11/01/11

O natural non é soño

Artigo de opinión publicado orixinalmente no xornal Galicia Hoxe.

Peregrinou ata o Olimpo, alí entre as rochas buscou entre tanta inmensidade pétrea as sete figuras dos seus netiños, e entón pregou coas bágoas esvarando polas meixelas fronte á enigmática dureza de ton misterioso. O ritual era rematado na media noite despois da hora meiga, intre no que cravaba na aba unha cruz por cada neto.

A realidade do Monte Pindo é que existe ese lugar onde os soños mesmo semellan auténticos. Aquí, nesta paraxe emblemática de Galicia o real e ideal quedan apreixados nun só estímulo de profunda inspiración.Estamos ante un conxunto paisaxístico de referencia, malia todo é atacado por actuacións tan irresponsables como irracionais. A súa deteriorización pode ser irreversible para o futuro, polo que é necesario conservalo e protexelo desde xa, antes que para o místico Pindo sexa demasiado tarde, nunha desas tardiñas baixas, que con admiración desde o seu cumio se contemplan, sumidos nun estadio de letargo admirando a intensa astucia das augas do océano para furtar os escorregadizos azos luminosos.

Raios de penetrante luz que recupera e achega a Asociación Monte Pindo Parque Natural, o seu obxectivo principal é concienciar a sociedade e traballar para que esta paraxe sexa con todo merecemento, non existe dúbida, Parque Natural. Unha mensaxe a desta Asociación que está tendo unha grande acollida e resposta por parte da sociedade en forma de adhesións coa súa iniciativa. Numerosas institucións e asociacións de diferentes ideoloxías amosan o seu apoio a esta iniciativa. De momento o que permanece insensible é o Observatorio Galego da Biodiversidade.

O Monte Pindo é único, Galicia non debe abandonar ao seu infortunio esta xoia decorada de especiais rubís; necrópole pétrea, flora e fauna que desde a súa atalaia transmiten unha débil sinal no pórtico oceánico que tenta afastar espíritos malignos coa súas enérxicas ondas, o réquiem pola destrución do Pindo non debe ser xamais entoado. Parabéns para a Asociación Monte Pindo Parque Natural, a súa iniciativa e desvelos teñen un valor natural sen comparanza, unha satisfacción loitar por causas de xustiza natural e albiscar desde a porteliña da esperanza unha diminuta chamiña imperceptible na distancia que a bo seguro aliviara parte dos desvelos das avoas que pregan desoladas polos seus descendentes no místico Monte. Que xamais o desánimo se impoña, pois estas son as datas da renovación e do lume novo.

Non podemos abandonar nas gadoupas dos conscientes irresponsables un Monte con tanto potencial, venerado tantas veces e acubillo protector dos fuxidos da represión, así como barrelo de mitos e crenzas que perduran no incansable latexo da súa gran vixía, a Moa.

Xosé Manuel Lobato (Boqueixón) é un escritor galego.
Doutor en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade de Compostela, centra as liñas da súa laboura no estudio do fenómeno migratorio galego.