08/06/21

A mafia eólica volve a tentar facerse cos montes de Carnota tras dez anos de paz

Vista dos montes de Lariño e o Monte Louro desde a Torre dos Mouros (Lira)

Xusto cando se cumpren dez anos de tranquilidade desde que paralizáramos a última ameaza, os montes do noso Concello volven a estar no punto de mira das multinacionais enerxéticas que lanzaron este ano unha bestial opa hostil sobre os montes galegos, co visto e prace da Xunta, que xa pareceu dar total carta branca a estas instalacións plantexadas indiscriminadamente por todo o noso territorio.

Neste caso, a mafia eólica lanzou o "Parque Eólico Cabazo", co obxectivo de apoderarse dos montes virxes sitos entre Carnota e Muros, na antiga Serra de Fontevico, onde pretenden instalar nada máis e nada menos que 9 dos polémicos macroxeradores que están a subscitar a reacción social en todo o País.

Porque resulta que estes xeradores non teñen nada que ver cos "clásicos" viraventos que xa existen por ducias no noso concello, senón que case triplican o seu tamaño. Como se pode ver neste deseño de ADECOM, os novos muiños de vento superan os 200 metros de altura na punta da aspa para xerar 10mW, mentras que os antigos apenas chegaban a 80 metros e xeraban menos dun mW.

Isto multiplica tamén o ruido, o efecto estroboscópico, o impacto paisaxístico e en definitiva degradan para sempre o medio natural e o atractivo da zona, a cambio dun retorno ínfimo ou directamente inexistente para as comunidades locais, mentras que as multinacionais que promoven estes proxectos apañan para as súas sedes fiscais beneficios multimillonarios. Pola súa parte, os membros da Xunta que os apoian vense recompensados mediante as infames portas xiratorias. De aí que os colectivos ambientais falen xa de mafia eólica, pois son parte dun mesmo esquema fraudulento de corrupción con favores públicos que se retroalimenta.

Monte Pindo chama a apoiar masivamente as alegacións a este proxecto

A Asociación Monte Pindo asume coma propias as alegacións elaboradas pola Asociación Petón do Lobo, e chama á veciñanza de Carnota e ás súas entidades sociais a presentar tamén estas alegacións, pois delas pode depender que logremos evitar que un novo espazo natural privilexiado do noso municipio caia en mans da depredación. Asi mesmo, agardamos que a corporación municipal se pronuncie canto antes contra este proxecto aberrante que golpea o noso Concello na súa principal fortaleza: o seu medio natural.

Podedes descargar aqui o modelo de alegacións
Cadro resumo das características do Parque Eólico Cabazo

02/06/21

Descubertas novas especies que xustifican aínda máis o Parque Natural e a ampliación da Rede Natura

Malia que a pandemia parou case todo durante o último ano e medio, a actividade científica non cesou e seguimos tendo grandes noticias no relativo á biodiversidade que acolle o noso territorio. Estamos moi felices de poder anunciar o descubrimento de varias especies botánicas no entorno que xustificarían por si mesmo a protección deste espazo.

Rhaponticoides africana

Especime no Pindo, foto de Javier Calvo
Trátase dunha especie de centáurea (de feito antes chamábase Centáurea africana) que acaba de de ser descuberta no noso concello por primeira vez, nas inmediacións do Monte Pindo, e da cal polo momento só coñecemos outra poboación máis no noso País, sita na localidade de Carril, no municipio de Vilagarcía. 

Pero é que ademais un experto que tivo a ocasión de observalo sostén que o especime localizado no Pindo garda sensíbeis diferencias coa súa irmá do sur, que xa se están a analizar para comprobar se se trata da mesma subespecie ou dunha nova.

En calquera caso, unha nova incorporación que entra pola porta grande ao Catálogo de Especies do Monte Pindo.

Vandenboschia speciosa

Especime en Vilaza, foto de Carlos Boullón
Trátase dunha especie de fento catalogada coma vulnerábel, que vén de aparecer por vez primeira no noso municipio, e concretamente nun cauce fluvial que polo momento non desvelaremos para non perxudicar a especie. A súa presenza, que ademais aparece asociada a outros fentos igualmente raros e protexidos, xustifica por si mesmo a protección do noso entorno. E non o dicimos nós, senón o propio artigo científico que fai eco da descuberta:

"Sería recomendábel ampliar o ZEC Carnota-Monte Pindo (ES 1110008, Fig. 1) a fin de proporcionar acubillo legal para a localidade carnotá de V. speciosa (SANT 78434) e para outros elementos de pteridoflora paleotropical en perigo de extinción que están presentes en bebedoiros próximos, coma Dryopteris guanchica Gibby & Jermy e Hymenophyllum tunbrigense (L.) Sm."

Armeria x carnotana

Armeria beirana, foto de Roi Carballal
Pouca veciñanza sabe que existe unha especie de herba de namorar que leva o nome do noso municipio, produto dunha hibridación entre as especies Armeria beirana e Armeria pubigera, e ubícase no noso concello sobre todo nas dunas de varias das nosas praias e en menor medida nos rochedos e vexetación densa de cantil.

Este endemismo galaico-portugués, do que desgrazadamente non temos ningunha imaxe, foi descrito en 2012 polo amigo desta entidade Jaime Bernardo Blanco-Dios.

Nota: Todas as imaxes deste artigo foron tomadas da magnífica páxina biodiversidade.eu, proxecto que desde Monte Pindo Parque Natural apoiamos e recomendamos encarecidamente.

01/06/21

Carta aberta ao alcalde de Carnota

Estimado alcalde:

Lamentamos ter que recorrer a esta carta para expresarche o noso malestar polo completo desinterese expresado polo goberno que presides cara a homenaxe que vimos de dispensar o pasado domingo 30 de maio a unha das nosas figuras máis senlleiras e que máis ten contribuído a poñer O Pindo e Carnota no mapa: Don José Barreiro Barral.

Foi un acto moi emotivo mais libre de sentimentalismos, que fixo xustiza histórica con quen redescubriu o Olimpo Celta dous séculos despois de que o Pai Sarmiento falara del, e a cuxo estudo e protección dedicou a maior parte da súa vida, dando como froito a primeira obra literaria monográfica sobre o Monte Pindo e atrevémonos a dicir que sobre o noso Concello: "Montes do Pindo, Olimpo Celta e deserto de pedra".

Mais tamén recoñecemos outra faceta moito menos coñecida de Barreiro: a daquel pintor de barcos ou igrexas que desde as súas humildes posibilidades (que basicamente se reducían á súa pluma), dedicou tamén a súa vida a defender o pobo do Pindo, Carnota e a nosa bisbarra, para a que esixiu desde as páxinas dos principais medios de comunicación atención e respecto, servizos básicos, infraestruturas ou sanidade e educación dignas, algo que tiña moito mérito e importancia nunha época na que as viaxes a unha cidade se contaban en días. 

En definitiva, homenaxeamos un erudito local que amou e defendiu o noso Pobo coma o que máis, tanto que o seu compromiso con este espazo levouno a pedir nas súas últimas vontades ser enterrado nas saias do Monte Pindo, malia ser natural de Porto do Son e non ter sequera familia nin panteón na localidade.

Esta merecidísima homenaxe foi secundada por unha importante representación da súa familia e das súas grandes amizades (incluíndo o ex-presidente da Deputación Enrique Marfany) e moitas máis persoas que o admiramos e nos declaramos orgullosas herdeiras do seu legado. Por iso nos resultou especialmente triste non contar coa representación de ningún membro do goberno local de Carnota, quen deste xeito deu a espalda non só ao Pindo, senón a unha das nosas principais figuras históricas -desde logo a primeira que mereceu unha placa nos nosos rueiros- e á súa familia e amizades.

Entendemos que ti e o teu equipo tes unha axenda apretada aínda que seguramente aliviada en canto ao número de actos e eventos públicos pola pandemia. En cambio si tivestes a ben acudir recentemente en representación institucional do noso Concello a outra homenaxe, a dispensada a Manuel Rodríguez Louro polo veciño Concello de Dumbría, segundo soubemos a petición do seu alcalde. Lamentamos que unha entidade con sede no Concello que presides, e ao que levamos dedicado máis dunha década de traballo desinteresado e abnegado, non mereza a mesma atención e trato; os nosos reiterados convites nin sequera obtiveron resposta.

A insensibilidade demostrada polo teu goberno non será esquecida facilmente, e seguramente explica o estado de abandono no que se atopa actualmente o Monte Pindo, xoia da corona do noso municipio, pois os seus principais accesos (incluíndo a rota a Penafiel) levan tempo pechados de matogueira e sen ningunha atención do teu executivo. Supoñemos que agardas a que o alcalde de Dumbría o pida, agora que chega o verán e comezarán a organizar as súas rutas. Tamén supoñemos que esta falta de sensibilidade ten que ver con que recentemente Lariño veña de perder definitivamente unha das súas xoias tras a demolición con nocturnidade e alevosía da Caseta de Miche, cunha implicación incerta do teu goberno neste ataque ao noso patrimonio cultural e mariñeiro. Se desde logo este vai ser a túa "política" atoparasnos en fronte, xusto onde estivemos sempre ante quen ameazou o noso medio.

Despedímonos sinceiramente desexándote un cambio de rumbo.

Comisión Rectora de Monte Pindo Parque Natural

31/05/21

A obra de Barreiro volverá a ver a luz 35 anos despois da súa primeira edición

Crónica da emotiva homenaxe a Barreiro Barral

A Asociación Monte Pindo Parque Natural rendiu onte unha merecidísima homenaxe a José Barreiro Barral, primeiro cronista do Olimpo Celta e considerado un deses «eruditos locais» fundamentais para a posta en valor os nosos principais espazos naturais, pois son os que crean o testemuño que logo recollen os membros da comunidade científica que se ocupa destes lugares tan singulares.

A homenaxe desenvolveuse no Pindo nun día radiante que permitiu ás máis de medio cento de persoas que se achegaron, incluíndo unha importante representación da familia, gozar do acto nas mellores condicións. O cheo absoluto da Confraría de Pescadores do Pindo, localización elixida para iniciar o acto e que completou o máximo aforo permitido pola actual situación sanitaria, anticipaba que o acto sería memorábel. Iniciou o mesmo Merche Díaz, secretaria da propia confraría e tesoureira da Asociación Monte Pindo, que exerceu de anfitriona e mestra de cerimonias, presentando primeiro ao dúo musical de excepción conformado por Bieito Romero pai (Luar na Lubre) e fillo (Dequenvessendo), quen acompañaron musicalmente o acto tocando a zanfona e o acordeón, respectivamente.

Ocuparíase da semblanza ao homenaxeado Manuel Gago, xornalista e profesor galego, editor do considerado primeiro blog en lingua galega aínda en funcionamento e director do portal do Consello da Cultura Galega, quen fixo unha viaxe polos aspectos máis coñecidos de Barreiro Barral, gran estudoso e apaixoado polo medio natural en xeral e polo Monte Pindo en particular o que plasmou en varias obras, pero tamén dos menos coñecidos, como que foi un gran defensor do pobo e esixiu en numerosas cartas e escritos aos medios de comunicación as necesidades sanitarias ou educativas neste recanto do rural galego. 

Rematada a intervención de Gago, a homenaxe trasladouse desde a confraría ata o Porto do Pindo, á que foi a casa de Barreiro Barral no Pindo durante máis de 40 anos, rehabilitada recentemente polos seus actuais propietarios que se amosaron encantados de colaborar coa iniciativa, para descubrirlle unha placa que fixará para sempre a súa memoria no rueiro do Pindo. Ali tivo lugar un recital poético polo escritor ourensán afincado en Lira Chisco Fernández Naval, quen debullou varios dos textos de Versos no Olimpo, a antoloxía poética do Monte Pindo, edición que el mesmo coordinara xunto con Miro Villar.

Seguindo coa orde das intervencións, o presidente da Asociación, Xil Caamaño, agradeceu en nome da comunidade de amantes do Olimpo Celta o contributo impagábel de Barreiro Barral, quen máis de 200 anos despois do Pai Sarmiento foi quen de recuperar a súa historia, dignificar o espazo natural e poñelo en valor para iniciar un traballo de redescuberta do que a nosa entidade se declara orgullosa herdeira. non quixo Xil rematar sen anunciar unha grandísima noticia, e é que chegamos a un acordo cos herdeiros de Barreiro Barral para publicar por fin (e en galego) a obra magna de Barreiro: Montes do Pindo, Olimpo Celta e deserto de pedra, 35 anos despois da súa primeira -e esgotadísima- edición. Monte Pindo ponse a traballar xa para devolver ás librarías de todo o país esta obra que apenas se pode adquirir no mercado de segunda man, mais cuxa lectura debería ser case obrigada para coñecer os valores deste Monte que aínda tanto ten que depararnos, pois moitas das preguntas que -como ben dicía Gago- nos legou Barreiro seguen sen resposta, incluída a ubicación da xa mítica dobre espiral de Barreiro que descubriu e nunca máis atopamos

Clausurou o acto a propia filla de Barreiro Barral, María Esther, quen nos deixou unhas emotivas palabras en nome de toda a familia e tamén un recordo para o seu irmán e irmá que tristemente non puideron acompañarnos. Tamén nos agasallou unha anécdota que resume o nivel de compromiso do seu pai con este espazo natural, xa que cando considerou que estaba preto de deixarnos pediu ser enterrado no Monte Pindo, mais non incinerado, senón transportando os seus restos en cadaleito monte arriba, o que tras o lóxico pánico da familia e negociacións co cura, conseguiron por fin satisfacelo garantindo que os seus restos repousarían nun recanto «abrigadiño» do cemiterio local, nas faldas do Olimpo Celta, onde descansa eternamente ata a actualidade no espazo ao que dedicou a súa vida, que segundo Esther merece a máxima protección que da a figura de Parque Natural, pola que nos convidou a seguir loitando apoiando á Asociación que o defende.

Agradecemos a todas as persoas que nos acompañaron neste día, con especial cariño á súa familia e aos poñentes, asi como a todas as persoas que colaboraron dun e outro xeito con esta homenaxe necesaria a quen fixo que o Monte Pindo sexa hoxe en día tan grande. Lamentamos, por outra parte, o desinterese do goberno local con este acto e por tanto cunha figura histórica tan importante para o Pindo e para Carnota, e a primeira que desde logo ten dedicada unha placa no noso rueiro.


10/05/21

Monte Pindo homenaxeará a Xosé Barreiro Barral o vindeiro 30 de maio

A Asociación Monte Pindo Parque Natural retoma a súa actividade normal tras a pandemia e elixe para este significado momento homenaxear un dos seus principais referentes históricos: Xosé Barreiro Barral, primeiro cronista e gran estudoso do macizo, ao cal dedicou un artigo e unha obra completa: "Os Montes do Pindo, Olimpo Celta e Deserto de Pedra"; a primeira -e esgotadísima- obra literaria monográfica sobre o mítico macizo granítico carnotán.

As actividades terán lugar o domingo 30 de maio no lugar do Pindo, cun programa que inaugurará ás 11:30 horas na Confraría de Pescadores do Pindo a súa secretaria (e nosa tesoureira) Merche Díaz. A continuación terá lugar unha actuación musical a cargo de Bieito Romero (Luar na Lubre) e do seu fillo Bieito Romero Diéguez (Dequenvessendo). Logo será o turno de Manuel Gago, quen estará a cargo da lembranza da vida e obra de Barreiro Barral.

Logo, ás 13:00 está previsto que o acto se desprace ata a que foi a súa vivenda (que foi rehabilitada este ano), onde comezará a segunda parte do acto cun recital poético da obra "Versos no Olimpo" por "Chisco" Fernández Naval e unha pequena actuación musical, para a continuación descubrir a placa conmemorativa que fixará para sempre a memoria de Barreiro Barral nas nosas rúas, a cargo de Xilberto Caamaño, presidente de Monte Pindo Parque Natural. Clausuremos o acto coa interpretación do noso Himno.

Con esta homenaxe, que xa tivemos que suspender varias veces por mor da pandemia, a Asociación Monte Pindo aspira a saldar unha vella débeda histórica da comunidade en defensa do Olimpo Celta cun dos seus principais valedores na época moderna; e ademais aproveitaremos o acto para facer un importante anuncio que consolidará para sempre a importancia da súa figura.

Queremos aproveitar estas liñas para agradecerlle á familia de Xosé Barreiro Barral o seu total apoio e colaboración con esta homenaxe, e en especial de xeito póstumo ao seu fillo Xosé Ramón Barreiro Fernández (quen fóra presidente da Real Academia Galega) quen desgrazadamente non nos poderá acompañar no acto pois vén de falecer recentemente. Asi mesmo, queremos agracecer os propietarios actuais da que fora casa de Barreiro a súa colaboración para que esta homenaxe sexa posíbel.

13/08/20

O Monte Pindo protagoniza unha nova publicación de escalada

Unha nova obra forma parte da historiografía do Olimpo Celta: Rocha nai; Guía de Escalada de Galicia acomete este espazo desde unha visión practicamente inédita no mundo editorial: a práctica do deporte da escalada. A ladeira de Penafiel sobre o Ézaro convírtese, na opinión dos seus autores Gustavo Vázquez Fariña e Alfonso Louro, nun dos 40 lugares galegos que máis merecen a pena para practicar esta dura mais espectacular disciplina, cun total de 9 sectores de escalada que permiten observar a nosa paisaxe desde perspectivas que moi poucas persoas puideron observar antes.

Gustavo e Alfonso son experimentados escaladores que forman parte da Escola Galega de Alta Montaña (EGAM), sendo este último ademais Vogal de Mantenemento de Zonas de Escalada da Federación Galega de Montañismo. Ambas entidades apoiaron a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural.

Desde a Asociación Monte Pindo saudamos a presentación desta obra, que se desenvolveu durante os pasados días en Coruña, Vigo, Ourense e hoxe en Lugo, e damos a benvida a calquera actividade deportiva que respecte a integridade dos espazos naturais galegos, e permita o goce de espazos coma o Olimpo Celta desde unha perspectiva substentábel.

05/08/20

As igrexas que miran ao Monte Pindo

Foto de drone da Igrexa de Santiago de Arcos
Perspectiva aérea da Igrexa de Santiago de Arcos (Fonte: Víctor Solís)

Un dos lugares rurais mellor conservados da nosa contorna é Arcos, lugar e cabeza de parroquia absolutamente privilexiado do Concello de Mazaricos, aos pes mesmos do Olimpo Celta. 

Mais tamén presenta un detalle ben particular, e é que a porta da súa Igrexa parroquial de Santiago de Arcos está exactamente orientada cara o cume do Monte Pindo.

Normalmente as nosas igrexas antigas están aproximadamente orientadas nun eixo oeste-leste, seguindo o percorrido do sol, e asi acontece na maioría das desta contorna. Porén algunhas da nosa zona en particular rompen esa norma, pois as súas portas están mirando practicamente con exactitude matemática ao cume do Olimpo Celta, onde se sitúa o vértice xeodésico do IGN, sito a 628 metros sobre o nivel do mar. É o caso da Igrexa parroquial que nos ocupa, a de San Xoán de Mazaricos (capital municipal) ou a de San Xián de Beba.

Curiosamente no municipio de Carnota, no que se ubica o Monte Pindo, ningunha Igrexa ten esta característica.