02/05/13

A asistencia ás Xornadas "de Castros a Castelos" outorgará un crédito de libre configuración da USC

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de recoñecer cun crédito de libre configuración o valor académico das Xornadas de Historia e Patrimonio "De Castros a Castelos", un evento que debullará o 1 e 2 de xuño en Carnota os acontecementos máis importantes que aconteceron no noso País desde os castros ata a revolta irmandiña que rematou cos castelos medievais, a través do estudo dos restos materiais que chegaron a nós centos e miles de anos despois.

Asi, todas as persoas que participen nestas Xornadas e que cursen na USC estudos en calquera das enxeñarías, licenciaturas, diplomaturas, enxeñarías técnicas e mestres, recibirán un crédito de libre configuración que poderán incorporar ao seu curriculum académico.

Este recoñecemento por parte dunha institución tan fundamental para a confección cultural e científica do noso País chega xusto e cando o aforo máximo do recinto previsto para o evento está a piques de completarse, polo que o incremento previsíbel de inscricións nos próximos días polo atractivo deste crédito pode provocar que o recinto quede pequeno e haxa que pensar noutra localización.

En calquera caso, a organización anuncia que o prazo segue aberto e que se fará todo o que esté na nosa man para que non exista ningunha limitación de prazas que impida que todo aquel que o desexe formar parte deste evento histórico. A ocasión merece o esforzo.