, arqueolóxicos, económicos, sociais... que xustifican esta iniciativa asi coma os seus incontestábeis beneficios, a actitude da nova directora xeral foi aínda peor que a dos seus antecesores: pechounos a porta nas narices, cunha pasividade e total falta de interese polo Olimpo Celta que nunca antes demostrara tan abertamente ningún alto mandatario da Xunta, pois cando menos trataban de simular interese e preocupación polo devir dun dos espazos naturais galegos máis valiosos e coñecidos. Chegou a afirmar que aínda que tivera na man a aprobación dun parque natural nesta lexislatura non sería o Monte Pindo, asi como que o Olimpo Celta non está entre as súas prioridades. Nin sequera se molestou en ofrecer algunha alternativa nin en preguntar pola restauración ecolóxica que estábamos desenvolvendo e que veñen de paralizar coa ameaza de multas.

A Asociación só pode entender que Verónica Tellado acudiu a esta reunión por cubrir o expediente e coa negativa totalmente decidida antes mesmo de comezar, seguindo un guión probabelmente imposto polos seus compañeiros de partido. Pero sexa como sexa, o que non nos cabe na cabeza é que por enriba demostre un nivel tan descarado de desprezo e desinterese por un espazo natural valiosisimo -aínda que non o saiba- que lle corresponde xestionar e que acaba de ser destruido nun brutal incendio. Cando menos podía amosar un mínimo de respecto por quen sen ter responsabilidade directa na xestión dun monte público desenvolve un traballo abnegado na súa defensa e por propoñer iniciativas en positivo, sen pedir un só euro por facelo.

É ben certo que este desinterese é xeralizado na Xunta, aínda que por esta persoa ser tan nova no posto albergábamos certas esperanzas dun cambio de actitude con respecto á dos seus compañeiros do PP na Xunta que levan desde setembro sen nomear unha soa vez as palabras "Carnota" e "Pindo" nas súas notas de prensa. Desgrazadamente hoxe é obvio que non é asi, Verónica Tellado é unha disciplinada recluta máis e non habendo máis altos cargos dispostos a facer algo polo Olimpo Celta, damos por pechada a vía do dilálogo co goberno galego mentras non se produza unha renovación total de caras e sobre todo de ideas na Xunta de Galicia.

Mentras tanto obraremos baixo os valores da autoorganización, a mobilización e, de ser necesario, a desobediencia. O que non decaerá baixo ningún concepto é o convencemento de que antes ou despois, pese a quen lle pese e caia quen caia, o Monte Pindo será parque natural e a súa veciñanza poderá por fin disfrutar dos beneficios dunha figura de protección que no estado español supón a creación dunha media de 11 postos de traballo directos por parque e 26 euros de investimento anual por hectárea (2.2 millóns de euros a repartir entre os 6 parques naturais galegos en 2013).