O Pindo, 17 de outubro de 2010: Unha docena de veciños e veciñas preocupados polo estado de abandono do Olimpo Celta reúnense na casa dunha delas no Pindo, onde determinan crear a Asociación Monte Pindo Parque Natural para pedir que a Xunta reconsiderara a súa negativa inicial á iniciativa dunha vintena de académicos das 3 universidades galegas. 5 anos despois, aquela idea converteuse nun movemento social referencial para milleiros de galegos e galegas e arquicoñecido a nivel galego e mesmo estatal, as maiores vilas e cidades do País ilumínanse de verde en apoio dun Olimpo Celta que é xa o 3º espazo natural máis coñecido e valorado da provincia da Coruña, e case 200 entidades e un masivo 73,3% da sociedade que apoian a idea de declaralo Parque Natural. Hoxe xa só falta por convencer á nova Conselleira.![]() |
| José Rodríguez Ramos |
Con Pepe e ducias de persoas máis alcanzamos o gran Xigante pétreo que millóns de anos despois segue no Chan de Lourenzo vixiando a subida á Laxe da Moa desde o Pindo. Baixo a súa atenta mirada, percorremos a historia da Mina de Wolfram, a verdadeira historia do Castelo de San Xurxo onde a Raiña Lupa está soterrada co seu amante e o seu incalculable tesouro, as murallas do Castelo da Moa nas que tamén está enterrada a mesma raíña, a xerra medieval que o propio padre de Pepe atopou agochada nunha rocha, a Cova da Xoana onde as meigas da nosa comarca celebraban en San Xoán o seu famoso aquelarre, e tantas outras lendas e historias que os participantes foron capturando atentamente nos beizos dun home que -tamén- xa é lenda.
Ao volver, a iso das 19:00h, no Pindo agardaba aos asistentes que aínda tiñan forzas un extenso programa de actividades para conmemorar a onomástica de Monte Pindo Parque Natural, e que arrincaron cun breve saúdo do alcalde de Carnota Ramón Noceda, para expresar o seu apoio e ánimo para seguir adiante cunha loita que só pode acabar nunha vitoria. Xil Caamaño, veciño do Pindo e presidente da Asociación desde a fundación, presentou o acto chamando a unirse para lograr o mellor para o noso Monte e logo o secretario Mario Maceiras debullou os 5 anos da súa existencia, destacando que se ben o obxectivo fundacional non se puido acadar aínda, atravesáronse ducias de metas intermedias coas que nunca teríamos sequera contado, poñendo o Monte Pindo en boca de todas e todos.
A continuación o recital poético presentado pola nosa tesoureira e veciña do Pindo Merche Díaz encheu o acto de Versos no Olimpo, caldeando unha noite que se presentou fría e chuviosa. Varios autores das pezas publicadas na antoloxía poética do Monte Pindo leron as súas composicións, xunto con espontáneos e outros que quixeron presentar poemas inéditos de colleita propia.
![]() |
| Homenaxe a Pepe do Fieiro, quen se amosou emocionado |
![]() |
| Pedro Sestayo |
![]() |
| Imaxe do convivio |
Agardamos que o meigallo de César nos sirva para que o Parque Natural do Monte Pindo chegue por fin e sen obstáculos, cousa que agardamos aconteza pronto pois esta mesma semana o gabinete da Xunta acaba de informarnos que axiña nos recibirán nunha reunión as novas Conselleiras de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e Medio Rural, Ánxeles Vázquez. Asi parece confirmado que o colectivo de loita polo Monte Pindo volverá a San Caetano, de novo, coas faltriqueiras cargadas de razóns e de argumentos para que a Xunta tome dunha vez a decisión de acabar co abandono do Monte Pindo, para protexelo e desenvolvelo coma un espazo natural tan emblemático se merece, e como a veciñanza nos merecemos. Se finalmente aceptan, na Asociación Monte Pindo Parque Natural atoparán unha aliada. Porque 5 anos perdidos xa son demasiados, incluso para un monte sacro de 350 millóns de anos.



