Saúdo

Quero dar a benvida á Asociación Monte Pindo Parque Natural a todas as persoas preocupadas polo medio ambiente, sensibilizadas en protexer o noso patrimonio, que apoien decididamente un troco na xestión dos nosos recursos e a declaración do Monte Pindo como Parque Natural.

Co esforzo de todos imos conquerir o obxectivo para o que a Asociación foi creada; temos dereito a mellorar a nosa calidade de vida, temos dereito a recuperar o noso monte e poñelo en valor, situalo onde se merece pola riqueza da fauna, da botánica, da xeoloxía, da arqueoloxía, e a súa beleza paisaxística.

Ningún galego entendería que a Catedral de Santiago estivese abandonada, ou queimara cada dez anos: Pois o Monte Pindo é a nosa catedral, un lugar sagrado desde a noite dos tempos. Daquela coidémolo e deixémosllo ás xeracións futuras como os nosos avós no-lo legaron a nós.

En nome da Comisión Rectora, graciñas a todos.
Xilberto Caamaño Beiro
Presidente