21/10/10

Nace a Asociación Monte Pindo Parque Natural

Esta semana un grupo de persoas preocupadas polo devir do noso medio ambiente, e apaixoadas polo Monte Pindo, reuníronse para constituír formalmente a Asociación Monte Pindo Parque Natural, unha organización sen ánimo de lucro de carácter plural, a través dunha ampla Comisón Rectora na que asumen un papel moi destacado ata 11 vogalías territoriais para garantizar o trato directo con veciños e axentes sociais.

Poucas palabras poden expresar mellor as motivacións desta nova organización como as escollidas por Xilberto Caamaño (na imaxe) nada máis ser escollido presidente: "ningún galego entendería que a Catedral de Santiago estivese abandonada, ou queimara cada dez anos; pois o Monte Pindo é a nosa catedral".

Por iso mesmo é que entendemos que hai que comezar a traballar en serio, promovendo figuras de desenvolvemento e protección que rematen co actual abandono dese espazo e o poña en valor, como é a declaración de Parque Natural proposta por ADEGA co apoio dunha multitude de expertos, polos inmensos beneficios sociais, medioambientais e economicos que suporía para o noso entorno.

Pouca dúbida cabe de que unha proposta tan positiva e de futuro debería estar liderada desde as institucións públicas, por ser estas as máis representativas da sociedade e tamén por debérense en exclusiva a defender o interese común. Desgrazadamente o Concello de Carnota rexeitou apoiar esta causa antes de consultar sequera a opinión de veciños e axentes sociais, polo que se fixo case imperativo crear unha Asociación que demostre que se equivocan nos seus prexuízos, para que quen o desexe poida poñer o seu gran de area na defensa do Monte Pindo.

Convidamos a todos aqueles interesados no noso medio a incorporarse a esta Asociación, sexa asociándose ou colaborando coas iniciativas que desenvolvamos. Porque o Monte Pindo, esta catedral natural de 300 millóns de anos cun pé no mar e outro na terra, da que todas e todos somos privilexiados posuidores e que tanto nos fai gozar ás persoas que nos confesamos súas amantes, tamén precisa da nosa axuda para frear a degradación e o abandono.

Esperamos poder contar con esa axuda de todas e todos vós.