30/03/13

Carnota acolleu a presentación do cartel das Xornadas DCAC

Presentación das Xornadas
A II Mostra de Promoción Local de Carnota "Víndemo Ver", entre o seu extenso programa de actividades, acolleu a presentación da programación e imaxe gráfica das Xornadas de Historia e Patrimonio "De Castros a Castelos", unha ambiciosa iniciativa que se desenvolverá no concello carnotán os días 1 e 2 de xuño.

Cartel das Xornadas
 Foi a tenente de alcalde e veciña do Pindo, Merche Díaz, a anfitriona do acto, durante o cal saudou á organización deste evento no seu municipio que espera que contribúa, dixo, a consolidar Carnota coma destino arqueolóxico de referencia dentro e fóra de Galiza, dando asi continuidade a todo o esforzo que desde o municipio se está a facer para a posta en valor do seu patrimonio, coa recuperación de petroglifos, excavación do Castro de Mallou, o Monte Pindo e, sobre todo, o inconmensurábel esforzo feito durante o pasado verán para rescatar dos toxos a fortaleza da Torre dos Mouros, un proxecto promovido polo concello de Carnota, da man dun importante equipo técnico, comunicativo e voluntario.

Díptico das Xornadas
Nese senso, Mario Maceiras, secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural, pronunciou que o interese fundamental do seu colectivo é que asi sexa, e que este programa tan ambicioso debe servir para consolidar os ditos avanzos en materia de recuperación do patrimonio local, de xeito de que veciños e visitantes non só coñezan senón que poidan entender o verdadeiro significado, obxectivo e funcionalidade desas estructuras antigas que temos sementadas polos montes non só de Carnota senón de toda Galiza. Asi, convidou a toda a veciñanza, asi coma aos que aman o patrimonio e a historia de Galiza, a que aproveiten esta ocasión única para achegarse dun xeito tan completo a un período de 2500 anos que abarca desde os castros ata o derrube dos castelos medievais baixo as armas das Irmandades.

Interior do díptico
Por último, Carlos J. Galbán, historiador e coordinador técnico destas Xornadas, presentou o cartel e resumiu a programación, dividida en catro bloques temáticos: Castros e romanización, tardoantigüidade, castelos medievais e a súa destrución, e un bloque último dedicado a Comunicacións, é dicir, que quen queira poida presentar os seus propios traballos e reflexións sobre calquera tema relacionado dos que motivan as xornadas.

Palestra pública do venres sobre patrimonio
Asi mesmo, o venres a programación do Víndemo Ver acollía unha mesa redonda sobre o patrimonio local, a onde a nosa asociación tamén foi convidada, xunto co escritor Francisco X. Fernández Naval, o arqueólogo Lukas Santiago, o veciño e neodescubridor da Torre dos Mouros Jordi Tato, e o concelleiro de cultura Iván Franco. Este encontro coa veciñanza interesada nos nosos tesouros patrimoniais serviu para achegar posturas e ideas sobre os retos que o noso patrimonio nos obriga a enfrontar, as potencialidades para facer de Carnota un punto quente da xeografía galega á hora de ver nun só concello toda a evolución histórica que experimentou o noso país ata os nosos días, a través dos restos que nos foi deixando cada etapa.