11/09/14

O eucalipto come o Monte Pindo por acción das pasteiras e omisión da Xunta

Hoxe cúmprese un ano do incendio, en que Xunta e industria pasteira aliáronse para cambiar a vexetación autóctona por eucaliptos

Cartel do roteiro deste sábado
Un ano despois, o Monte Pindo comeza a recuperarse de xeito natural a pesar da gran afectación do lume, a brutal erosión do terreo, e a ausencia da Xunta; a vexetación baixa volve ás turbeiras, e algunhas especies en perigo coma o lirio de monte ou o carballo anano lograron sobrevivir. A día de hoxe, os camiños xa están bastante practicábeis, e de feito imos lembrar este cabodano da traxedia cun roteiro o vindeiro sábado 13 de setembro, con saída ás 10:00h de Caldebarcos.

Poren, temos malas noticias para este espazo. A Asociación Monte Pindo Parque Natural denuncia que, un ano despois do incendio, o abandono da Xunta e os intereses empresariais aliáronse na substitución da vexetación autóctona polo eucalipto, especie que lle interesa especialmente á industria pasteira.

Esta organización tivo coñecemento de que testaferros das ditas corporacións están visitando a veciños e propietarios particulares nas saias do Monte Pindo, para xenerosamente retirarlles a madeira queimada das súas propiedades e unha posterior repoboación. Pero logo esas repoboacións fanse sempre con eucalipto, independentemente da especie que houbera antes. Por outra parte, temos recibido queixas de que cando estas corporacións reciben permiso para plantar, mesmo actúan en terreos colindantes para os que non teñen ningún tipo de acordo cos propietarios. Non nos consta que para as súas actuacións pediran tampouco permiso nin da administración local e a Comunidade de Montes de Caldebarcos, propietarios do monte, nin da propia Xunta, responsábel da súa xestión, nin moito menos que ninguén da administración, como a Xefa do Distrito Forestal Sara Romero, a mesma que nos prohibiu ao voluntariado plantar carballos e castiñeiros recollidos na zona despois do lume pois "non tíñamos permiso", alzara a voz porque se esté suplantando a vexetación autóctona por eucaliptos, indiscriminadamente, en pleno Lugar de Interese Comunitario - Rede Natura 2000.

Lirio de monte, en risco crítico de extinción a nivel mundial,
logrou sobrevivir ao lume. (Imaxe: Roi Carballal)
Deste xeito, a presenza do eucalipto, que antes do lume era anecdótica na superficie do futuro Parque Natural, hoxe mesmo ameaza o hábitat do carballo anano (Quercus lusitanica Lam), escpecie vulnerábel e xoia da coroa do Monte Pindo pois non se pode ver en ningún outro lugar do noso País. Esta especie, que despois do incendio rebrotara con forza, agora ve o seu territorio ameazado por eucaliptos que crecen moito máis rápido e prívano do espazo, a luz e a auga que precisa para desenvolverse.

Non esquecemos nin perdoamos: O pirómano, sen a inacción da Xunta, non o tería logrado
Hoxe cúmprense 365 días do incendio declarado en Cima da Arca (Cornes) que en menos dunha semana tería devorado sen oposición o Olimpo Celta, espazo mítico e natural para o que os veciños levaban 3 anos alertando á Xunta do risco grave de abandono en que se atopaba, e pedindo unha declaración de Parque Natural con cuxas dotacións económicas e humanas puidera atinxirse as súas problemáticas. Sen embargo todas esas voces, asi coma a de 169 institucións, asociacións veciñais, partidos políticos ou organizacións empresariais, ecoloxistas, turísticas, deportivas... foron deliberadamente ignoradas, dando como resultado a desaparición de toda a vida natural nas preto de 2.500 hectáreas no maior incendio declarado no 2013 no noso País, suceso vergonzoso para todos os galegos que hoxe a Xunta se empeña en ignorar nas súas avaliacións e comunicados.

Agochados ou en Colombia
Tampouco a raíz do incendio ningún dos responsábeis daquela Consellería de Medio Ambiente, boa parte deles imputados por atentados contra o medio natural, mudou un ápice a súa negativa a absolutamente nada que tivera que ver con actuar, destinar recursos, ou sequera permitir aos veciños traballar por este espazo. Aínda que en consecuencia esta área da Xunta foi progresivamente decapitada mediante xubilacións forzosas ou cambios de departamento, o certo é que sobre o terreo a Xunta brillou pola súa ausencia, só aparecendo na zona uns días despois da gran Manifestación celebrada en Compostela, para desenvolver unha serie de ridículas, custosas e cosméticas iniciativas destinadas a calmar o clamor e a rabia popular non só polo incendio, senón pola espantada xeral dos responsábeis de coidar o noso Olimpo Celta, algún ata se foi de vacacións a Colombia en pleno incendio.

Tampouco tivemos máis noticias da investigación policial sobre a autoría material do incendio. As pescudas do SEPRONA ou foron infructuosas ou quedaron directamente no caixón unha vez que rematou o verán e, por tanto, o interese público en materia de incendios. A nós citáronnos no acartelamento de Lonzas (Coruña) para ver se tiñamos algunha pista sobre quen fóra. Nós dixémoslles que non, que non tiñamos nin idea do autor material, pero si do seu cómplice: a Xunta de Galicia, en grao de colaborador necesario.

01/09/14

Roteiro polo Monte Pindo: O ano despois do desastre

Cartel do evento. Foto: Román Nóvoa ©
Cúmprese un ano do incendio que devastou o Olimpo Celta, e queremos que nos acompañedes nun roteiro pola zona arrasada o sábado 13 de setembro para comprobar o seu estado un ano despois, e pedirlle á Xunta que dunha vez dispoña dos recursos necesarios para recuperar e protexer o Monte Pindo.

Sairemos do restaurante O Feitizo en Caldebarcos (Carnota) a iso das 10:00h da mañá, polo que o primeiro tramo desenvolverase por un percorrido inédito no historial de visitas organizadas pola nosa Asociación. O retorno -ao mesmo lugar- está previsto a iso das 18:00h, polo que deberedes levar auga e xantar. Ah, coma sempre lembrade traer roupa e calzado cómodos, seguros e axeitados ás condicións meteorolóxicas do día. O custe da actividade é gratuito. Para máis información, consúltanos en info@montepindo.org.

Monte Pindo, Parque Natural!

En detalle
  • Trazado: Caldebarcos-Chan das Lamas-San Xurxo-Laxe da Moa (volta polo mesmo camiño)
  • Distancia: Arredor de 10 quilómetros
  • Duración: 4 horas (sen contar paradas), 6 horas totais
  • Dificultade: Media
  • Traer xantar e roupa e calzado seguros, cómodos e axeitados ás condicións do día
  • Máis información: www.montepindo.org ou escribenos a info@montepindo.org

08/07/14

O verdugo do Monte Pindo, chamado a apagar o incendio de Compostela 300 días despois

A saída de Hernández culmina a decapitación discreta da Consellería que deixou arder o Olimpo Celta

Cadro de Tokio para AMPPN. CC 3.0 by
Agustín Hernández, coñecido como Certifiqueitor por certificar sendo funcionario da Deputación de Pontevedra obras inacabadas para favorecer á súa antiga empresa Sercoysa, foi proclamado esta mañá alcalde de Santiago non electo, nun polémico acto que rematou con varios cidadáns pisoteados e detidos.

Por que merece esta persoa un titular na páxina web dunha asociación dedicada a defender o medio ambiente e particularmente o Monte Pindo e os seus veciños? Porque é o máximo responsábel da destrución ecolóxica do Olimpo Celta o verán pasado, ao ser o autor material do estado de abandono do macizo carnotá que o converteu nun auténtico polvorín que só precisaba da isca prendida por algún desaprensivo para botar ao traste co espazo natural que miles de veciños levaban 3 anos loitando por ver convertido no primeiro Parque Natural da Costa da Morte.

A pesar da man tendida que sempre mantivo o movemento veciñal e o propio Concello de Carnota a Agustín Hernández para alcanzar acordos que axudaran a protexer o Monte Pindo, nunca dou un só paso nese sentido e centrou a súa acción como Conselleiro en dilatar calquera idea e iniciativa, mesmo as artelladas e financiadas polos propios veciños, para que nada cambiara. Asi, finalmente, logo de 3 anos desoindo todas as voces que alertaban do preocupante estado do Olimpo Celta e a pesar de todos os avisos en forma de focos de incendio que xa prognosticaban o peor, finalmente o 11 de setembro o Monte Pindo ardía en toda a súa extensión, e con el as 640 especies que xustificaron no seu día a súa designación como LIC Rede Natura 2000. Este episodio, que agora a Xunta se empeña en omitir nas súas valoracións coma se nunca se tivese pasado, certificou o destrutivo legado de Agustín Hernández á fronte do medio ambiente galego, hoxe que é chamado a apagar outros lumes, os iniciados polos seus compañeiros corruptos que durante 3 anos se levan relevando no Concello de Santiago de Compostela.

Agustín Hernández, que tanto gusta de presumir de que o entorno do Monte Pindo é o seu espazo natural favorito en Galiza e de feito veranea cada ano nesta zona, pasa desde hoxe á historia coma un dos seus máximos inimigos e non só pola súa lamentábel actuación no que ten que ver coa súa protección e os continuos desprezos á veciñanza, senón por ser hai anos un dos máximos responsábeis na construción do Encoro de Santa Uxía para explotar o ex-ministro franquista Villar Mir, que desde aquela asfixia a arteria do Monte Pindo e causou numerosos desastres ecolóxicos.

A Xunta desmantela en menos dun ano unha área de Medio Ambiente pragada de casos de corrupción

Agustín Hernández
Lonxe de ser unha anécdota, a saída do Conselleiro Agustín Hernández de Rojas da Consellería de Medio Ambiente é unha máis dun proceso de decapitación progresiva que se inicia casualmente pouco despois do lume do Monte Pindo. Tanto é asi que dos responsábeis políticos daquel tempo, xa non queda ninguén.

Ricardo García-Borregón
O Director Xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón, presentara a súa dimisión pouco antes do lume e a súa substituta Verónica Tellado Barcia atopábase de baixa por maternidade, malia o cal Borregón negouse a seguir exercendo esta responsabilidade o que deu lugar á situación de que esta área estivo vacante durante o lume. Borregón está imputado por gravísimos delitos contra o medio ambiente, coma o dragado ilegal da Ría de Ferrol. Tamén está acusado de autorizar a masacre de lobo ibérico (en perigo de extinción) na Serra do Barbanza, amparándose nas recomendacións dun suposto informe científico que resultou ser falso.

Rogelio Fernández en Colombia
mentras o Pindo ardía
O antigo subdirector xeral de Espazos Naturais, Rogelio Fernández, foi relevado dese cargo e agora está destinado nos intestinos da Consellería na Coruña, facendo máis de funcionario ca de ideólogo. Rogelio desatou un escándalo durante o incendio do Monte Pindo pois foise de viaxe a Colombia, segundo a Xunta de vacacións, mais logo demostrouse que en realidade foi dar conferencias sobre espazos naturais (cousa que en Galiza nunca fixera) acompañado de directivos dunha firma privada acusada de traballar ilegalmente para a Xunta. Está imputado por prevaricación, falsidade documental e dous delitos contra o medio ambiente polo dragado ilegal da Ría de Ferrol.

Carlos Muñoz cachado en Valdoviño
Carlos Muñoz, xefe de Servizo de Conservación da Natureza, foi relevado dunha forma máis elegante: xubilado á forza, a pesar da súa intención de reenganchar no cargo mentras llo permitiran. Este interese non é casual. Carlos Muñoz aproveitaba a súa posición para facer negocio, compaxinaba a súa traxectoria na función pública coa actividade privada, e ademais podía marchar a calquera hora do traballo para exercer en nome do PP de interlocutor de cabeceira nas tertulias radiofónicas da cidade da Coruña.
O seu currículum xudicial tampouco está en branco. Foi imputado por delitos de prevaricación, falsidade documental e contra o medio ambiente polo dragado ilegal da Ría de Ferrol, imputado tamén por falsidade documental na tramitación de licenzas ilegais de caza, e autorizou todas as cacerías de lobo ibérico barbantino en base ás recomendacións dun "informe seu", pero que resultou que nin falaba do lobo do Barbanza nin chegou a participar nel en absoluto. Sobra aclarar que Carlos Muñoz é un apaixonado da caza. Tamén está acusado do vaciado ilegal da lagoa RAMSAR de Valdoviño.

Os que aínda non marcharon
Se pola Consellería de Medio Ambiente a limpeza foi total malia que o espírito dos sucesores é de clara continuidade, na de Medio Rural pola contra as cousas seguen exactamente como estaban.

Rosa Quintana
Rosa Quintana Carballo, conselleira segue sen presentar a dimisión que lle esiximos nas rúas de Compostela o 4 de outubro, e dubidamos que teña a decencia de facelo de aqui a rematar o mandato. Ela é a responsábel directa da xestión do Monte Pindo, en virtude do consorcio existente co Concello de Carnota que lega na súa área a xestión directa deste espazo, acordo que nestes momentos o alcalde de Carnota Ramón Noceda trata de reverter por motivos obvios. Asi mesmo, foi denunciada por esta entidade ante o Valedor do Pobo por negarlle aos veciños información sobre o operativo de extinción do incendio, que a día de hoxe aínda non recibimos, o que motivou que o Valedor do Pobo lle chamara a atención en tres ocasións e vaia remitir un comentario crítico ao Parlamento galego por esta actuación que viola a normativa galega, española e europea.

Sara Romero Sueiras
Xa no campo máis próximo, a Xefa de Distrito Forestal V Sara Romero Sueiras segue no seu cargo. Executora da orde que mandou paralisar o voluntariado ambiental organizado na iniciativa SOS Monte Pindo, está imputada pola súa participación na denominada trama Maceiras que derivou nunha investigación policial a gran escala chamada Operación Forest, unha caste de mafia forestal que utilizaba as identidades de persoas descoñecedoras, discapacitadas e incluso difuntas para xustificar subvencións por limpezas de montes ou plantacións que en moitos casos non se realizaban. Nesta trama Sara Romero está imputada por certificar estas actuacións, xunto con empresarios, banqueiros e outros funcionarios da Xunta.

Marisol Piñeiro e José Oreiro
Malia que as súas acusacións teñen menos que ver coa cuestión ambiental, dous dos políticos que máis paos puxeron na roda da protección e o desenvolvemento do Monte Pindo para os seus veciños, o ex-alcalde de Carnota José Oreiro Rodríguez e a deputada do Parlamento galego e ex-tenente alcalde de Carnota, Marisol Piñeiro Martínez, tamén poderían sentar nas bancadas do TSXG en próximas datas. Pese a que no seu día o prometían no Programa Electoral do PP de Carnota, hoxe en día ambos son firmes opositores do Parque Natural do Monte Pindo pese a vivir nas súas saias, senrazón que levaron ata o extremo de defender que o Monte Pindo se pechara ao público para convertelo en coto de caza maior e incluso a votar en contra de que a Xunta indemnizara aos seus propios veciños afectados polo incendio. Segundo a Fiscalía José Oreiro e Marisol Piñeiro poderían ser copartícipes dun delito de prevaricación ao contratar a dedo cando gobernaban en Carnota, polo que ambos poderían ser inhabilitados.
Fontes

26/06/14

400 nenas e nenos unen as súas voces nun disco polo Monte Pindo

12 corais infantis de Galiza e todo o estado únense nun disco solidario que xa podes mercar na nosa tenda web

Portada do CD "O Bosque Encantado"
400 nenas e nenos de 12 corais distintas uniron as súas voces nunha fermosa iniciativa da produtora Microrec bautizada coma "O Bosque Encantado", un proxecto musical cooperativo e solidario cuxos beneficios irán integramente destinados á Asociación Monte Pindo Parque Natural para poder continuar co seu traballo en defensa do Monte Pindo e para a restauración ecolóxica deste espazo.

Na obra actuaron corais de centros educativos e tamén conxuntos musicais consolidados no xénero coma o Coro Encanto, as Voces Brancas da Polifónica de Bergantiños, o Coro Xuvenil Clave de Sol, Coro Melodías, etc...

O proxecto naceu cunha convocatoria aberta que foi atendida por 12 conxuntos de todo o estado que aglutinan máis de 400 nenas e nenos. Isto deu como resultado un disco corido, variado e dinámico, no que se misturan música tradicional, espiritual, versións de música pop e ata composicións inéditas feitas para a ocasión, coma a peza elixida para o adianto do disco, O Son do Bosque, do Colexio Montespiño (preme para escoitar).

A obra xa está dispoñíbel en exclusiva para todo o público na nosa tenda web por 15€, que serán integramente destinados á Asociación Monte Pîndo Parque Natural que agarda poder recadar preto de 2.000€ con esta iniciativa. Antes, por suposto, o volume foi distribuído ás corais participantes que amosaron unha gran satisfacción polo resultado, e que en moitos casos grazas a isto ademais dispoñen por primeira vez dunha carta de presentación musical en soporte físico polo que tamén, para elas, o proxecto será moi positivo.

A Asociación Monte Pindo Parque Natural non pode máis que amosar a súa gratitude por tan xenerosa iniciativa, tanto á impulsora da iniciativa, Microrec Producciones, coma a profesorado dos conxuntos participantes, e moi nomeadamente a todas as nenas e nenos que crearon música pensando no seu medio natural e Olimpo Celta, pois é nas súas mans nas que está o noso futuro e por iso a eles dedicamos cada paso que humildemente damos.

25/06/14

A frustrada iniciativa de repoboación do Monte Pindo medra con formidábel vigor, e reaparece o lirio de monte

Carballo anano abrollando ao
pe dun castiñeiro repoboado
Día do solsticio de verán do 2014, 285 días despois da destrución completa do Monte Pindo, o macizo é un deserto arbóreo. Pero non todo. Hai unha zona, nas inmediacións de San Cibrán, que foi obxecto da intervención dun importante grupo de voluntarios inscritos na iniciativa SOS Monte Pindo que días despois sería bloqueada pola Xunta sen solución de continuidade por amabilidade da xefa do distrito forestal, Sara Romero. Mais precisamente nesa zona o panorama comeza a semellar ben distinto ao resto do monte.

A pesar de que a intervención tivera lugar en plena seca, boa parte da plantación xurdida do xeneroso esforzo do voluntariado saiu adiante con formidábel vigor, e por iso en San Cibrán os carballos, castiñeiros e ameneiros sementados por milleiros abrollan por doquier, e o que eran delicados plantóns cun par de follas xa son robustos proxectos de árbores de entre 10 e 15 centímetros.

O carballo anano loita pola supervivencia
Asi mesmo, de xeito absolutamente natural o carballo anano (Quercus lusitanica Lam) aproveita o seu carácter pirófito para recolonizar por milleiros o terreo que o lume lle arrebatou, mais non sen oposición. Nas zonas máis baixas e humanizadas destas ladeiras atopa a competencia cerril do eucalipto, cuxos rebrotes xa superan o metro e en breve serán un problema serio para a poboación do carballo anano, e nas zonas altas erosionadas é o toxo quen recoloniza máis rápidamente pechandolle tamén a porta. É nas zonas con obstáculos (ao redor de pedras e madeira derrubada) onde este carballo autóctono único en Galiza consegue asentarse mellor. Curiosamente, estase asociando tamén aos castiñeiros deixados polos voluntarios: en moitos sitios nos que non había nada, grazas ao voluntariado agora hai un novo castiñeiro e ademais un novo carballo anano, especie vulnerábel. Preguntaremos aos expertos a explicación desta simbiose.

Último informe de SOS Monte Pindo
antes de ser paralizado pola Xunta
Pola contra, nos terreos nos que a Xunta presume de actuacións a fotografía segue a ser a da devastación dunha paisaxe semidesértica, e mesmo incómoda de transitar como puideron comprobar esta fin de semana os sendeiristas que participaron na Romaría dos Muiños de Caldebarcos, que comprobaron nas súas carnes o difícil que é andar por onde a Xunta pasou, e a onde nunca volveu.

San Cibrán convírtese deste xeito nun laboratorio da esperanza, na vitoria absoluta da iniciativa popular contra os corsés burocráticos que negan ao pobo as súas arelas e mesmo ameazan con sancionar o esforzo dos bos e xenerosos que dicía Pondal, e que aquí luxaron as mans e as almas do negro chapapote da morte do noso medio natural. Por certo, San Cibrán é o lugar onde o verde da vida reemprazou por primeira vez o negro da morte despois do lume.

Reaparece o lirio de monte por primeira vez desde o lume
Fotografía: Roi Carballal (CC BY-SA)
O lirio de monte (Iris boissieri), esa fermosísima flor en risco crítico de extinción a nivel mundial que atopáramos no Monte Pindo só semanas antes do lume despois de anos sen novas dela, volveu ser atopada esta fin de semana por outro amante do Monte Pindo, Roi Carballal, que apurou a comunicarnos a boa nova, colgada tamén na páxina biodiversidade.eu. O máís abraiante deste descubrimento é que se dou nunha zona onde nunca antes fora documentada a presenza desta especie. Está claro que despois de moitos meses de desazón e rabia, o Olimpo Celta reservou o magnífico evento do Solsticio de verán para darnos as boas novas que tanto agardamos.



20/05/14

Unha nova hipótese sitúa a orixe do nome do Monte Pindo na lingua gaélica

Da man do Proxecto Gaelaico, un traballo colectivo liderado por -entre outros- James J. Duran, Ph. D. (Séamas Ó Direáin), doutor en Lingüística pola Universidade de Stanford de EEUU, Alberto Lago Villaverde, licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela ou Henrique Egea Lapina, licenciado en Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago de Compostela, chéganos unha plausíbel iniciativa que pretende reivindicar dun xeito didáctico a íntima relación da cultura e mitoloxía irlandesa coa galega a través da fala e por tanto entre as súas correspondentes nacións. Este equipo enunciou unha nova -e ata o momento inédita- hipótese para explicar o incógnito por que do nome do Monte Pindo, unha cuestión que ten dado para moito debate nos círculos especializados e na propia sociedade local, e que xa temos traído a colación nesta páxina no artigo "Os nomes do monte sacro dos nosos antergos".

Este texto avala a versión de que o topónimo do macizo granítico carnotá sempre fose o que hoxe ten, e ilústrase a posibilidade de que a denominación Monte Pindo obedeza á descrición física dun monte escuro, e que correspondería case literalmente coa tradución das ditas palabras en calquera dos dialectos do gaélico: binn ou beinn, que describen un pico nos dialectos gaélico irlandés e escocés respectivamente, e dubh, adxectivo para describir algo escuro indistintamente en calquera das dúas variantes. Admitindo esta hipótese, Binn Dubh equivalería a Pindo e ademais ofrecen varios exemplos de montes fisicamente similares ao carnotá e denominados exactamente dese xeito nas terras celtas, ao igual que o propio territorio no que se asenta o mirador da Costa da Morte, denominado xa polos romanos coma o dos Celtici Supertamarci.

Agradecemos aos autores esta nova achega de luz sobre un tema certamente interesante, e tomámonos a licenza de reproducilo literalmente polo seu interese para todas e todos os amantes do Olimpo Celta e do seu patrimonio histórico, asi coma os entusiastas da cultura celta, non sen antes rogarvos encarecidamente que visitedes a súa páxina para descubrir multitude de exemplos do vencello entre as mitoloxías galegas e irlandesas que nos ilustran, e que cando menos dan moito que pensar.
Pindo: Pico ou Montaña Escura
En Galicia, no municipio de Carnota, na provincia de A Coruña, hai unha montaña coñecida como Pindo. Existen numerosas lendas sobre esta montaña, que algúns historiadores románticos galegos consideraron o Olimpo Celta.

Coa intención de botar un pouco de luz sobre a orixe do nome desta famosa montaña galega, detémonos nas súas características físicas. O Pindo é unha inmensa masa de granito escuro cunha altura máxima de 627 metros. Pindo, a parroquia onde está situada, debe o seu nome a esta montaña.

Como xa dixemos, a súa cor escura é unha das súas principais características. Podémolo apreciar claramente na seguinte imaxe.

Monte Pindo (Carnota-A Coruña-Galicia)
É frecuente que os topónimos se formen con termos descritivos da lingua propia dos habitantes da zona.

Segundo a opinión xeral, os habitantes de Galicia son descendentes da poboación nativa que a ocupou durante milenios, e no existe constancia de grandes inmigracións no territorio galego. Por isto, os topónimos de Galicia deberían describir claramente os lugares ós que dan nome.

Así e todo, moitos deles son indescifrables desde o galego, a lingua propia. Por isto, enténdese que deben proceder de linguas faladas polos seus antigos poboadores, pero que actualmente xa non se falan nin se entenden.

Dado que Galicia era claramente unha rexión celta no momento da conquista romana, examinamos o topónimo Pindo desde a perspectiva das linguas celtas, máis especificamente desde a perspectiva da rama das linguas goidélicas ou gaélicas.
LINGUA
PALABRA
SIGNIFICADO
gaélico irlandés
binn
pico, cumio (por ext. montaña)
gaélico escocés
beinn
pico, cumio (por ext. montaña)

En gaélico irlandés, o son representado pola letra b conserva a súa sonorización. Así, o son é bastante similar ó do b galego /b/ en posición inicial de palabra. Isto pode dar lugar a engano na lingua escrita, xa que o b galego se suaviza, converténdose nun son similar a /v/ en posición media ou final de palabra, mentres que a letra b irlandesa non se suaviza nestas posicións.

En gaélico escocés, o b pronúnciase como a consoante xorda /p/ sen aspiración, dun xeito moi similar á consoante galega ou castelá p
/p/.
LINGUA
PALABRA
SIGNIFICADO
gaélico escocés e gaélico irlandés
dubh
escuro
gaélico irlandés
binn dubh
pico escuro / montaña escura
gaélico escocés
beinn dubh
pico escuro / montaña escura

Observemos unha imaxe de Beinn Dubh “pico escuro” ou “montaña escura” en Trossachs National Park, cerca do pobo de Luss, Escocia, cunha altura de 978 metros.

Beinn Dubh (Escocia)
Agora vemos unha imaxe de Binn Dubh en Connemara National Park, Irlanda. Altura: 696 metros.
Binn Dubh (Irlanda)

A similitude física entre Pindo, Binn Dubh e Beinn Dubh é evidente. Tendo en conta a pronuncia, a semellanza entre os topónimos tamén é evidente, aínda que a sílaba tónica é diferente nos topónimos gaélicos e no galego.

Cremos que a adaptación á lingua romance galega de calquera dos dous topónimos gaélicos que vimos é o suficientemente clara e non deixa lugar a ningunha dúbida razoable.

(gaélico escocés) BeinnDubh > Pindo (galego) “pico escuro/montaña escura”
(gaélico irlandés) BinnDubh > Pindo (galego) “pico escuro/montaña escura”

Ler o artigo orixinal en Proxecto Gaelaico

08/05/14

O Monte Pindo, referencia estatal nunha publicación xeolóxica mundial

Portada da edición
Unha vez máis, a sorprendente estrutura xeolóxica do macizo carnotá é motivo de estudo no mundo. As páxinas da biblioteca monográfica de xeoloxía World Geomorphological Landscapes, (ed. Springer, 2014), destaca o Monte Pindono seu volume dedicado ás paisaxes xeolóxicas do estado español Landscapes and landforms of Spain, e concretamente no seu capítulo dedicado a Galiza, polo que as formas do Olimpo Celta volven a ser noticia na esfera internacional grazas a estas follas (redactadas en inglés) cedidas por xentileza dos seus autores, e en concreto do gran colaborador da nosa causa e director do Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal, Juan Ramón Vidal Romaní, para que as compartamos coa comunidade de entusiastas do Olimpo Celta:

Tese Doutoral sobre o Olimpo
Non é a primeira vez que temos que agradecer a impagábel labor divulgadora que o colectivo xeolóxico fai do Monte Pindo a nivel mundial, e non pode ser doutro xeito polas calidades deste inselberg granítico de 350 millóns de anos. No 2011 foi presentada na UDC a tese doutoral monográfica Xéneses de cavidades graníticas en ambientes endóxenos e esóxenos de Juan Antonio Mayor Rodríguez, e dirixida polo propio profesor Vidal Romaní. Velaquí a conclusión desta tese que para nós ten dimensión de manifesto:
No referente a vertente humana e social, cremos que estas formas que acabamos de estudar deben ser consideradas como monumentos naturais e polo tanto ser obxecto de especial protección polas autoridades competentes. Ser referentes no que atinxe a súa xeomorfoloxía granítica, como xa o son noutras partes do mundo como por exemplo os Yosemites en California, Castle Rock en Idaho, ou Kangaroo Island en Australia. Son referentes en primeira liña a fervenza do Xallas, os tafoni-cova e os tafoni-pía, o cume da Moa e ás formas graníticas que se atopan o longo do seu percorrido. Por todo elo é ben merecida a aspiración a parque natural como figura legal pertinente de esta zona.
MAYOR RODRÍGUEZ, J. A., "Xéneses de cavidades graníticas en ambientes endóxenos e esóxenos"(UDC, 2011)