05/09/13

Un incendio arrasou onte 65 hectáreas nas proximidades do Monte Pindo

Durante varias horas de onte, 4 de setembro, a atención de todos estivo posta no lugar de Arcos (Mazaricos) onde un incendio se extendía descontrolado pola zona e ameazaba con alcanzar o espazo natural protexido do Monte Pindo se non conseguía pórselle freo rápido.

Foi un membro da Comisión Rectora da Asociación Monte Pindo Parque Natural, Jorge Pérez, o que avisou ao distrito do que aínda era unha pequena columna de fume na zona arredor das 12 da mañán. Dase a circunstancia de que Jorge está empregado nestes momentos como xefe de brigada, polo que puidemos contar cun informante de excepción que se ocupou tamén das moitas chamadas dos medios de comunicación de todo o estado que fixeron deste asunto portada das súas edicións dixitais pola tarde, demostrando o enorme interese que calquera incidencia relacionada co Monte Pindo subscita.

En pouco tempo extendeuse polo monte raso chegando a calcinar 65 hectáreas, e o despregue de efectivos posibilitou que ao fío das 22 horas os esforzos das brigadas xa se concentraran en refrescar o perímetro. A afectación foi mínima en comparación coas 600 hectáreas arrasadas no 2005, pero queremos convidar a unha reflexión. Nesta ocasión a alarma deuse rápido, o lume comezou nunha zona de matogueira sen arborado a carón do maior acuífero da zona (o embalse de Santa Uxía), durante unha certa tregua dos fortisimos ventos que azotaron a nosa bisbarra nas últimas semanas. A pesar de todos os esforzos dos profesionais, e de contarmos cun despregue de efectivos moi semellante ao dos momentos álxidos no ano 2005, todo isto non puido evitar a desaparición de 65 hectáreas durante 10 horas. Que pasaría noutras condicións menos benevolentes, logo?

A Asociación Monte Pindo Parque Natural quere lembrar que este xa é o segundo susto vivido na zona en dous anos, pois o ano pasado o lume prendera no Petón das Bouzas. Lamentabelmente no que se refire a protección do Monte Pindo absolutamente nada cambiou en case 10 anos, nin sequera despois de que en 2005 ardera na súa práctica totalidade. O que si cambiou é que agora temos unha organización social concenciada coas súas problemáticas que vai loitar por ver este espazo convertido no primeiro Parque Natural da Costa da Morte nesta lexislatura, caia quen caia.

Por último, queremos aproveitar a ocasión para preguntarlle á Xunta de Galicia e a Administración central polo destino dos 110.000 e 250.000 euros que -respectivamente- aseguraron en 2010 que investiran no Monte Pindo. Desde logo en puntos de auga, mellora de accesos, sinalización, retirada de madeira queimada do incendio do 2005 e repoboacións non foi, porque todo iso temos que facelo nós. Mira que debe ser difícil gastar 360.000 euros nun monte sen que absolutamente ninguén note nada, cando nós levamos 3 anos facendo roteiros, recuperando camiños case esquecidos e espazos degradados, facendo divulgación e investigación científica e natural... sen gastar nin un patacón das arcas públicas. É máis, levamos dous anos pedindo axudas para crear un verdadeiro Centro de Interpretación do Monte Pindo, e ata hoxe déronnos... nada. Será que teñen medo a que a xente vexa o que nós podemos conseguir cuns poucos miles de euros, e se pregunte onde están os 360.000 que din gastar no mesmo sitio?