18/04/11

Recuperamos o camiño a Pedra Cabalgada e visitamos a Cova dos Morcegos

Unha ducia de persoas seguiron a convocatoria do sábado desafiando un sol de xustiza para, convintemente armados con fouciños e outros enseres de desbroce, reabrir un camiño tradicional que levaba moitos anos impracticable polos toxos e as xestas, e aproveitando para recoller a toponimia e as lendas da zona.

O tramo recuperado transcurre desde a Solaina do Pindo ata a Pedra Cabalgada, un impresionante monumento natural en forma de bolo granítico xigante que, cal estatua, parece suxeitarse en fráxil equilibrio cunha peana.

Se ben a xornada foi moi produtiva, deixou pendente unha segunda visita, na que sinalaremos o roteiro axustándonos á normativa internacional de sendeirismo e clarearemos o camiño de numerosas árbores caídas polos sucesivos incendios, o que converte varios tramos nunha auténtica carreira de obstáculos.

Nace o «pinding», un novo e esixente deporte
Unha vez alcanzado o noso destino na Pedra Cabalgada, que celebramos sacándonos fotos de recordo, xantando, descansando e cantando, aínda tivemos folgos para continuar ata a Cova dos Morcegos, ascendendo a pulso por duras e escarpadas ladeiras inzadas de outeiros graníticos.

Esta esixente actividade física, que a retranca dos participantes deu en bautizar como pinding, levounos ata a máis grande das covas coñecidas no Monte Pindo, duns 15 metros de fondo e unha altura dunha persoa adulta, e que salvou a numerosos veciños da represión franquista durante a Guerra Civil.

A Asociación agradece a todos os asistentes a súa colaboración, sen a cal non sería posible recuperar esta fermosa senda que amplía aínda máis as posibilidades de disfrute das marabillas do Monte Pindo, e que nos anima a seguir nesta liña de traballo.

E como colofón da xornada, unha inesperada recompensa
A anécdota máis simpática produciuse xa ao remate da dura xornada. Un xubilado, veciño do lugar, sorprendeuse ao vernos derreados e recobrando as forzas na fonte da Solaina, polo que nos preguntou de onde víñamos. Nada máis descubrir que acabábamos de recuperar este sendeiro que case nin recordaba, agradeceunos o noso traballo e quixo ser o primeiro en inauguralo cun paseo na grata compaña do seu can. Este é, sen dúbida, o maior premio que podemos agardar ao noso esforzo.

Nota: A maioría das fotos deste artigo son por cortesía de Juan Louro Cambeiro, veciño do Ézaro. Podedes ver máis imaxes da xornada no seu album de Facebook. Tamén vos convidamos a disfrutar do seu excelente blog.