Toponimia

Moita da toponimia oficial está deturpada ou é errónea
Que é isto?
A Mesa da Toponimia do Monte Pindo é unha ambiciosa iniciativa encamiñada a recuperar os nomes do macizo granítico antes de que desapareza ao ritmo de que o fagan os seus últimos testemuñas e depositarios, xente moi maior en gran parte.

Quen dirixe a iniciativa?
A iniciativa será coordinada por Manolo Souto Barreiro, profesor do Colexio de Carnota recén xubilado, que tentará sumar a toda a xente do entorno que por profesión ou vocación teña información sobre a microtoponimia do Monte Pindo e do entorno, polo que estará totalmente aberta á incorporación de toda a sociedade con interese en botar unha man.

Como se desenvolverá o proxecto?
O proxecto combinará o uso das novas tecnoloxías (aplicacións móbiles e cartográficas), a análise da documentación, cartografía e traballos xa existentes, e a recollida directa do saber popular mediante visitas a zona e entrevistas persoais con xente que coñeza ben a toponimia do Monte Pindo, e que desgrazadamente en demasiadas ocasións xa non poden acceder a pe ao espazo natural para sinalarnos os nomes, pero si o poden ver nunha aplicación dixital ou incluso nos percorridos recollidos recentemente no proxecto Trekker e incorporados a Google Maps.

Para que se fai este proxecto?
O destino dos datos recopilados será unha publicación impresa e un mapa do Monte Pindo moito máis exacto e completo que os que xa existen, nos que se solventen os topónimos deturpados ou de invención moderna.

Como podo axudar?
As persoas interesadas pódense inscribir en info@montepindo.org ou chamando ao 676633735.