28/06/16

O Monte Pindo xa ten a súa vasilla campaniforme

A Asociación Monte Pindo Parque Natural comprácese de presentar hoxe a primeira fornada da reprodución dunha vasilla campaniforme feita a partir dos fragmentos de cerámica atopados nunha cova do macizo granítico, datadas en 6.000 anos antes da actualidade; isto significa nada máis e nada menos que a vasilla orixinal foi deixada nesta cova por algún habitante do Monte Pindo no Neolítico.

A reprodución arqueolóxica é posíbel grazas ao bo facer do ceramista Manuel Miranda, quen nos fixo entrega dunha primeira remesa de réplicas que o colectivo comezará a servir nas próximas datas ás persoas interesadas que participaron na reserva previa na nosa tenda online tenda.montepindo.gal.

A entidade veciñal recoñece o excelente traballo do artesán e tamén do Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal, que fixeron posíbel esta iniciativa, e valora xa repetir a experiencia con outras pezas cerámicas aparecidas no Olimpo Celta, coma a xerra medieval depositada no Museo do Pobo Galego.

20/06/16

Os xeólogos de toda España súmanse á declaración do Monte Pindo como Parque Natural

O Ilustre Colegio Oficial de Geólogos (ICOG), organización profesional dos xeólogos de todo o estado español, vén de comunicarnos a través do seu delegado galego, Pablo Núñez, a súa adhesión á iniciativa para declarar o Monte Pindo como Parque Natural, o que supón un impulso definitivo a esta reivindicación social que cada día subscita un apoio social e académico máis unánime, mesmo alén do territorio galego. Non é a primeira vez que contamos coa adhesion dun Colexio Oficial, pero si o primeiro que o fai que opera a nivel estatal.
O Monte Pindo durante o luar do solsticio de verán deste 2016. Foto: David Trillo Gallego
Este interese do mundo da xeoloxía polo Olimpo Celta non é casual. Cómpre lembrar que precisamente é a xeoloxía un dos valores máis importantes do Monte Pindo, pois sitúano na vangarda non só galego senón a nivel estatal e internacional. Tampouco foi casualidade que fose recentemente designado o Monte Pindo como espazo natural referencial ao que se dedicou o recente Geolodía 2016, evento que contou cun notábel éxito de asistencia e desenvolvemento. Asi mesmo non é coincidencia ver que se comezan a dedicar ao Monte Pindo todo tipo de estudos científicos do ámbito da xeoloxía, protagonizando mesmo unha Tese doutoral e incluso sendo motivo de debate e interese nun recente congreso en Porto. Mesmo a NASA fixouse na curiosa microbioloxía das nosas grotas graníticas para avanzar na busca de vida alén do noso planeta. Este incipiente interese débese en gran parte grazas ao esforzo investigador e divulgador do Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal, dependente da UDC, e en especial á constancia do seu director, o profesor Juan Ramón Vidal Romaní, gran colaborador e directivo da nosa entidade.

Vidal Romaní durante o exitoso Xeolodía 2016
Como vemos no Monte Pindo hai todo un universo por descubrir detrás de cada pedra e penedo, un potencial que ata agora en Galiza déuselle moi pouca importancia, algo que agora comeza a mudar; de feito, abriuse xa o debate sobre as propostas para nomear os primeiros Xeoparques da Península Ibérica, unha figura de recoñecemento internacional dependente da UNESCO, á que o Monte Pindo aspira como firme candidato, unha candidatura que xa estamos a preparar coa máxima ilusión por seguir situando o Monte Pindo e a nosa bisbarra no mapamundi.

Nace unha nova casa de turismo rural no Cucurujú
Seguindo coas boas noticias, vén de entrar en funcionamento unha nova casa de turismo rural, Cucurujú Aloxamento, que colle prestado o curioso e distintivo nome do lugar onde está ubicado. Trátase dunha fermosa casiña de pedra tradicional situada en plena ladeira do Monte Pindo, rehabilitada con moito gusto por Sabela Romar que agora a vén de abrir ao público, e quen xa nos comunicou o seu interese en sumarse á nosa entidade para a Costa da Morte o seu primeiro Parque Natural.

Estas instalacións veñen a ampliar a oferta de aloxamento de calidade no entorno do Monte Pindo, algo polo que non podemos máis que felicitarnos e desexarlle o maior dos éxitos para seguir, entre todos, xerando oportunidades de vida e traballo para que este recuncho tradicionalmente deprimido da Costa da Morte teña cada vez máis e mellor futuro.


07/06/16

Mil días despois do incendio do Monte Pindo catro árbores invasoras infestan o espazo natural


Hoxe cúmprense 1.000 días do devastador incendio declarado o 11 de setembro de 2013, que rematou devastando 2.500 hectáreas de espazo natural que inclúen a integridade da superficie proposta á Xunta para acoller o séptimo parque natural galego, e o primeiro da Costa da Morte. Mil días en que as medidas de restauración desenvolvidas pola entidade xestora do espazo, a Xunta, non só foron completamente insuficientes, senón que mesmo vetaron medidas que desde a sociedade pretendían suplir ese baleiro, coma a iniciativa SOS Monte Pindo.

Hoxe en día, coma a natureza é sabia reclama o terreo que lle foi arrebatado, o verde recuperou a súa predominancia sobre o negro. Sen embargo, 4 especies arbóreas invasoras aproveitan as pésimas condicións do espazo para medrar absolutamente descontroladas por doquier, colonizando centos de hectáreas. Trátanse da acacia (Acacia dealbata), a acacia negra (Acacia melanoxylon), a albicia (Paraserianthes lophantha) e o eucalipto (Eucalyptus globulus), que están a infestar a un ritmo imparábel as zonas queimadas do Monte Pindo e aledaños, estendéndose descontroladamente desde as zonas baixas e habitadas, ladeira arriba. No caso do eucalipto tamén están colonizando as cotas altas e inaccesíbeis. Cada semana que pasa é moito máis dificil erradicalas, pola maior superficie que afectan, as maiores dimensións que acadan e a crecente dificultade de acceder ás zonas afectadas con medios mecánicos. Ademais, este mes entramos nun momento crítico pois varias destas árbores producirán inflorescencias e dispersarán millóns de novas sementes que, empurradas polo vento, colonizarán zonas novas sen apenas oposición. Nunha situación extrema atópase o carballo anano, que só podemos atopar no Monte Pindo, e en cuxo único hábitar está a sufrir a competencia dunha praga do eucalipto. Pero diso xa levamos anos alertando.

A Asociacion Monte Pindo reclama á Xunta que comecen a obrar de inmediato na erradicación urxente das especies descritas, e nomeadamente as poboacións de acacias e albicias presentes nas ladeiras do Monte Pindo que dan a San Cibrán, Quilmas e ao sur do Pindo, antes de que florezan e agraven aínda máis a situación. Se deciden facelo terán toda a nosa colaboración.

Monte Pindo colabora coa USC nun estudo europeo para investigar as consecuencias do lume de 2013
Esta semana o Grupo de Ecoloxía do Lume (GEFUSC) da USC e a Asociación Monte Pindo Parque Natural acordaron colaborar no GESFIRE, un estudo científico de financiación estatal e europea que investiga as consecuencias que o incendio de 2013 sobre o Monte Pindo a través do estudo de varios indicadores naturais, un estudo científico que está a desenvolverse simultaneamente en espazos naturais queimados en distintas partes da Península Ibérica, e que tamén anunciou recentemente que detectaron un forte incremento das especies invasoras no Monte Pindo.

Froito desta colaboración o GEFUSC, representado polas profesoras Otilia Reyes e Mercedes Casal, comprométese a compartir os datos e resultados froito das súas investigacións coa entidade veciñal e tamén o compromiso de colaborar coa identificación e eliminación de especies invasoras. Pola súa parte a Asociación Mone Pindo Parque Natural, representada polo secretario Mario Maceiras a quen lle amosaron as instalacións e os laboratorios do proxecto, comprométese a colaborar e cede desinteresadamente á USC o Catálogo de Especies do Monte Pindo (CEMP), un inxente traballo de inventariado da biodiversidade presente neste espazo natural, o único que conta cun estudo destas características feito desde a sociedade e en permanente revisión, e que na actualidade xa inclúe preto de 700 especies das que unhas 150 contan con algún nivel de protección segundo a lexislación vixente.

Mercedes Casal, Mario Maceiras e Otilia Reyes

06/06/16

A Xunta despacha o Monte Pindo para logo das eleccións decepcionando a movemento social, propietarios e mundo académico

A nova directora xeral de conservación da natureza descoñecía a existencia do carballo anano
Ana Mª Díaz, directora xeral de Conservación da Natureza
O pasado venres foi a data sinalada para o encontro que o colectivo veciñal que loita pola declaración do Monte Pindo como Parque Natural solicitara en outubro do ano pasado coas recén nomeadas Conselleiras de Medio Ambiente e de Medio Rural, Beatriz Mato e Ánxeles Vázquez. Finalmente, só asistiu en representación da Conselleria de Medio Ambiente Dona Ana Mª Díaz López, directora xeral de Conservación da Natureza, quen recibiu no seu despacho á delegación conformada por Xilberto Caamaño e Mario Maceiras, presidente e secretario de Monte Pindo Parque Natural, en representación do movemento social; Ramón Noceda e Xan Lestón, alcalde de Carnota e membro da CMVMC Caldebarcos - San Cibrán, respectivamente, en representación da propiedade do Monte Pindo; e Manuela Costa e Javier Amigo, profesora de xeografía e profesor de botánica, respectivamente, da USC, en representación do mundo académico e científico, que avala a nosa proposta. Malia que tamén estaba prevista a asistencia de Serafín González, presidente da SGHN, finalmente non puido participar por problemas de axenda.

A reunión plantexárase para comprobar a sensibilidade das novas responsabilidades da Xunta para co medio ambiente galego, que ao noso entender merecían unha marxe de confianza, toda vez que na configuración anterior da Consellería estaba totalmente supeditada aos intereses urbanísticos, e tamén e nomeadamente sondear a súa disposición a adoptar medidas concretas no terreo do Monte Pindo, coma a súa declaración como Parque Natural e outras iniciativas coma o levantamento do veto autonómico ás nosas actividades de repoboación.

Na primeira cuestión é certo que detectamos un mellor talante na nova directora xeral que a súa insensíbel antecesora Verónica Tellado que fora moito máis irrespectuosa -mesmo cruel- co trato que nos dispensara. Tamén notamos que esta administración asegura ter un maior interese polo medio ambiente que os seus predecesores; mesmo recoñeceu que ata o momento a Xunta tratou o medio ambiente coma unha cuestión secundaria e que elas pretenden cambiar iso, asunción que a honra.

Sen embargo, en canto ás cuestións de fondo da reunión non podemos destacar unha actitude moi diferente á dos seus predecesores no cargo, relegando os problemas do Monte Pindo a despois das eleccións e negándose a adoptar ningún tipo de medida nesta lexislatura. Esta vez a única excusa esgrimida para non facer nada é, precisamente, a proximidade das Eleccións, que segundo a dirixente lles impide tomar ningunha decisión nos vindeiros meses. Estaremos moi atentos a outras decisións de importancia que si adopten sen importar a proximidade da cita coas urnas; o que quedou claro é que o Monte Pindo non estará entre elas.

Decepción entre propietarios, axentes sociais e mundo académico
Mato de Quercus lusitanica, onte no Monte Pindo
Despois de hora e media a representación social, veciñal e académica abandonamos a reunión compartindo unha profunda sensación de decepción, ao non obter nin un só compromiso firme da nova administración da Consellería, á que demos un amplo marxe de respecto pola súa situación transitoria, ata o punto de agardamos pacientemente nove meses este encontro, que finalmente nin se axustou ao solicitado. Porén, obter por toda resposta o recordatorio de que estamos en vésperas dun proceso electoral só supón botar balóns fóra e non fai xustiza nin demostra unha maior vontade de atender os problemas medioambientais galegos que os seus predecesores, por moito que as palabras sexan máis comedidas.

Por último temos que lamentar profundamente o descoñecemento sobre a situación do Monte Pindo, sobre todo tratándose da ex-delegada territorial de Medio Ambiente, pois asegurou que descoñecía a existencia dunha especie única en Galicia no Monte Pindo, o carballo anano (Quercus lusitanica), especie protexida pola Xunta (cando menos na teoría) que se está vendo ameazada pola proliferación de milleiros de eucaliptos a consecuencia do incendio de 2013, como temos denunciado en reiteradas ocasións.

Monte Pindo lanzará unha rolda de contactos coas demáis forzas políticas para refrescar o seu compromiso
A Asociación Monte Pindo Parque Natural, organización que cohesiona as aspiracións de 210 entidades sociais e do 73,3% da sociedade que apoia a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural, ademais dos propietarios e do mundo académico que inequivocamente tamén avalan esta medida, seguiremos loitando con paso firme para vencer a última resistencia coa que se atopa xa a nosa reivindicación: o bloqueo do partido no goberno da Xunta. Para logralo, despois de consultado o PP, abriremos unha rolda de contactos coas demais forzas políticas galegas, a maioría das cales xa se teñen pronunciado a favor da declaración do Monte Pindo como Parque Natural, para lograr que efectivamente a partir da cita electoral de outubro o absurdo veto co que nos encontramos unha e outra vez por parte dun goberno que debería guiarnos e acompañarnos se convirta nunha mala memoria do pasado, e que o veto ao Monte Pindo se convirta en votos ao Monte Pindo.