11/09/14

O eucalipto come o Monte Pindo por acción das pasteiras e omisión da Xunta

Hoxe cúmprese un ano do incendio, en que Xunta e industria pasteira aliáronse para cambiar a vexetación autóctona por eucaliptos

Cartel do roteiro deste sábado
Un ano despois, o Monte Pindo comeza a recuperarse de xeito natural a pesar da gran afectación do lume, a brutal erosión do terreo, e a ausencia da Xunta; a vexetación baixa volve ás turbeiras, e algunhas especies en perigo coma o lirio de monte ou o carballo anano lograron sobrevivir. A día de hoxe, os camiños xa están bastante practicábeis, e de feito imos lembrar este cabodano da traxedia cun roteiro o vindeiro sábado 13 de setembro, con saída ás 10:00h de Caldebarcos.

Poren, temos malas noticias para este espazo. A Asociación Monte Pindo Parque Natural denuncia que, un ano despois do incendio, o abandono da Xunta e os intereses empresariais aliáronse na substitución da vexetación autóctona polo eucalipto, especie que lle interesa especialmente á industria pasteira.

Esta organización tivo coñecemento de que testaferros das ditas corporacións están visitando a veciños e propietarios particulares nas saias do Monte Pindo, para xenerosamente retirarlles a madeira queimada das súas propiedades e unha posterior repoboación. Pero logo esas repoboacións fanse sempre con eucalipto, independentemente da especie que houbera antes. Por outra parte, temos recibido queixas de que cando estas corporacións reciben permiso para plantar, mesmo actúan en terreos colindantes para os que non teñen ningún tipo de acordo cos propietarios. Non nos consta que para as súas actuacións pediran tampouco permiso nin da administración local e a Comunidade de Montes de Caldebarcos, propietarios do monte, nin da propia Xunta, responsábel da súa xestión, nin moito menos que ninguén da administración, como a Xefa do Distrito Forestal Sara Romero, a mesma que nos prohibiu ao voluntariado plantar carballos e castiñeiros recollidos na zona despois do lume pois "non tíñamos permiso", alzara a voz porque se esté suplantando a vexetación autóctona por eucaliptos, indiscriminadamente, en pleno Lugar de Interese Comunitario - Rede Natura 2000.

Lirio de monte, en risco crítico de extinción a nivel mundial,
logrou sobrevivir ao lume. (Imaxe: Roi Carballal)
Deste xeito, a presenza do eucalipto, que antes do lume era anecdótica na superficie do futuro Parque Natural, hoxe mesmo ameaza o hábitat do carballo anano (Quercus lusitanica Lam), escpecie vulnerábel e xoia da coroa do Monte Pindo pois non se pode ver en ningún outro lugar do noso País. Esta especie, que despois do incendio rebrotara con forza, agora ve o seu territorio ameazado por eucaliptos que crecen moito máis rápido e prívano do espazo, a luz e a auga que precisa para desenvolverse.

Non esquecemos nin perdoamos: O pirómano, sen a inacción da Xunta, non o tería logrado
Hoxe cúmprense 365 días do incendio declarado en Cima da Arca (Cornes) que en menos dunha semana tería devorado sen oposición o Olimpo Celta, espazo mítico e natural para o que os veciños levaban 3 anos alertando á Xunta do risco grave de abandono en que se atopaba, e pedindo unha declaración de Parque Natural con cuxas dotacións económicas e humanas puidera atinxirse as súas problemáticas. Sen embargo todas esas voces, asi coma a de 169 institucións, asociacións veciñais, partidos políticos ou organizacións empresariais, ecoloxistas, turísticas, deportivas... foron deliberadamente ignoradas, dando como resultado a desaparición de toda a vida natural nas preto de 2.500 hectáreas no maior incendio declarado no 2013 no noso País, suceso vergonzoso para todos os galegos que hoxe a Xunta se empeña en ignorar nas súas avaliacións e comunicados.

Agochados ou en Colombia
Tampouco a raíz do incendio ningún dos responsábeis daquela Consellería de Medio Ambiente, boa parte deles imputados por atentados contra o medio natural, mudou un ápice a súa negativa a absolutamente nada que tivera que ver con actuar, destinar recursos, ou sequera permitir aos veciños traballar por este espazo. Aínda que en consecuencia esta área da Xunta foi progresivamente decapitada mediante xubilacións forzosas ou cambios de departamento, o certo é que sobre o terreo a Xunta brillou pola súa ausencia, só aparecendo na zona uns días despois da gran Manifestación celebrada en Compostela, para desenvolver unha serie de ridículas, custosas e cosméticas iniciativas destinadas a calmar o clamor e a rabia popular non só polo incendio, senón pola espantada xeral dos responsábeis de coidar o noso Olimpo Celta, algún ata se foi de vacacións a Colombia en pleno incendio.

Tampouco tivemos máis noticias da investigación policial sobre a autoría material do incendio. As pescudas do SEPRONA ou foron infructuosas ou quedaron directamente no caixón unha vez que rematou o verán e, por tanto, o interese público en materia de incendios. A nós citáronnos no acartelamento de Lonzas (Coruña) para ver se tiñamos algunha pista sobre quen fóra. Nós dixémoslles que non, que non tiñamos nin idea do autor material, pero si do seu cómplice: a Xunta de Galicia, en grao de colaborador necesario.