![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEiTz146qrA4gYGRCzY2v5mVjwReDbqT63621M91T1q9wRwPBh_QSI4wYn_zzMKyuY4e9I0DQ_Y2C0msGycfaqVXjf_Ra9Z-EtkXWGvJQOxEbVkPBJItr9ShH_Sy2IuN2PAifnzx8S6ie3Y/s400/MPPN-BNG.jpg)
Á xuntanza, solicitada polos nacionalistas, asistiron por parte do noso colectivo o presidente Xilberto Caamaño, o secretario Mario Maceiras, asi como Lidia Figueiras e Xoán Manuel Lestón, membros da Comisión Rectora. Polo BNG asistiron o candidato á alcaldía Ramón Noceda, a portavoz municipal Merche Díaz e a responsable local do BNG Belén Campos.
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEg09-t_G30DTLedia2Hd_YEj-nfzaQiViWheCKlU3xWOhOJrAt7gzHGMdNmtM3jeLQz-C6KVF0-J-DlmnqVkdqqwNpv8jgH3aWKq1X1Rt9wRJPv1xX13RbrHFTF1iL81NrJiRbY8fz3780/s320/MPPN-BNG2.jpg)
Durante o encontro Moncho Noceda reiterou a total colaboración do BNG coa Asociación Monte Pindo Parque Natural, fíxonos entrega dunha copia do programa electoral e explicou os apartados relativos ao medioambiente e o Monte Pindo. Ademais Noceda tomou nota das propostas transmitidas polo presidente da nosa entidade, relacionadas coa intervención municipal no coidado e a protección deste espazo natural asi como a colaboración no arranxo de varios roteiros e espazos de interese que se atopan actualmente moi degradados. Xilberto tamén aproveitou para agradecer o apoio do BNG a esta causa desde o principio.
No canto ás propostas do BNG no caso de acadar a alcaldía de Carnota, resumimos aqueles apartados que consideramos de maior interese para os nosos obxectivos:
- Apoio inequívoco do goberno municipal de Carnota ao recoñecemento do Monte Pindo como Parque Natural.
- Colaboración do goberno municipal coa Asociación no deseño dun programa permanente de actividades (roteiros, subidas á Moa...) a desenvolver durante todo o ano.
- Mellora e sinalización dos principais accesos ao Monte Pindo.
- Formación de guías especializados para potenciar un acceso seguro ao Monte Pindo de veciños e visitantes.
- Integración dos roteiros do Monte Pindo nun futuro roteiro de sendeirismo costeiro entre Muros-O Pindo pola costa, cuxas xestións xa están iniciadas.
- Revalorización dos conxuntos arqueolóxicos e musealización dos conxuntos de petroglifos fundamentais do noso concello, é dicir: Laxa Escrita, O Filladoiro e As Laxiñas.
A maiores, noutros puntos do programa tamén se destaca o gran interese do BNG en colaborar coa nosa asociación: dentro do apartado que dedican ao fomento da participación veciñal e o reforzo do asociacionismo, propoñen a integración de todos os colectivos do noso Concello nun Rexistro Municipal de Asociacións co que pretenden que toda a veciñanza se implique no deseño das políticas municipais e tamén nos criterios de reparto dos orzamentos.
Estes son, en rasgos xerais, os aspectos que consideramos de maior relevancia para os interesados na defensa do Monte Pindo. Se os socios e colaboradores da Asociación Monte Pindo Parque Natural o desexan, poden consultar o documento íntegro no noso local no Pindo.