28/07/20

Xurde ADECOM en defensa da natureza e dos intereses sociais da Costa da Morte

A Asociación Monte Pindo Parque Natural saúda entusiastamente o nacemento da Asociación en Defensa da Costa da Morte (ADECOM), primeira grande entidade nacida da sociedade civil da nosa comarca que botou a andar na noite do solsticio de verán do ano da pandemia, como conclusión do proceso de reflexión colectiva ao que chamou a nosa entidade despois do anuncio de que a Xunta planeaba eliminar boa parte do escaso arborado do Olimpo Celta coa excusa da "prevención de incendios".

Por iso, en Monte Pindo estamos orgullosos e orgullosas do papel importante que tivo a nosa loita para cubrir unha vella demanda da nosa comarca nunca atendida: a dunha entidade formada pola sociedade civil que teña por único obxecto a defensa dos intereses ecolóxicos e socioeconómicos da poboación da Costa da Morte. Ademais contamos cunha boa representación na súa activa coordinadora, que xa está a dar pasos para abrir debates moi necesarios e sempre adiados na nosa bisbarra, coma o da xestión do lixo, o impacto do turismo masificado nas comunidades locais ou o futuro do eucalipto.


Neste último asunto xa temos novidades importantes, pois ADECOM vén de convocar a mesa de debate "Eucalipto, presente e... futuro?", aberta á sociedade, precisamente para debater da man das comunidades e axentes sociais a viabilidade dun futuro alternativo nos nosos montes ao monocultivo do eucalipto, que pase pola diversificación e lle xere un maior retorno ás comunidades locais e tamén máis respecto polo medio natural.

O debate está previsto para o sábado, 8 de agosto, ás 20 horas na Finca Cambeiro de Corcubión. Por suposto participaremos agardando que se poida impulsar un cambio de modelo que reverta a degradación dos nosos montes e o progresivo abandono do medio rural.

Por motivos de control do aforo e cumprimento das medidas de seguridade ante o Covid-19 hai que inscribirse e portar mascarilla.

Longa vida a ADECOM, pois será vida para a Costa da Morte!

Podes unirte a ADECOM na súa páxina, e seguila en Facebook, Twitter e Telegram.