29/09/15

Vidal Romaní augura que nun ano o Monte Pindo será Xeoparque

De entre os grandes valedores do Olimpo Celta, o catedrático de xeoloxía Juan Ramón Vidal Romaní foi sempre un dos máis entusiastas e comprometidos coa protección deste espazo natural, desde unha perspectiva fortemente enraizada coas pedras deste macizo granítico carnotán.

Vidal Romaní acaba de ingresar na Real Academia Galega de Ciencias, acto solemne no que tivo a honra de estar presente a directiva da nosa entidade e que saldaba unha débeda histórica con esta disciplina do coñecemento, vén de conceder unha ampla entrevista a El Correo Gallego na que fai gala do seu gran humor e enxeño, mais tamén da súa confianza no pronto avanzo do nivel de protección do Monte Pindo, ao que mesmo se atreve a sinalarlle data.

O tamén director do IUX Parga Pondal (UDC) ironiza na entrevista con que o espazo leva aí 350 millóns de anos "sen que se tiveran que gastar cartos", con só evitar que se destrúa con canteiras e minas ou se cubra con cascallos. E, inquirido polo medio sobre as posibilidades de velo declarado xeoparque, non dubida á hora de dicir que xa o sería se os responsables autonómicos foran xuizosos (sic), e que ademais non lles ocasionaría gastos. Por iso, confía que a arelada protección do espazo chegue en breve e mesmo atrévese a prognosticar que isto podería acontecer o próximo ano.

Romaní salienta que a xente ignora o valor da historia dos 1.160 millóns de anos que se acumulan debaixo dos nosos pes, e defende que o Monte Pindo xunto con outros lugares do País coma O Courel, Serra do Xurés, Manzaneda, Cañóns do Sil... conforman un patrimonio xeolóxico suficiente para desenvolver unha nova modalidade de turismo xeolóxico na nosa comunidade. Só hai que lembrar que o propio profesor dirixiu hai poucos anos a tese doutoral Génesis de cavidades graníticas en ambientes endógenos y exógenos (Juan Antonio Mayor Rodríguez,. 2011) na que se defende que o Monte Pindo é un dos sitios xeoloxicamente máis interesantes do mundio, ao nivel dos arquicoñecidos Yosemite, Castle Rock, ou Kangaroo Island en Australia.

Agardemos que os prognósticos do catedrático non anden moi desencamiñados, aínda que temos as nosas serias dúbidas sobre o carácter xuizoso que se lle presupón aos nosos responsables autonómicos.