17/12/10

A Xunta anula o permiso de explotación que secou a fervenza do Ézaro

A denuncia dun grupo ecoloxista levou á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia a anular a declaración de impacto ambiental que lle concedera a propia administración autonómica no ano 2001.

A institución presidida por Agustín Hernández observou que non se axustaba a dereito a declaración de impacto ambiental asinada daquela polo executivo de Manuel Fraga, a cal amparou as intencións da empresa Ferroatlántica de secar a fervenza de Ézaro, situada nos mesmos pés do Monte Pindo, restrinxindo a tan só unhas poucas horas anuais o marabilloso espectáculo que nos agasalla o único río do sur de Europa que en estado natural cae en fervenza sobre o mar.

Esta circunstancia, xunto co incumprimento do caudal ecolóxico e a ameaza da posible extinción masiva de especies de flora e fauna do río Xallas, foi a que motivou a denuncia da organización Ríos con Vida daquela, e a actuación de Augas de Galicia agora, que decidiu incoar un expediente declarando "a nulidade de pleno dereito" do permiso de explotación industrial outorgado á hidroeléctrica.