17/08/11

A Asociación Monte Pindo vai anunciar un importante descubrimento histórico no marco do I Simposium

A laboura da Asociación Monte Pindo Parque Natural intensifícase e diversifícase cada día, moitas veces como froito da programación feita a medio e longo prazo pola Comisión Rectora, pero outras veces empurrados polas circunstancias e mesmo por xiros impensables dos acontecementos.

O traballo de campo desenvolvido polos socios durante as últimas accións de voluntariado remataron nun sorpredente achádego que sen dúbida vai colaborar a achegar información moi valiosa sobre a Historia deste macizo granítico tan singular da orografía galega, o Monte Pindo, tradicionalmente inzado de misterios e de lendas pero que, a veces, decide disipar neboeiros revelándonos interesantes probas que corroboran e concretan realidades que, froito da transmisión oral, se remataran perdendo ou remexendo cos mitos.

Será o presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural, Xilberto Caamaño, o encargado de anunciar este descubrimento sen precedentes no marco da súa intervención inaugural do I Simposium Monte Pindo; é dicir, este sábado 20 ás 10:00 horas.

A Asociación lembra a asistencia a este foro é libre e gratuita, asi como que quen o desexe aínda está a tempo de se anotar ao xantar, o que debe facerse inscribíndose e ingresando o custo do xantar (15€) na conta da nosa Asociación antes do venres 19 de agosto. Para máis información, podedes contactarnos en info@montepindo.org ou por teléfono ao 667 39 31 73.