

Os muiños de vento nin sequera respectan as zonas que xa están protexidas, chegando a invadir as inmediacións do Camiño de Santiago, dominios recollidos na proposta de ampliación do LIC Carnota-Monte Pindo, zonas de petroglifos, dolmes e mámoas, e incluso hábitats prioritarios e humidais inventariados. Todo isto a pesar de que a propia empresa recoñece o inmenso impacto desta instalación, pero excúsase en que xa hai instalacións similares na zona e en "completar a potencia concedida" -engadimos nós: fraudulentamente- "no seu momento".
As entidades que defendemos o Monte Pindo recordamos que a zona xa está ateigada destas instalacións que apenas repercutiron na mellora real da calidade de vida do entorno, e esiximos que se permita repotenciar a esta empresa outros parques eólicos onde o dano paisaxístico e ambiental sexa menor, e que non invada espazos con tantas posibilidades de desenvolvemento futuro como é o do Monte Pindo, pois este aspira a converterse antes que despois en Parque Natural, idea que é apoiada pola práctica totalidade dos expertos, científicos, asociacións e mesmo pola sociedade, non sendo unha realidade aínda por unha clara falta de vontade política.
Asi mesmo, denunciamos que, se ben os danos serán para toda a vida, a vida dun executivo que apoia parques eólicos e rexeita parques naturais pode durar tan só 4 anos, polo que unha decisión deste tipo debe tomarse moi meditadamente, a medio-longo prazo, e non reciclando vellos proxectos esquecidos sobre os que ademais recaen serias sospeitas de fraude.
De pretender proseguir con esta barbaridade, atoparanse con nós de fronte.