10/05/12

Nace o Proxecto Torre dos Mouros

Restos da Torre dos Mouros. Foto: Antón Malde.
Nada facía presaxiar hai menos dun mes, cando divulgamos o achado casual dun veciño, puidéramos traervos xa unha noticia tan boa: o novo castro ou fortificación atopado no Monte do Castro en Lira, a Torre dos Mouros que xa fora citada nalgúns textos antigos sen precisaren nunca a súa localización exacta, xa está a coller forma mediante un proxecto para o seu estudo e excavación, grazas ao interese que subscitou o descubrimento no Concello de Carnota e nun grupo de veciños e especialistas. Congratulámonos de presentarvos o Proxecto Torre dos Mouros, que nace coa vontade de integrar a veciños e visitantes na recuperación do noso patrimonio cunha ilusionante iniciativa que aspira a desentrañar todos os misterios deste tesouro arqueolóxico de procedencia aínda ignota.

Este venres 11 de maio, ás 20:30 horas, a Concellería de Cultura e Deportes do Concello de Carnota emprázanos a todas e a todos a unha xuntanza no Salón de Actos da Casa Consistorial para explicar exactamente en que vai consistir este proxecto, no cal vai cobrar unha importancia moi destacada a acción voluntaria.

Agardamos que este primeiro piar da iniciativa contribúa a avanzar na boa dirección de seguir socializando os nosos bens patrimoniais e tamén a facer partícipes aos seus herdeiros, os veciños e as veciñas de Carnota, na recuperación e o estudo dunha Torre dos Mouros que promete moitas, moitísimas sorpresas.